Este 7 de xullo tivo lugar a constitución da maior parte dos concellos galegos que por un ou outro motivo non o puideran facer o pasado 15 de xuño, principalmente polas reclamacións presentadas por algunha forza política aos resultados do reconto de votos. En total, unha ducia de corporacións municipais non foron constituídas na data prevista e fixérono este venres.
Finalmente, non houbo sorpresas nos concellos de Ribeira, Muros e Noia. Os alcaldes e alcaldeas que contaban con máis opcións de seren elixidos e elixidas fixérono finalmente e non se produciron movementos inesperados de última hora. Ao contrario que na Pobra do Caramiñal, onde o acordo chegou pouco antes do comezo da sesión de investidura.
O titular máis destacado da xornada é a asunción da alcaldía de Ribeira polo BNG a través de Luís Pérez, que se converte en rexedor co apoio de PSdeG e PBBI substituíndo a Manuel Ruiz Rivas, no poder desde 2011. O PP perde o Goberno local dunha das principais vilas de Galicia, que dominaba dende o ano 1987. BNG, PSdeG e PBBI formarán un Executivo de coalición.
"A política que faremos será a de man tendida, a do diálogo e a da participación social. Quen me coñece sabe que son unha persoa disposta a falar con todo o mundo para chegar a entendementos que garantan un maior benestar para a poboación ribeirense, e así seguirei facendo dende a Alcaldía", asegurou Luís Pérez na toma de posesión, na que incidiu en que vai liderar un "goberno de portas abertas" en Ribeira.
Un acordo a última hora fai alcalde da Pobra do Caramiñal o 'número tres' da candidatura de Nós Pobra
O Bloque tamén gobernará en Muros grazas a un pacto co PSdeG que os levará a conformar un goberno de coalición. A nacionalista María Lago convértese este venres en alcaldesa en substitución de Inés Monteagudo (PP).
O PP gobernará en Noia, como xa viña facendo no anterior mandato. A pesar de non obter a maioría absoluta, finalmente non se produciu un acordo entre PSdeG, NO.IA, Marea Cidadá e BNG. Noieses Independientes Agrupados (NO.IA) apoiou a reelección de Santiago Freire como alcalde, co que compartirán goberno nesta lexislatura.
A sorpresa saltou na Pobra, onde BNG, PSOE e Veciñxs Independentes por Pobra (VIxP) apoiaron o número tres da candidatura de Nós Pobra como alcalde da vila. Semellaba que non habería entendemento, pero coa renuncia do cabeza de lista de Nós Pobra, Xosé Lois Piñeiro, para recuncar como alcalde, achegáronse as posicións para evitar que gobernase a lista máis votada, que era a do PP. Así, e a piques de comezar a sesión de investidura, chegou o acordo para facer alcalde a José Carlos Vidal, traballador da biblioteca municipal desde hai máis de tres décadas.
Celanova, Carballeda de Valdeorras e Mazaricos tamén formalizaron os seus gobernos municipais este venres
Este venres tamén se resolveron as alcaldías de Celanova, Carballeda de Valdeorras, Mazaricos e Boiro. Antonio Puga, de Celanova Decide, recunca de novo como alcalde co apoio do PSdeG, que se integrará no goberno municipal, e do edil do BNG. A popular María del Carmen González consolídase na alcaldía de Carballeda de Valdeorras outra volta, e xa van 32 anos.
En Mazaricos Juan José Blanco (BNG) resultou investido como alcalde e comeza o seu terceiro mandato tras revalidar a maioría absoluta nas eleccións do 28 de maio. E en Boiro José Ramón Romero (PSdeG) repite como alcalde, pechando así a constitución das corporacións locais na provincia e deixando vía libre á conformación da Deputación da Coruña, na que recuncará o secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes Valentín González Formoso.