Rafael Pillado, un dos fundadores das CC.OO en Galicia e ex militante do PCG (do que chegou a ser secretario xeral substituíndo a Santiago Álvarez en 1979) e do PSOE, presenta as súas memorias este venres en Ferrol. Será no Salón de Actos do campus universitario da cidade, en Esteiro, nun evento que tamén incluirá a inauguración dunha exposición fotográfica.
O Latexo da vida e da conciencia, prologadas por Manuel Rivas, son unhas "memorias colectivas" que queren amosar a experiencia de loita no pasado para preparar as loitas do presente e do futuro. Pillado desenvolve na actualidade o seu activismo dende a Asociación Fuco Buxán pola Rexeneración da Esquerda, e continúa participando en distintas iniciativas sociais e medioambientais, comezando pola oposición á planta de gas de Reganosa.
As memorias, que terán un segundo volume, rematan en 1976, coa saída da cadea de Pillado e os outros sindicalistas que foran detidos e xulgados despois da manifestación de traballadores de Bazán o 10 de marzo de 1972, que rematou coa morte por disparos da policía de Amador Rey e Daniel Niebla. Uns feitos que se conmemoran todos os anos no Día da Clase Obreira Galega, que neste 2012 fai catro décadas. Erguéstesvos cedo aquel día/ o costumbre do traballo/ mañá cediño/ pra facernos ca vosa morte, escribiu Uxío Novoneira e Pillado conta que aquela mañá "saímos todos os traballadores en manifestación e a policía tenta partirnos pola metade. Non o logra. Ademais faino nun lugar no que había unhas obras, polo que comezamos a tirar pedras e a policía ten que saír correndo. Nesa retirada comezan a disparar e un sarxento da policía pon o xeonllo no chan, colle unha metralleta e comeza a disparar de forma continua".
Como chegas a Ferrol dende Viveiro?
Cando eu tiña tres anos o meu pai foi detido en San Cibrao, preto de Viveiro, e é traído preso para o Castelo de San Felipe, aquí en Ferrol. Eu teño recordos deses primeiros anos, nos que miña nai e eu viviamos a carón do castelo, nunha bodega, sen nada para comer. Iso quedoume gravadísimo. E lembro moitas anécdotas, como cando eu tiña sete anos e nos levaron á miña nai e a min ao cuartel da Garda Civil, acusados de roubar repolos. Era falso, pero podía ter sido verdade. E pegáronnos cun vergallo. E isto é así até que me incorporo a Bazán cando tiña 15 anos.
Como comeza o teu compromiso político? Como entras en contacto co Partido Comunista?
Meu pai segue sendo militante comunista, aínda que está desconectado da organización, aínda que seguía ao tanto de todo, grazas a un aparello de radio que mercara, para escoitar a Pirenaica. Un día conectamos co PCE e eu entro nas Xuventudes Comunistas no ano 60, con 18 anos. Vou á mili e cando saio da mili convídanme a ir a un curso de formación do Partido Comunista na Alemaña do Leste. Eu cando lembro aquilo, que era atravesar Europa a pé, para min foi como ver a película da Segunda Guerra Mundial.
Cando comeza o teu traballo como sindicalista?
En 1966 hai unhas eleccións sindicais. Creamos unha comisións obreiras en Bazán, elixidas polos traballadores, e de aí creamos a organización de CC.OO. en Galicia. E comezamos a traballar en Astano, Pysbe, Maderera... en todas as empresas da comarca.
Como lembras o 10 de marzo de 1972?
Nós viñamos facendo un traballo de longo percorrido, e aínda que coincidindo co Consello de Guerra de Burgos a Julio Aneiros e a min nos meteran no cárcere seis meses, para que non nos puidésemos presentar ás eleccións, preséntanse Amor Deus e Rioboo e gañan. Nós defendíamos un convenio de factoría, porque o convenio compartido con Cartaxena, dominada polo Sindicato Vertical, e San Fernando, prexudicábanos. Apróbase o convenio, pero é prohibido. E comeza unha batalla polo convenio. A empresa está interesada en varrernos, despide uns compañeiros e forza a situación. Daquela, un informe dos servizos segredos franquistas dicía que o réxime perdera o control sobre algunhas zonas: os cintos vermellos de Madrid e Barcelona, Bilbao e a Ría de Ferrol, especialmente Bazán. Eles necesitaban que aquilo estoupase para levarnos por diante.
"Eles necesitaban que aquilo estoupase para levarnos por diante"
Como foi esa mañá?
Saímos todos os traballadores en manifestación e a policía tenta partirnos pola metade. Non o logra. Ademais faino nun lugar no que había unhas obras, e comezamos a tirar pedras e a policía ten que saír correndo. Nesa retirada comezan a disparar e un sarxento da policía pon o xeonllo no chan, colle unha metralleta e comeza a disparar de forma continua. Dous mortos, Julio Aneiros case morto, e máis de cen feridos. E represión. Metéronnos na cadea e non saímos até catro anos despois.
Como era o día a día nos últimos anos da ditadura dunha persoa comprometida e militante en organizacións clandestinas?
A situación era moi complicada. A represión e a vixilancia eran abafantes. Ti tiñas que facer o teu traballo, no meu caso en Bazán, e despois aproveitar determinados momentos, como ir ao baño, ou ir buscar ferramentas, para establecer contactos, recoller ideas e propostas doutros compañeiros. Había moito traballo sindical, nunha empresa que daquela tiña uns oito mil traballadores, e aínda despois saías ás seis da tarde, ías a outra empresa da comarca, a unha reunión clandestina con compañeiros. Todo iso supoñía un gran esforzo, burlando á policía, vixiando que non te seguisen. Eu cando vou á cadea, no ano 72, a miña filla tiña dous anos, pero eu coñecina realmente en 1976, cando saín da cadea, porque até entón eu saía moi cedo pola mañá cando ela aínda durmía e volvía a casa moi tarde, cando ela xa durmía. E coma min moitos outros compañeiros tiñan ese compromiso.
"Na miña memoria está que nun momento determinado se escoitou un berro dicindo 'murió, murió, murió'"
Como tes noticia da morte de Franco desde a prisión?
Nós acababamos de saír de celas de castigo, pois un mes antes declararámonos en folga de fame en protesta polas execucións de varios militantes de ETA e FRAP. Eu compartía cela con Nicolás Sartorius. Na miña memoria está que nun momento determinado se escoitou un berro dicindo 'murió, murió, murió'. Para nós era un momento moi satisfactorio, porque se albiscaba o final da ditadura e ese día fixemos unha celebración por todo o alto.
Este primeiro volume das túas memorias remata no ano 76, cando saes da cadea. Como analizas dende a actualidade o proceso da Transición?
Ás veces faise unha crítica á Transición que na miña opinión é un pouco infantil, como se naquel momento tivésemos as forzas para levar a cabo os nosos obxectivos. Había unha correlación de forzas determinada, na que os que apostabamos pola ruptura non eramos maioría e a ditadura aínda era moi forte. Ademais, había un sector amplo do franquismo que comeza a dar pasos para reformar o réxime. Produciuse unha ruptura no terreo político, hai unha nova Constitución, pero non se produce unha ruptura global, como pasa en Portugal, porque o franquismo seguía dominando o exército ou o poder xudicial.
Como valoras a actuación do PSOE nese proceso?
Dentro das forzas democráticas había determinados sectores que querían facer retoques, pero que non querían unha ruptura. Estoume referindo á democracia cristiá, pero tamén ao PSOE, que partía da base de que a ruptura lle daba aos comunistas un peso que non consideraban conveniente. Hai un pacto entre PSOE e UCD para poñer límites e para, por exemplo, impedir a formación dun goberno de concentración no que estivese o PCE. A partir de aí ábrese un camiño que leva ao actual bipartidismo. PSOE e PP poden ter unha discusión dialéctica, pero ningún dos dous partidos pon en cuestión este sistema, e eu estiven militando no PSOE até hai pouco. O PSOE pode ter unha maior sensibilidade social, pero o pacto que se configura na Transición consiste en que non se lle toque ao sistema capitalista.
Que se pode aprender para o presente destas memorias?
As memorias non están pensadas para falar do pasado. Están pensadas para falar do presente e do futuro, para amosarlles ás novas xeracións que os valores que nós defendemos están de actualidade, o valor da solidariedade, amosando como fomos construíndo a organización dos traballadores, empresa a empresa, e como traballabamos procurando obxectivos colectivos, non individuais. Estas memorias buscan reforzar o traballo de loita no naval e noutros sectores.
"Os traballadores deben defender os sindicatos, pero empurrándonos cara adiante"
Debe haber folga xeral?
Debe haber folga xeral. É necesaria. Unha folga xeral non vai resolver todo, pero unha folga xeral sempre incorpora sectores novos a esa batalla, e dálles conciencia de clase, ensínalles que hai que estar unidos, ou se non, a derrota está garantida. A folga xeral é un instrumento máis, pero é moi útil neste momento, pode axudar a reforzar a acción sindical. Nos últimos ano fun moi crítico coa acción sindical, pois os sindicatos miraron para o outro lado moitas veces, ou miraron máis cara adentro, cara os mesmos cadros. Pero o PP quere liquidar os sindicatos. Por iso os traballadores deben defender os sindicatos, pero empurrándonos cara adiante.