O sindicalismo galego mobilizou neste domingo milleiros de persoas en todo o país co gallo do Día da Clase Obreira Galega. Ferrol volveu ser o epicentro das marchas nunha xornada que lembra o asasinato pola policía franquista de Amador Rey e Daniel Niebla un 10 de marzo de 1972.
CIG e CCOO reivindican a necesidade da "organización colectiva" e a "non quedar de brazos cruzados"
CIG e CCOO convocaron manifestacións na cidade departamental, aínda que o sindicato nacionalista levou a cabo tamén marchas no resto das cidades galegas e Vilagarcía. A CUT, pola súa banda, concentrouse en Vigo.
A xornada estivo marcada polo recordo de Daniel e Amador, pero tamén polo chamamento á mobilización e á organización da clase obreira e a petición de solucións a conflitos laborais como o de Alcoa, Poligal ou o das ambulancias.
En Ferrol, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a “non quedar de brazos cruzados” e a "crer" nas "capacidades colectivas" propias "como clase traballadora e como pobo galego”. “Só así lograremos avances nos nosos dereitos laborais e sociais”, dixo. "Só a través da loita poderemos forzar os cambios que nos permitan recuperar os dereitos para poder avanzar", engadiu.
Pola súa banda, CCOO manifestouse tamén en Ferrol nunha marcha á que se uniron UGT, MAS e a USTG e na que participou o secretario confederal de Comisións, Unai Sordo, que reivindicou o “papel determinante á hora de que o ditador morrese na cama, pero a ditadura morrese nas rúas” da loita obreira galega. “Segue a ser necesaria a organización colectiva da xente. Os sindicatos temos un papel fundamental para reforzar os dereitos laborais”, dixo.
Antes, en Ferrol, celebrouse tamén un acto institucional organizado polo Concello no que o alcalde da cidade, Jorge Suárez, advertiu da “pantasma da ultradereita” que ameaza o conseguido pola loita obreira.