'A Pasionaria' galega, torturada, asasinada e exhibida nun carro de bois

Imaxe das xornadas 'Mulleres con memoria. Exilios femininos' celebradas en 2008 © http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es

Un día coma hoxe, hai 81, foi asasinada Anunciación Casado Atanes (alcumada A Pasionaria). Nacida en Cualedro en 1887 e labrega, destacou como oradora e organizadora sindical do campesiñado, sendo responsable do Partido Comunista na comarca do Bolo e, por exemplo, durante a Segunda República levou a cabo unha importante actividade propagandística entre os traballadores do ferrocarril da liña entre A Gudiña e Vilar de Barrio. A súa execución, precedida do rapado do seu cabelo e de torturas, enmárcase dentro da fortísima represión exercida precisamente contra os e as traballadoras do ferrocarril na provincia de Ourense. E é tamén unha mostra da ferocidade que acadou a violencia contra as mulleres durante o Golpe de Estado de 1936.

No rexistro pódese ler que a causa da súa morte foi debida a "fractura e destrución da masa cerebral". Porén, antes da súa execución foi exhibida nun carro de bois polo contorno da Gudiña

Despois de varios días de persecución, Anunciación Casado foi detida polos falanxistas de Verín, sendo finalmente ultraxada e asasinada no lugar das Reverdeitas, no camiño entre A Gudiña e Viana do Bolo. No rexistro pódese ler que a causa da súa morte foi debida a "fractura e destrución da masa cerebral". Porén, antes da súa execución foi exhibida nun carro de bois polo contorno da Gudiña. Dende o proxecto Nomes e Voces explican que "a disposición dos corpos sen vida á vista pública en estradas, camiños e encrucilladas e a exhibición das vítimas antes de ser asasinadas proban que había un interese por parte dos asasinos en aterrorizar exemplarmente a poboación, que de súpeto se atopaba con tan macabros sinistros e que a miúdo se encargaba de trasladar e enterrar os cadáveres. As mulleres comprometidas non foron unha excepción a estas regras".

De igual xeito, fan fincapé no uso frecuente das violacións contra as mulleres detidas e doutras ferramentas de humillación, coma o rapado do pelo que tamén sufriu Anunciación Casado. "Moitas mulleres foron sometidas á agresión sexista co fin de castigalas a elas e as súas familias, aplicando os prexuízos patriarcais reaccionarios da deshonra sexual. O obxectivo era acalar e exterminar as mulleres contestatarias pola súa ideoloxía, con frecuencia utilizando o factor sexual da suposta humillación aniquiladora de toda resistencia, que tamén se aplicou a moitos homes", sinalan dende Nomes e Voces.

O proxecto Nomes e Voces fai fincapé no uso frecuente das violacións contra as mulleres detidas e doutras ferramentas de humillación, coma o rapado do pelo que tamén sufriu Anunciación Casado

Anunciación Casado Atanes foi unha das mulleres cunha máis destacada participación política e sindical durante a Segunda República. Un grupo no que tamén cómpre salientar a Mercedes do Campo, que interveu na III e IV Asamblea do PG -en 1934 e 1935- como representante do Grupo Feminino de Ourense; a Concepción Alfaya López ou Amanda Rodríguez Guerra, candidatas nas eleccións de 1931 (mesmo sen poder votar aínda); a Amparo López Jean (secretaria e presidenta da Agrupación Republicana Femenina da Coruña e integrante da Executiva do PG); ou a Elvira Bao Maceiras (presidenta tamén da Agrupación Republicana Femenina da Coruña); Trinidad Villalón, vogal do Comité Local do Partido Radical-Socialista na Coruña; ou as sindicalistas Olivia Calvar Lemos e Dolores Blanco Montes (anarquistas), Consuelo Rabuñal Suárez (UGT) ou Florencia Marzoa Martínez.

 

Imaxe das xornadas 'Mulleres con memoria. Exilios femininos' celebradas en 2008 © http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es
Anunciación Casado Atanes foi asasinada no lugar de Reverdeitas, entre a Gudiña e Viana © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.