A condena e o xuízo a Alexandre Bóveda serán anulados así que se aplique a nova Lei de Memoria Democrática, que tramita o Congreso e prevé ser aprobada na primeira metade de 2021. Así o asegura o Goberno central nunha resposta a unha pregunta parlamentaria do deputado do BNG Néstor Rego.
Nunha resposta ao BNG, o Goberno de España anuncia que a condena e o xuízo a Bóveda serán anulados coa aprobación da Lei de Memoria Democrática
O pasado 25 de agosto, nunha pregunta dirixida á Mesa do Congreso, Rego inquiriu o Goberno sobre o cumprimento da proposición non de lei do BNG aprobada pola Cámara Baixa en 2006 na que se esixía a anulación do xuízo militar sumarísimo a Bóveda, así como da Lei de Memoria Histórica, "para así restituír plenamente a dignidade e a memoria de quen foi un firme defensor de Galiza e da democracia". A formación nacionalista requiría tamén saber cando tiña previsto facer público o Executivo central a declaración na que se anule o devendito xuízo que supuxo o fusilamento do dirixente nacionalista e republicano.
Hai uns días, o Goberno contestou advertindo da aprobación polo Consello de Ministros o pasado 15 de setembro da tramitación do anteproxecto de Lei de Memoria Democrática que, asegura o escrito, "recoñece e declara o carácter radicalmente nulo de todas as condenas, sancións e de calquera forma de violencia persoal producidas por razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa durante a guerra civil, así como as sufridas polas mesmas causas durante a ditadura".
O Executivo advirte de que a nova lei "declara o carácter radicalmente nulo das condenas por razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa"
O Executivo central responde ao Bloque lembrando tamén que "de maneira expresa se declara a ilexitimidade dos tribunais, xurados e de calquera outro órgano penal ou administrativo que durante a guerra civil se tivesen constituído para impor, por motivos, políticos, ideolóxicos, de conciencia ou crezna relixiosa, condenas ou sancións de carácter persoal, así como a ilexitimidade e nulidade das súas resolucións, concretamente por ser contrarios a Dereito e vulnerar as máis elementais esixencias do dereito a un xuízo xusto".
Xa que logo, o Goberno que preside Pedro Sánchez avanza na súa resposta a futura anulación da condena e do xuízo militar sumarísimo a Alexandre Bóveda, tal e como solicitara o BNG, logo de que a proposición de 2006 aprobada polo Congreso non fora executada; e despois de que en 2015, coa Lei de Memoria Histórica xa aprobada, o Executivo central expedise unha Declaración de reparación e recoñecemento persoal do dirixente nacionalista como vítima do franquismo --en aplicación da Lei 52/2007-- que non implicaba a anulación dos Consellos de Guerra practicados polos militares fascistas, tampouco o que condenou a morte o político galeguista.
“Que a reparación moral de Bóveda non implique a anulación do xuízo sumarísimo é un delirio”, declarara naquela altura o neto do líder galeguista e vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín Bóveda.
Foi por iso que o BNG presentou de novo unha proposición non de lei no Congreso para que o Goberno actuase de inmediato para anular o xuízo e a condena a morte de Böveda. "Resulta rechamante que 45 anos após a morte do ditador Francisco Franco aínda non fose anulado o proceso militar sumarísimo en que Bóveda foi condenado a morte por demócrata e nacionalista. Lamentabelmente, iso di moito sobre a baixa calidade democrática do Réxime español.”, destacaba Néstor Rego en agosto.
Agora, o Executivo central responde a Rego asegurando que coa nova Lei de Memoria Democrática, que se prevé que esta aprobada no primeiro semestre de 2021, a condena e o xuízo a Bóveda serán anulados e tras "quedar acreditado que foi condenado por Consello de Guerra sumarísimo --celebrado en Pontevedra o 13 de agosto de 1936-- á pena de morte por un delito de traición, sendo fusilado o 17 de agosto de 1936, o que o fai acredor da reparación moral coa que a democracia española honra os que inxustamente padeceron persecución ou violencia".