Dende finais da década dos 80 foron varios os plans de recuperación, reactivación ou reindustrialización da comarca de Ferrolterra, terriblemente golpeada polo proceso de reconversión e peche da industria naval. O plan ZUR de 1991, o plan ZID ou o plan Ferrol encheron páxinas nos xornais e sementaron a comarca de proxectos e axudas económicas. Ao abeiro deles, algúns anuncios que elevaron a ilusión na veciñanza, como o da Sociedade Italiana do Vidro, non chegaron a nada. Pero outros, aínda que cativos de máis para compensar a perda de postos de traballo sufrida polos estaleiros, si acabaron sendo unha realidade. Como foi o caso de Poligal.
O persoal denuncia que o grupo quere completar con esta operación o proceso de deslocalización iniciado hai anos
Na planta de Poligal de Narón, dedicada á fabricación de plástico para a industria alimentaria, chegaron a traballar máis de 200 empregados. A empresa creceu grazas en parte ás importantes axudas públicas recibidas e, de feito, na última década a compañía abriu novas plantas en Portugal e Polonia. Nos últimos anos a historia de Poligal, que pertence ao grupo Peralada é unha sucesión de anuncios de expansión e investimento noutros países unidos a outros de recortes e reducións de persoal na factoría galega, que na actualidade conta con pouco máis de 110 traballadores.
O 22 de febreiro os propietarios de Poligal solicitaron un concurso voluntario de acredores, alegando a existencia de "perdas acumuladas". Como moito, a compañía ofrecía recolocar a 20 traballadores nas súas fábricas de Portugal (Arcos de Valdevez) e Polonia (Skarbimierz). O persoal denuncia que o grupo quere completar con esta operación o proceso de deslocalización iniciado hai anos e no marco do cal "desvía a produción a outras plantas, segundo máis lle conveña para cadrar ou descadrar as contas", explica o representante de CIG-Industria.
"A media de idade destes traballadores rolda os 50 anos, todo un drama para estas familias"
A pesar de que a empresa pasou por varias reestruturacións, regulacións de emprego, despedimentos ou rebaixas de condicións nos últimos anos, a noticia da presentación do concurso de acredores con proposta de liquidación chegou por sorpresa, xa que había traballos programados para varios meses.
A pasada semana do Xulgado do Mercantil chegou unha boa nova, ou cando menos así foi recibida polos sindicatos con representación da factoría. Aínda que si aceptou o concurso de acredores solicitado polo Grupo Peralada, rexeitou a proposta de liquidación da fábrica, evitando de momento o despedimento dos seus 108 traballadores e traballadoras actuais. "A media de idade destes traballadores e traballadoras rolda os 50 anos, todo un drama para estas familias. Falamos duns traballadores que estiveron dispostos a conxelar os seus salarios para poder sacar adiante a empresa", destacan dende o Comité.
Un proceso de deslocalización iniciado hai anos
"Co aprendido na planta de Narón, o Grupo Peralada puxo en marcha fábricas en Portugal e Polonia, nas que investiu nos últimos anos máis de 50 millóns de euros"
"Co aprendido na planta de Narón, o Grupo Peralada puxo en marcha fábricas en Portugal e Polonia, nas que investiu nos últimos anos máis de 50 millóns de euros (15 millóns en Portugal e 40 en Polonia). Estamos ante un claro exemplo de deslocalización, de trasladar a produción para abaratar custes de persoal. Ese é de verdade o único argumento para que a empresa tome esta drástica decisión", explica CIG-Industria, que critica con dureza "as facilidades que a lexislación española e galega poñen para que as grandes empresa poidan executar este tipo de perversidades".
Nas últimas décadas Poligal recibiu importantes axudas económicas, que nalgúns casos ían ligadas ao seu compromiso de manter os postos de traballo existentes na súa factoría de Narón, algo que agora podería incumprir. Noutros, as subvencións públicas buscaban financiar procesos de modernización e de actualización tecnolóxica que finalmente non se produciron (aínda que si se levaron a cabo nas plantas situadas noutros países), o que obrigou a Poligal a devolver 4,5 millóns de euros que recibira da administración. Isto, para o Comité de Empresa, constitúe "unha proba máis dunha estratexia consciente de peche".
Poligal recibiu importantes axudas económicas, ligadas ao seu compromiso de manter os postos de traballo ou a promesas de investimento en nova maquinaria, tamén incumpridas
Os primeiros movementos deste proceso de deslocalización chegaron a década pasada, cando inicia un potente plan de expansión na súa factoría de Arcos de Valdevez, un proxecto que nun primeiro momento levou case en segredo. De feito, as protestas dos traballadores ante ese movemento obrigaran á empresa a prometer que tamén se levarían a cabo importantes investimentos en Narón, algo para o que solicitou as subvencións que finalmente non executou. Despois chegou a crise económica e isto serviu de escusa para paralizar calquera novo investimento na planta galega, unha paralización á que se uniu un ERE que levou á rúa a 40 traballadores.
Foi un símbolo de que a reconversión industrial era posible e de que Ferrolterra podía tener un futuro alén do naval
Poligal foi un dos estandartes dos sucesivos plan de reindustrialización de Ferrolterra. Recibiu importantes axudas para a compra de terreos, contratación de persoal e investimento en tecnoloxía. Foi así un símbolo dunha comarca golpeada, un símbolo de esperanza e de que os proxectos de reactivación impulsados polas distintas administracións tiñan algún efecto. Un símbolo, polo tanto, de que a chamada reconversión industrial era posible e de que Ferrolterra podía ter un futuro alén do naval. Hoxe, isto volve estar en cuestión.