O Xulgado do mercantil aprobou o concurso de acredores solicitado polo Grupo Perelada para a factoría de Poligal, en Narón, pero non a proposta de liquidación da fábrica, o que levaría ao despedimento dos seus 108 traballadores e traballadoras.
CIG-Industria sinala que "dentro do actual contexto, estas novas resultan en certa medida positivas, no sentido de que non aceptar a liquidación por parte do mercantil dálle máis tempo ao administrador para valorar opcións de continuidade da fábrica"
A proposta de liquidación da fábrica levaría ao despedimento dos seus 108 traballadores e traballadoras
Este venres 22 de marzo, ás 16:30 horas, constituírase a mesa técnica proposta pola Consellaría de Industria para tentar buscar inversores e evitar o peche da fábrica. CIG-Industria critica que a convocatoria "chega tarde, cando xa hai 15 días que nos reunimos co conselleiro e están en xogo 108 postos de traballo directos".
O mes pasado os propietarios de Poligal, que se dedica á fabricación de plástico para a industria alimentaria, solicitaron un concurso voluntario de acredores, alegando a existencia de "perdas acumuladas". Con todo, ata este momento non se produciran atrasos nos pagamentos a provedores e tampouco nas nóminas. Nos últimos anos, iso si, a planta pasou de 200 traballadores aos pouco máis de cen que ten na actualidade.
Poligal foi un dos símbolos dos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra (o plan ZUR de 1991, o plan ZID, o plan Ferrol...), ao abeiro dos que recibiu importantes axudas públicas e subvencións para mercar solo industrial ou montar as súas naves. Dende Narón Poligal expandiu a súa actividade, creando fábricas en Portugal e Polonia, coas que agora ten que competir.
Poligal foi un dos símbolos dos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra, ao abeiro dos que recibiu importantes axudas públicas
A CIG considera que o concurso de acredores non está xustificado, sobre todo tendo en conta que a fábrica pertence ao grupo Peralada, "que desvía a produción a outras plantas, segundo máis lle conveña para cadrar (ou descadrar) as contas", di o sindicato.
Dende hai catro semanas o persoal de Poligal iniciou mobilizacións e por exemplo o pasado 13 de marzo máis dun milleiro de persoas se manifestaron en Ferrol a prol do emprego e o tecido industrial da comarca, con berros de "Poligal non se pecha" ou "Perelada inversión".