Acordo orzamentario de Sánchez e Iglesias con arrecendo a pacto de lexislatura entre PSOE e Podemos

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, na sinatura do acordo sobre os Orzamentos Xerais de 2019 © Fernando Calvo / Goberno de España

Elaborado con información de Aitor Riveiro, Irene Castro, Marina Estévez, Diego Larrouy, Rodrigo Ponce de León, Laura Olías, Antonio M. Vélez e David Lombao

Un acordo que, dende a súa escenificación, pretende ir alén do económico aínda que os Orzamentos Xerais do Estado para 2019 sexan a súa peza central. O presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, rubricou este xoves na Moncloa xunto ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, un acordo orzamentario que é tamén, en certo xeito, o pacto de mini-lexislatura ao que ambas formacións non chegaron no marco da moción de censura que desbancou do poder ao PP de Mariano Rajoy.

O acordo chegará ao Congreso cunha base máis ampla que os 84 escanos socialistas, pero sen garantías de aprobación

No documento de 50 páxinas encabezado polos logotipos do Executivo estatal e do grupo parlamentario de Unidos Podemos, asinado ás portas do límite para que o gabinete de Sánchez remita o seu marco orzamentario á Comisión Europea, figuran propostas en materia estritamente económica -como maiores inxeccións en áreas sociais- ou fiscal, caso da suba do imposto sobre a renda para quen manexe máis de 130.000 euros anuais. Pero tamén outras medidas políticas sen asignación orzamentaria mecánica como a suba do salario mínimo a 900 euros, a derrogación do tipo penal que persegue os piquetes nas folgas, accións contra a violencia sexual, límites á publicidade das apostas ou reformas en materia de alugueiro de vivenda.

Ambos grupos deben buscar os votso de formacións como ERC, PDeCAT e PNV; En Marea afirmou que no trámite parlamentario porá sobre a mesa a súa "axenda galega"

A tradución a números deste proxecto orzamentario encamíñase agora ao Congreso dos Deputados cunha base máis ampla que os 84 escanos socialistas, pero sen garantías de aprobación. PSOE e Unidos Podemos deben agora negociar con ERC, PDeCAT e PNV e poñer o foco tamén nas arestas territoriais das contas. Neste sentido, no caso galego os cinco membros de En Marea, integrados no grupo que encabeza Iglesias, aseguraron nos últimos días que na mesa negociadora da Cámara Baixa estarán asuntos como o traspaso da AP-9, a recuperación do Pazo de Meirás ou a reactivación da "axenda galega" de competencias paralizada dende 2008. Cabe agardar, tamén, que pola banda valenciana Compromís esixa compromisos en materia de financiamento autonómico.

Velaquí algunhas das principais medidas pactadas polos equipos de Sánchez e Iglesias:

Suba do salario mínimo a 900 euros

A proposta de Unidos Podemos era subir a 1.000 euros a partir de xaneiro o salario mínimo, pero no Goberno de España víano inviable e, ademais, querían deixalo nas mans de sindicatos e patronal. 900 euros é a cifra acordada fronte aos 736 euros actuais.

1% de imposto de patrimonio a partir de 10 millóns

As fortunas que superen o dez millóns de euros terán que pagar un 1% en imposto de patrimonio, segundo o acordo alcanzado. A vicepresidenta de Sánchez, Carmen Calvo, confirmouno e asegurou que forma parte da "nova fiscalidade" que prometeron os socialistas.

Suba do IRPF a partir de 130.000 euros

Increméntanse dous puntos os tipos impositivos sobre a base xeral para os contribuíntes que teñan rendas superiores a 130.000 euros e catro puntos para a parte que exceda de 300.000 euros. O tipo estatal sobre as rendas do capital sobe en 4 puntos porcentuais para as rendas superiores a 140.000 euros. Este foi un dos puntos de fricción: Unidos Podemos quería que o limiar fosen os 120.000 euros mentres que o Executivo non quería tocar inicialmente o IRPF e despois abriuse a facelo en rendas a partir de 140.000 euros.

Regulación dos prezos do alugueiro de vivendas

Os concellos poderán regular os prezos do alugueiro en zonas tensionadas e os contratos de alugueiro para persoas físicas volven ser de cinco anos

O Goberno acabou por ceder fronte ás súas posicións iniciais, moito máis minimalistas. A principal novidade é que os concellos poderán regular os prezos do alugueiro en zonas tensionadas (normalmente, os centros das grandes cidades), o que implicará un cambio da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU). Ademais, darase máis protección aos inquilinos. Os contratos de alugueiro para persoas físicas será de cinco anos e os de persoas xurídicas serán de sete, fronte aos tres actuais en ambos os casos.

Crece o orzamento para vivenda

Aauméntase o orzamento estatal de Vivenda (na actualidade é de 474,24 millóns de euros, un 0,2% menos que en 2017). Todas estas cuestións terán que ser definidas e concretadas en posteriores reunións técnicas.

I+D+I crece ao 6,7%

As contías para Ciencia e I+D+i en 2019 incrementaranse nun 6,7%, integramente no ámbito civil. Isto supón un investimento en 2019 de 273 millóns de euros. Ademais dun plan para a recuperación do talento exiliado, a partida destinada á convocatoria regular de proxectos de I+D+i de ámbito estatal incrementarase en 85 millóns máis, respecto dos 393,7 de 2018.

Baixas de maternidade e paternidade iguais e intransferibles

O acordo tamén inclúe que as baixas de maternidade e paternidade sexan iguais e intransferibles, pero a vicepresidenta matizou que se fará "de maneira paulatina". O calendario será este: 2019, 8 semanas; 2020, 12 semanas; e 2021, 16 semanas.

O acordo para aumentar as baixas de maternidade e paternidade esténdese ata 2021

330 millóns para escolas infantís coa vista posta nos concellos

"Facilitarase que as Corporacións Locais poidan destinar parte do seu superávit a realizar Investimentos Financieramente Sustentables (IFS) financiando e mellorando as escolas infantís actualmente xestionadas por estas administracións, o que supón un impacto de 300 millóns de euros. Así mesmo dotarase con 30 millóns de euros o Orzamento de 2019 para aqueles municipios que, non contando con superávit, planifiquen investimento nestas infraestruturas", sinala o acordo. Ao longo de 2019 deseñarase un plan de universalización xunto ás autonomías para incorporar ao ciclo educativo a etapa de 0 a 3 anos nunha rede de recursos integrada pública e gratuíta, aseguran.

Deixa no aire a fiscalidade de xénero

A intención do Goberno era dar unha "perspectiva de xénero" á fiscalidade, pero a súa posta en marcha queda no aire: "Coa fin de incorporar a perspectiva de xénero ao sistema impositivo nas principais figuras tributarias, vanse a realizar os traballos necesarios para analizar en profundidade a mellor forma de levar a cabo esta adaptación". O acordo si recolle que os artigos de hixiene feminina (como tampóns e compresas) pasen ao IVE superreducido da 4% fronte ao 10% actual.

A fiscalidade de xénero queda no aire, pero confírmase o IVE do 4% para artigos de hixiene feminina

Desenvolvemento do ingreso mínimo vital

Así se recolle no texto do acordo a proposta dos socialistas que é unha sorte de renda mínima. Incrementarase progresivamente a prestación por fillo a cargo, comezando nos limiares de pobreza severa que inclúen ás persoas máis necesitadas. En 2019 incrementarase a prestación actual de 291 euros ao ano até chegar a 473 euros/ano por fillo a cargo, o que permitiría unha redución da pobreza infantil severa do 14,7%, o que equivale a reducir o número de nenos e nenas en pobreza severa en 99.500, un 16% do total, segundo os cálculos do Executivo e Unidos Podemos. En 2019 terá un impacto orzamentario de 180 millóns de euros.

Máis fondos contra a pobreza infantil

Relacionado co anterior, os orzamentos destinarán 25 millóns de euros ás axudas de comedor "co obxectivo de garantir que todos os menores de familias en situación de precariedade ou risco de exclusión poidan acceder a comedor que lles garanta unha correcta alimentación". Nada máis chegar a Moncloa, Sánchez duplicou os fondos que deixara Rajoy ao destinar 10 millóns ao plan de comedores e campamentos de verán.

Retorno do subsidio para desempregados maiores de 52 anos

O acordo implica que o subsidio de desemprego para maiores de 52 anos volva ás condicións previas á reforma de Rajoy

A medida supón un gasto de 323 millóns de euros. Esta axuda foi modificada polo Goberno do Partido Popular en plena crise, en 2012 e 2013, atrasando o seu acceso até os parados maiores de 55 anos, así como diminuíndo a súa contía e con maiores dificultades de acceso segundo a renda.  O acordo orzamentario recolle a volta ao subsidio tal e como estaba antes destas modificacións do Executivo de Rajoy, co acceso segundo a renda persoal non familiar (como estableceu o Tribunal Constitucional) e suprimindo a obrigación de ter xubilarse de maneira anticipada cando se percibe.

As horas extra volverán cotizar

As horas extraordinarias volverán cotizar á Seguridade Social, tal e como o facían antes de 2012. As horas extra diminuíron durante a crise e nos últimos anos volveron incrementarse, aínda que case a metade non son remuneradas nin compensadas de ningún modo, segundo a EPA. Ademais, revisaranse as bonificacións á contratación para as empresas "co obxectivo de reducilas".

Revalorización das pensións segundo o IPC

O acordo inclúe dous aspectos: garante a suba segundo a inflación en 2019 (cunha paga compensatoria se finalmente queda por riba do 1,6% pactado polo anterior Executivo) e ademais recolle o compromiso de incluír a vinculación das prestacións ao IPC na reforma lexislativa integral do sistema de pensións. As pensións mínimas e non contributivas subirán un 3%, e inclúese o compromiso para "sentar as bases" que leven a unha maior subida no futuro. No caso galego, as pensións non contributivas contan cun complemento específico anual conxelado dende hai sete anos.

Derrogar os aspectos "máis lesivos" da reforma laboral de 2012

A reforma laboral do PP non será derrogada, senón modificada en aspectos puntuais

O Goberno e Unidos Podemos asinan derrogar antes de finalizar este 2018 algúns dos elementos da reforma laboral do PP, entre os que inclúe de maneira expresa ampliar o réxime de non caducidade do convenio colectivo (ultraactividade) e revisar as causas para a modificación substancial das condicións de traballo. Para máis adiante, destaca o compromiso para concluír coa maior urxencia posible as reformas legais da subcontratación, do rexistro de xornada dos traballadores e a igualdade laboral entre mulleres e homes.

0,2% de taxa ás transaccións financeiras

Goberno e Unidos Podemos pactaron a creación dun Imposto de Transaccións Financeiras, herdeiro da histórica Taxa Tobin. En concreto, este imposto gravará nun 0,2% as operacións de compra de accións emitidas en España. Queda fóra a compra de débeda tanto pública como privada e a compra de títulos das pemes.

Imposto de Sociedades

Tipo mínimo ao 15% e rebaixa a pemes ao 23%. O Goberno e Unidos Podemos conseguiron pechar un acordo sobre o Imposto de Sociedades para que a tributación efectiva se vexa menos afectada o uso de deducións e bonificacións. Esixirase unha tributación mínima dun 15% ás empresas cuxa cifra de negocios sexa igual ou superior a 20 millóns de euros, as entidades financeiras e as petroleiras terán un tipo de gravame do 18%, reducirase nun 5% a exención sobre os beneficios conseguidos no estranxeiro e diminúese o tipo nominal do 25% ao 23% para pequenas empresas que facturen menos dun millón de euros.

Maior control sobre as SICAV

A Axencia Tributaria asumirá a competencia para declarar o incumprimento por parte das sociedades de investimento de capital variable (SICAV) dos requisitos, como xa avanzou Montero, e o acordo establece a  limitación de concentración de capital nunha mesma sicav para poder adherirse aos beneficios fiscais. Deste xeito controlarase o uso dos coñecidos como mariachis, pequenos accionistas sen poder na sicav utilizados unicamente para alcanzar o requisito do mínimo de 100 accionistas nestes vehículos. O acordo asume que poderá provocar unha perda de capital nestas sociedades pero que se cumprirá co carácter colectivo deste vehículo de investimento, regularizando o uso fraudulento.

Imposto ás tecnolóxicas

O Goberno cumpre a súa promesa de gravar ás empresas tecnolóxicas coa creación dun Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais do 3% sobre a publicidade en liña,  intermediación en liña e a venda de datos xerados a partir de información proporcionada polo usuario. Esta taxa está destinada ás firmas cunha facturación alta: só tributarán aquelas compañías con ingresos anuais totais mundiais de polo menos 750 millóns de euros e con ingresos en España superiores aos 3 millóns de euros.

Eliminación do artigo 315.3 do Código Penal e reforma da lei mordaza

A 'lei mordaza' tampouco é derrogada e só serán modificados algúns dos seus aspectos máis controvertidos en eidos como as manifestacións, os rexistros ou o tempo de identificación nas comisarías

Unha das principais reivindicacións dos sindicatos foi a eliminación deste artigo do Código Penal que establece o delito de coaccións á folga e que a fiscalía invoca para solicitar anos de cárcere para traballadores e sindicalistas pola súa participación en folgas. Esta era unha das promesas electorais de ambas as formacións. Ese apartado forma parte dunha modificación da lei mordaza á que tamén se comprometen no acordo e que está en tramitación no Congreso. Os aspectos que queren cambiar refírense ás manifestacións non comunicadas, aos rexistros corporais, ao máximo de dúas horas de identificación en comisaría ou a revisión de sancións e infraccións.

Loita contra a fraude: como moito, 1.000 euros en efectivo

Limite de 1.000 euros ao pago en efectivo e prohibir as amnistías fiscais. Tanto o PSOE como Unidos Podemos fixeron bandeira da loita contra a fraude fiscal. Nestes Orzamentos recóllense medidas como reducir a 1.000 euros os pagos que empresarios e  profesionais poidan realizar en efectivo no seo da súa actividade, reforzar a  normativa tributaria para ser máis esixentes cos paraísos fiscais, reducir a 600.000 euros a cifra para ser incluído na lista de morosos da AEAT e incluír aos responsables solidarios, prohibir por Lei futuras amnistías fiscais, crear unha unidade central de control de grandes patrimonios e estudar a rebaixa a 50.000 euros do limiar cuantitativo de punibilidad da defraudación. Ambas as formacións asumen que a listaxe de amnistiados de Cristóbal Montoro non será publicada, como prometeu Sánchez.

Modificar a cotización dos autónomos

Reformarase durante o próximo ano o sistema de cotización dos traballadores autónomos, para vinculalo aos ingresos reais que perciban.

Reforma legal contra os falsos autónomos

O acordo recolle unha medida destinada a combater o abuso das empresas dos falsos autónomos: determinar por lei a presunción de relación laboral por conta allea aquelas prestacións de servizos para un só cliente, salvo que se probe efectivamente que hai unha relación de autónomos.

Sector eléctrico

As axudas ao vehículo eléctrico financiaranse, en parte, cunha suba do imposto ao diésel

Medidas contra os "beneficios caídos do ceo" dalgunhas tecnoloxías, un fondo de 50 millóns contra a pobreza enerxética, reforma do bono social, "repotenciación" de plantas renovables e un plan de axudas para o vehículo eléctrico até 2020 que se financiará en parte coa subida do imposto ao diésel.

Sen concreción en Xogos de azar e apostas en internet

A pesar de que Unidos Podemos quería subir a fiscalidade aos xogos de azar e as apostas online, o acordo neste ámbito quedou moi descafeinado: Aprobar unha regulación da publicidade deste sector similar á do tabaco, reorientar a taxa de xestión dos operadores para financiar programas de prevención do xogo e posta en marcha de medidas de prevención e reparación dos efectos negativos do xogo na sociedade.

O acordo trae consigo medidas non estritamente orzamentarias como o impulso da lei contra a violencia sexual, suprimir o delito de ofensa aos sentimentos relixiosos ou limitar a publicidade das apostas 

Delitos de ofensa aos sentimentos relixiosos 

O acordo vai máis aló do estritamente orzamentario, xa que se inclúe o compromiso a desenvolver a medidas como a modificación dos artigos do Código Penal que fan alusión aos delitos de ofensa aos sentimentos relixiosos e inxurias á coroa.

Contra a violencia sexual

Para erradicar a violencia sexual impulsarase unha lei integral pola protección da liberdade sexual e contra as violencias sexuais, que garanta a sensibilización, prevención, detección, atención, protección e reparación e que implique a acreditación da vítima, a unificación e ordenación das condutas constitutivas de agresións sexuais e de abusos sexuais baixo a denominación común de "agresións sexuais" e que comprenda unha serie de políticas públicas ás que poidan acceder quen sufran violencia sexual, igual que ocorre coa violencia de xénero no ámbito de parella ou ex-parella.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.