De Bóveda a Ánxel Casal, días da memoria

Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

"Querían enterrar cadáveres, pero enterraban semente", escribiu Castelao. 76 anos despois dos asasinatos sistemáticos realizados polos fascistas nas primeiras semanas da sublevación contra a democracia republicana en 1936, a lembranza dos nomes e das persoas que morreron ou foron represaliadas pola súa militancia ou polas súas ideas segue viva, e un verán máis diversos actos en toda Galicia homenaxean a súa memoria. Moi especialmente esta fin de semana. 

Este venres celébranse varias homenaxes a Alexandre Bóveda, executado en Poio o 17 de agosto de 1936 e o domingo Cacheiras acolle un acto de lembranza ao alcalde compostelán Ánxel Casal, que foi paseado un 19 de agosto. Ademais, o sábado ADEGA e O Galo organizan na Ulloa unha homenaxe ás vítimas da represión. En Palas de Rei serán homenaxeados Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño e en Toques recordarase a Ramón Rodríguez Varela (O Curuxás), Marcial Villamor Varela e a Delfino Liñeira Fraga (Ferroviario).

 

Venres: Alexandre Bóveda

Este venres está dominado polos actos de lembranza a Alexandre Bóveda, un dos representantes máis destacados do Partido Galeguista durante a Segunda República e motor do Estatuto de Autonomía de 1936. Bóveda foi executado en Poio o 17 de agosto de 1936, día que dende entón se conmemora como Día da Galiza Mártir. A Fundación Alexandre Bóveda organiza os actos centrais de homenaxe, este mediodía no concello pontevedrés, coa intervención de Miguel A. Lores (alcalde de Pontevedra), Luciano Sobral (alcalde de Poio) e Amalia Bóveda (en representación da familia Bóveda). A seguir, nun xantar institucional entregarase o VII Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica a Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e a Baldomero Francisco Iglesias Dobarro (Mero).

Pola tarde, ás seis celebrarase un acto relixioso na Capela de Santo Amaro (Pontevedra) e ás sete un acto cívico diante do sartego de Bóveda no mesmo cemiterio da parroquia, coa participación de Mini e Mero. Finalmente, a partir das oito e media haberá un acto político do BNG na Praza Curros Enríquez de Pontevedra, coas intervencións de Ernesto Vázquez, Valentín Bóveda e Francisco Jorquera. Non será o único acto que organice o Bloque este venres, con lembranzas a Bóveda na Coruña ou no Grove. Así mesmo, os nacionalistas organizaron este venres actos de homenaxe a Ánxel Casal en Compostela, a Antolín Faraldo en Betanzos.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia organiza tamén unha homenaxe a Alexandre Bóveda en Pontevedra. Será a partir das seis da tarde no Cemiterio de Santo Amaro coa participación de Xoán Bascuas, Sandra Araúxo, Rafael Cuíña, Xaime da Pena e Xoán Antón Pérez Lema.

O sábado celébrase na comarca da Ulloa un conxunto de actos de lembranza ás vítimas da represión, organizados por ADEGA e a Asociación Cultural “O Galo” de Compostela

Finalmente, tamén este venres outros colectivos organizan actos de lembranza. Por exemplo, a Comisión pola Memoria Histórica da Coruña organiza a partir das seis da tarde en Vilarmaior, no cemiterio de San Pedro de Grandal, unha homenaxe ás persoas alí fusiladas e soterradas. E na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda realizará un acto ás oito da tarde no paseo que leva o nome do galeguista, na zona de Catro Camiños.

 

Sábado: A Ulloa

O sábado celébrase na comarca da Ulloa un conxunto de actos de lembranza ás vítimas da represión, organizados por ADEGA e a Asociación Cultural “O Galo” de Compostela. Comezarán ás dez e media da mañá en Sá (Palas de Rei), no lugar onde apareceran os corpos sen vida do Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño. Despois, a comitiva desprazarase a Toques, onde se homenaxeará a Ramón Rodríguez Varela (O Curuxás), Marcial Villamor Varela e a Delfino Liñeira Fraga (Ferroviario). A partir das dúas da tarde haberá un xantar na Eira da Xoana. E ás cinco inaugurarase un monólito en honra aos “fuxidos” coa presenza de Mini e Mero.

 

Domingo: Ánxel Casal

Ánxel Casal, impresor e alcalde compostelán, foi paseado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras (Teo). O domingo realizarase no Montouto, diante do monolito erguido na súa memoria, unha ofrenda floral a partir das oito e media da tarde. No acto, que completará unha fin de semana de actividades de homenaxe a Casal en Teo, participarán Martiño Noriega, alcalde do concello teense e tamén o rexedor de Arzúa, José Luís García.

Alexandre Bóveda © Revista Murguía
Monolito en memoria de Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño © http://eiradaxoana.blogaliza.org
Homenaxe a Ánxel Casal en Cacheiras (Teo) © Concello de Santiago
Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.