O rei, Xoán Paulo II, Citroën, Caixa Galicia, o cardeal Rouco Varela ou Francisco Álvarez-Cascos. Son algunhas das persoas que recibiron a máxima distinción que pode outorgar a Xunta, a Medalla de Ouro de Galicia, co PP á fronte do Goberno. Este mércores unha iniciativa parlamentaria promovida por AGE e apoiada polo resto da oposición tentou incorporar a esta nómina, inaugurada por Castelao en 1984, os nomes de Amador Rey e Daniel Niebla, obreiros da antiga Bazán asasinados pola policía franquista en 1972. Pero o PP negouse.
A parlamentaria Consuelo Martínez defendeu a oportunidade da distinción como homenaxe a dúas persoas "que loitaban polos dereitos de todos e todas" e "porque hoxe, como no 72, o naval de Ferrol defedende a súa dignidade e sofre a represión". "Cómpre facer xustiza a quen foron asasinados por defenderen os dereitos laborais e un convenio galego", acrecentou, ao tempo que apuntaba que a distinción, de ser concedida, chegarái "nun dos peores momentos" para o naval ferrolán.
O PSdeG, a través de Beatriz Sestayo e o BNG, por boca de Francisco Jorquera, uníronse a unha proposta que o PP freou en seco a través de Aurelio Núñez, quen comezou o discurso reivindicando a súa condición de bisneto dun condenado a morte que finalmente morreu nun cárcere franquista aínda que "o seu único delito foi ser fiel ao Goberno lexítimo da República". Tamén o seu avó, explicou, foi represaliado; "o seu delito era ser hijo de rojo", contou. Pero "eu nin penso nin convivo co rancor, nin me ensinaron nin me educaron nel", abonda.
O PP argumenta que a medalla concedida a Castelao xa representa "a todos os represaliados" e que os asasinatos de Niebla e Rey "son pasado"
O asasinato de Amador e Daniel foi unha circunstancia "histórica para Galicia para o movemento obreiro galego", evidenciou, e por iso cada 10 de marzo se celebra o Día da Clase Obreira Galega. Pero, a respecto da Medalla de Ouro,Núñez argumenta que "este recoñecemento adoita ser concedido a persoas ou institucións vivas ou, ocasionalmente, a falecidas recentemente -concedeuse a título póstumo en cinco ocasións ata agora", "A única excepción produciuse no ano 1984 coa medalla concedida a Castelao, en quen consideramos que se atopan representados todos os exiliados, encarcerados e represaliados polo réxime da ditadura franquista", di.
A negativa do PP susténtase ademais en que "eses feitos reprobables ocorridos hai corenta e dous anos", isto é, os asasinatos, "son pasado", un pasado "que non debemos esquecer pero que non debe afastarnos do importante", que na súa opinión é "centrarnos en garantir un futuro en pazo e democracia". A votación por puntos da iniciativa permitiu, finalmente, que o Parlamento condenase de maneira unánime a morte de Amador e Daniel a mans dos grises. A maioría absoluta do PP impediu, no entanto, que o vindeiro 25 de xullo reciban unha homenaxe que os propios populares si lle concederon a, cando menos, dúas persoas con cargos de responsabilidade na ditadura, Rodolfo Martín Villa (Medalla de Ouro en 2004) e Manuel Fraga (en 2009).
CCOO ve unha memoria "incómoda" para o PP
A negativa do PP a homenaxear a Rey e Niebla tivo eco este meŕcores no seo de Comisións Obreiras. A xuízo do sindicato, a postura dos conservadores resulta "incoherente" a respecto da expresada cando, por exemplo, en 1997 apoiaron unha declaración institucional polo 10 de marzo promovida, precisamente, por Comisións. Ademais, din, CCOO "nin entende nin comparte" o argumentario defendido polo voceiro do PP no debate, toda vez que homenaxear os dous traballadores "non é un acto de rancor, senón de xustiza e solidariedade".
"Non é un acto de rancor, senón de xustiza e solidariedade"
"A única explicación posible a este rexeitamento do PP é que o que Amador e Daniel representan "está aínda moi presente" e por iso "lles resulta incómodo". As reivindicacións dos dous obreiros falecidos a mans da policía da ditadura, din, "son plenamente actuais nesta época de recortes económicos e de liberdades". "Ao PP -conclúen moléstalle de xeito especial esta memoria porque cando se miran nela coma nun espello, devólvelles a imaxe das súas políticas".