O cuadraxésimo aniversario do asasinato dos traballadores do naval ferrolán Amador Niebla e Daniel Rey sacou este sábado ás rúas das principais cidades e vilas galegas a milleiros de persoas, nun Día da Clase Obreira Galega marcado polo rexeitamento á reforma laboral impulsada polo Goberno central, acabada de aprobar polo Congreso dos Deputados. Con Ferrol e Vigo como puntos centrais das manifestacións e actos conmemorativos, tanto a CIG como CC.OO. consideraron que os "dereitos" polos que loitaban Niebla e Rey son actualmente "atacados" polo paquete de medidas do gabinete presidido por Mariano Rajoy.
Pola banda da CIG, a xornada foi tamén de "preparación" para a folga xeral do vindeiro día 29. Durante a ofrenda floral ante o monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol, un dos voceiros da central sindical, Manel Grandal, considerou a reforma como unha peza máis do "golpe de estado do capital". "Mirándonos no espello de Amador e Daniel, digámoslles non. Somos nós a maioría social e o poder a ser noso”, sinalou ante os presentes. Na mesma liña, os secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que a xornada de "reivindicación, máis que de celebración", tiña onte o marco do "empobrecemento xeralizado da clase obreira fronte ao incremento dos beneficios do capital". "Pero o capital non se conforma, quere máis", afirma, e por iso a reforma laboral "busca a individualización das relacións laborais, desmantelando a negociación colectiva e o dereito á folga.
Fronte a estas medidas, Seixo sinala que as propostas da central nacionalista pasan por "fiscalidade progresiva, control da fraude, redución do gasto militar e das axudas á Igrexa, banca pública" e "traballo fixo e salarios dignos", entre outras. “Despois de anos de loita e sacrificios, agora atopámonos con que o PP, a dereita, o capital, pretenden recortarnos dereitos e levarnos a unhas condicións laborais de hai 50 anos”, conclúe.
Toxo, en Ferrol
Os actos de Comisións Obreiras tiveron Ferrol como centro e estiveron encabezados polo secretario xeral confederal do sindicato, Ignacio Fernández Toxo, quen reivindicou o traballo de CC.OO. e as súas "raíces" na "longa noite de pedra", con "acontecementos tan duros" como os asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla. "A memoria é o contrario da amnesia", explicitou Toxo, para lembrar que "as raíces da Europa moderna están no pacto social" e a "redistribución da riqueza". "A primeira distribución é no centro de traballo, a través do salario e das condicións laborais e a forma de distribuír a riqueza é a negociación colectiva, sinala". Neste marco, Toxo coida que a crise "non pode ser a coartada que leve a desmantelar as bases do Estado social". Por iso, di, CC.OO. maniféstase e presenta "alternativas" á "ditadura dos mercados".