O Goberno central pide que se execute xa a sentenza que ordena devolver o Pazo de Meirás ao Estado

Fachada principal do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciou este xoves que o Goberno central vai solicitar xa a execución provicional da sentenza que devolve ao Estado a propiedade do Pazo de Meirás

O ministro de Xustiza anunciou que o Goberno central vai solicitar xa a execución provicional da sentenza que devolve ao Estado a propiedade do Pazo de Meirás

O ditame do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, do pasado 2 de setembro, declarou a nulidade da doazón efectuada en 1938 do “predio denominado Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma”. E aclara que ese agasallo impulsado pola Xunta Pro Pazo ao ditador non lle é concedido "a el por si mesmo, senón ao xefe do Estado", razón pola que a propiedade é estatale non da familia do ditador, que xa recorreu a sentenza ante a Audienica Provincial, que deberá emitir unha resolución. 

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, durante a reunión por vídeoconferencia © Ministerio de Xustiza

Ante esta espera a que se resolva o recurso de apelación, que podería dilatar a entrega efectiva das Torres de Meirás "un ou dous anos", o Goberno central decide pedir a execución provisional para que sexa o Estado o que teña a xestión e non a Fundación Franco. "É unha reclamación da cidadanía, as institucións e as administracións", aclarou o ministro, que adiantou tamén que os avogados do Estado traballan xa na impugnación do recurso imposto polos herdeiros do xeneral fascista. 

O ministro de Xustiza anunciou a intención do Goberno central logo dunha reunión coa avogada xeral do Estado, Consuelo Castro; o xefe da Avogacía do Estado en Galicia, Javier Suárez; a avogado do Estado Adela Álvarez; e o dlegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, aos que agradeceu "a magnífica investigación levada a cabo neste caso". 

Por outra banda, o Concello de Sada presentou este xoves o seu escrito de oposición ao recurso de apelación presentado polos Franco. Nel, segundo aclaran os representantes, ponse de manifesto que "contrariamente ao indicado polos Franco, o debate xurídico e a resolución do pleito non pode facerse con abstración dos feitos relevantes e de especial transcendencia de que o Pazo foi residencia oficial do ditador, Caudillo de España, xefe do Estado, e que en virtude das súas propias normas asuma todos os poderes do Estado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.