A Xunta adiou 5 anos a gratuidade dos buses para maiores de 65 mentres avaliaba o custo, o 6,5% do que xa paga ás empresas

Rueda nun acto de promoción da gratuidade dos buses para a mocidade e documento do Plan de Transporte de 2018 que xa contemplaba a gratuidade para maiores de 65 CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A medida, contemplada no plan de transporte de 2018 pero condicionada á renovación das liñas culminada en 2020, custará 5 millóns ao ano, fronte aos 77 que xa paga a Xunta ás concesionarias, 6,8 deles pola gratuidade da mocidade

Entre a sucesión de axudas directas e bonos que vén anunciando nos últimos meses o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, a xeito de lanzamento da precampaña electoral, o 25 de outubro avanzou que a partir do 1 de xaneiro as persoas maiores de 65 anos poderán viaxar gratis no transporte público interurbano competencia da Xunta, medida que foi seguida hai poucos días do anuncio de que tamén terán descontos en cruceiros turísticos.

A gratuidade do bus interurbano para as persoas maiores estaba xa contemplada no Plan de Transporte Público de Galicia aprobado a finais de 2018 co que se reorganizaron as liñas en todo o país, pero nel condicionábase a aplicación a un estudo futuro do seu custo unha vez que se completase a implantación de todo o plan. Iso ocorreu a finais de 2020, e agora a Xunta calcula que a gratuidade para maiores de 65 terá un custo duns 5 millóns de euros ao ano, o que supón o 6,5% dos 77 millóns ao ano que o Goberno galego está a pagar ás concesionarias de autobuses. Deles 6,8 millóns van destinados á gratuidade da que xa viñan desfrutando os menores de 21 anos.

Plan de Transporte Público de Galicia aprobado a finais de 2018 CC-BY-SA Praza Pública

Tras unha sentenza do Tribunal Supremo de 2016 que anulou as prórrogas das concesións de buses decididas por Feijóo en 2009, a Xunta viuse obrigada a sacalas novamente a concurso, para o que as reorganizou e modernizou a través do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) aprobado a finais de 2018. 

Aquel documento xa contemplaba expresamente descontos e gratuidades para familias numerosas ou para a mocidade, primeiro ata os 18 anos e desde 2020 ata os 21 anos. Pero tamén avanzaba, no seu apartado 6.7, que "á vista dos resultados que se produzan tras a implantación total do PTPG, e en particular no que ás súas implicacións orzamentarias se refire, a Xunta de Galicia ten a intención de analizar a repercusión económica e a viabilidade da implantación dunha tarifa bonificada para maiores da idade de xubilación establecida con carácter xeral en cada momento". 

A propia Xunta deu por completamente implantado o plan de transporte o 23 de decembro de 2020. Pero non é ata agora, tres anos máis tarde, que concreta a gratuidade para persoas maiores de 65 anos, que segundo di custará uns 5 millóns de euros ao ano.

Financiamento do Plan de Transporte Público de Galicia segundo a última memoria anual CC-BY-SA Xunta de Galicia

A última memoria anual do plan de transporte cifrou en 102 millóns o custo do servizo, dos que só 25 se obteñen por venta de billetes, mentres que os restantes 77 millóns son achegados pola Administración ás concesionarias por diversos conceptos

Segundo a última memoria anual do Plan de Transporte Público, correspondente ao período que vai entre xullo de 2021 e xuño de 2022, nese tempo o funcionamento dos buses interurbanos tivo un custo de 102 millóns de euros, dos que só 25,2 millóns son obtidos pola compra directa de billetes ou bonos por parte das persoas usuarias. 

Os restantes 77 millóns son achegados dun ou doutro xeito polas arcas públicas: 48,2 millóns como compensación pola consideración de servizo público deficitario para as empresas, 17,4 millóns polo uso de liñas regulares tamén para o transporte escolar -outras liñas exclusivas dos colexios son xestionadas directamente pola Consellería de Educación-, 4,5 millóns polas rebaixas nas áreas de transporte metropolitano asumidas tamén en parte polos concellos, e 6,8 millóns polas bonificacións da tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos.

A estes cartos haberá que engadir agora os 5 millóns que a Xunta calcula que custará a gratuidade para maiores de 65 anos, que suporán o 6,5% dos 77 millóns que o Goberno galego xa vén pagando ás concesionarias de autobuses. 

Persoas usuarias dun autobús do sistema de transporte público da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Para desfrutar da nova gratuidade, dun máximo de dúas viaxes ao día, os beneficiarios, como o resto de persoas bonificadas, deberán precargar a tarxeta de transporte e pagar con ela, e despois a Xunta reintegraralles os cartos cada 15 días

Segundo a normativa que está a preparar a Xunta para a súa aplicación a partir do 1 de xaneiro, a medida aplicarase a un máximo de 60 viaxes ao mes por persoa, isto é, dúas ao día. Para desfrutala, e ao igual que o resto de usuarios con gratuidades ou bonificacións, a persoa deberá precargar unha tarxeta de transporte e pagar con ela as viaxes que faga, e despois cada 15 días a Xunta reintegraralle os importes consumidos. O beneficiario tamén deberá ir provisto no momento de empregar o transporte público dun documento de identidade acreditativo da súa idade por se é requirido tanto polo persoal da empresa de transporte como polo da Administración que supervise o sistema.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.