Un total de 115 colectivos e agrupacións de mariscadores e mariñeiros, ecoloxistas, confrarías ou grupos de voluntarios convocan a unha manifestación este domingo baixo o lema En defensa do noso mar e "en defensa exclusivamente dos sectores produtivos do mar galego" logo dunha crise dos pellets que é, din, "a gota que rebordou o vaso" pola súa xestión por parte das administración e que afonda nunha situación crítica que "vén de moito tempo atrás".
Os convocantes aclaran que a marcha é só "en defensa dos sectores produtivos do mar galego" e que a xestión dos 'pellets' foi "a gota que rebordou o vaso" nunha crise "de moito tempo atrás"
Os convocantes insistiron no obxectivo dunha marcha ante as continuas alusións da Xunta e do PP, que advirten das motivacións electorais e dunha intención "claramente política", como manifestou este venres a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Tamén o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, teimou no "interese claramente electoral" co que vincula a BNG e PSdeG, que xa anunciaron que acudirán á marcha. "Está clarísimo, é evidente e se se esforzasen en negalo faríano máis evidente porque a xente, parva non é", dixo o xefe do Executivo.
"Hai moitísimo interese político, interese electoral, de seguir levantando bulos", dixera Rueda o día anterior, cando cualificou a mobilización dunha "manifestación case da oposición contra si mesma".
Rueda insiste no "interese electoral" da manifestación e a conselleira Vázquez advirte do dano á "imaxe" de Galicia que pode provocar a mobilización
Vázquez foi máis aló e pediu aos convocantes da marcha —que parte ás 12 do mediodía da Alameda compostelá— que "coiden a imaxe" de Galicia, advertindo dos efectos que no país pode ter o que na Xunta se considera alarmismo. Así, a conselleira criticou "ata onde se é capaz de chegar" por querer "arrastrar votos" de cara a unhas eleccións próximas.
Os convocantes, en resposta ás acusacións, insistiron en que a mobilización non ten ningún tipo de connotación política senón que se realiza "exclusivamente en defensa dos sectores produtivos do mar galego". Nunha rolda de prensa en Carril, explicaron que o que pretenden é transmitir á sociedade galega que o modelo produtivo da pesca tradicional está en perigo.
Para o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, a manifestación é máis necesaria que nunca para "obrigar á Xunta a tomar medidas para que o mar galego teña futuro". Rubido criticou que a día de hoxe non haxa sobre a mesa ningún plan de actuación por parte do goberno autonómico para resolver os problemas do sector. "O único que hai son promesas electorais", indicou.
Os convocantes da marcha advirten que o modelo produtivo de pesca tradicional está en perigo e que o sector leva dez anos sufrindo "desprezo" e "esquecemento" por parte da Xunta
Ademais, advirten que desde hai máis de dez anos veñen sufrindo o "desprezo" e o "esquecemento" por parte da Xunta que é, segundo explican, quen ten as competencias e os instrumentos para reverter a situación na que se atopa o sector tradicional do mar galego.
"O noso obxectivo é encher a praza do Obradoiro. E se se pode dúas veces, mellor", explicaron. O presidente de Plademar Muros-Noia, Rogelio Santos, asegurou sentirse "orgulloso e agradecido" polo apoio que esta convocatoria está a recibir da sociedade. "Se o declive produtivo que está a sufrir o sector do mar fose de Citroën ou de Inditex, arderían as rúas", sinalou, quen acusou a Rueda de ser quen, precisamente, está a facer política co tema.
Para Rubido, ademais, o que o presidente da Xunta pretende é "tapar a súa incompetencia" acusándoos "de actuar politicamente".
Un manifesto do sector do mar defende a calidade do peixe fronte aos "bulos" no Consello Galego de Pesca, ao que deron plantón as mariscadoras por non tratar as súas problemáticas
Mentres, a Asociación Galega de Depuradores de Moluscos e confrarías lanzaron unha campaña para o fomento do consumo de peixes e mariscos galegos ao certificar, din, unha caída de vendas que atribúen ao "alarmismo" pola chegada de pellets á costa galega.
Ademais, nun pleno extraordinario do Consello Galego de Pesca acordouse promover un manifesto en defensa da calidade dos produtos do mar e contra os "bulos" e "falsas informacións" que atentan contra a imaxe destes alimentos, segundo informa a Xunta nun comunicado. No entanto, a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca deron plantón á xuntanza e non participou nela ao constatar que na orde do día da reunión non había punto ningún que tratase a problemática pola que pasa o marisqueo.
"Non esperamos un impacto grande dos pellets"
Respecto á recollida destes granulados, a Xunta informou de que ata o xoves pola noite reuniron 132 sacos e 9.000 quilos doutros plásticos, e que os concellos entregaron 38 sacos completos e 800 quilos de pellets e outro material que "hai que filtrar".
Ademais, a conselleira Vázquez aventurou a que "todo apunta" á que a chegada destes plásticos ás praias galegas xa "está a pasar" e que o resto que hai no mar parecen dirixirse ao Cantábrico. A titular de Medio Ambiente asegurouno logo de comparecer ante os medios xunto á directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez. Foi tras a reunión do novo comité científico casesor en materia de plásticos.
Precisamente, Salgado aludiu ao impacto dos pellets e sinalou que "hai que esperar" pero que "non esperan un impacto grande". "A cantidade sen desprezala non é grande, o material non é tóxico e vemos que a cantidade que queda nas costas é pequena e vainos a servir a todos para concienciar da problemática dos plásticos", dixo.