A ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica) levará a cabo nos vindeiros meses, antes de que remate este ano 2019, os traballos de procura dos restos de María del Valle e Salud Torres, alcumadas "As Mártires de Xinzo de Limia". As dúas mulleres foron asasinadas polos franquistas en A Lomba de Lamas (Xinzo de Limia) o 29 de outubro de 1937 e posteriormente soterradas no lugar de Santa María do Mosteiro de Ribeira, en Xinzo.
As dúas mulleres foron sacadas do cárcere instalado no mosteiro de Celanova e fusiladas en A Lomba de Lamas (Xinzo)
Nese lugar realizarase a exploración, que lle dá continuidade á realizada sen éxito en Beade nas últimas semanas, na procura do derradeiro alcalde republicano de Amoeiro, e que será completada coa que tamén terá lugar este ano en Chandrexa de Quiexa para recuperar o do guerrilleiro antifranquista Benigno Fraga Pita O Alejandro, asasinado en abril de 1949.
María del Valle e Salud Torres permaneceran detidas no cárcere que se creara no mosteiro de Celanova, ata ese día na que foron trasladadas ao lugar das súa morte para ser asasinadas con varios disparos na cabeza, rexistrándose que a causa do deceso fora "destrozo cerebral por fusilamento". Os seus cadáveres foron deixados alí, á vista, como un método máis para sementar terror entre a poboación. Como destacan dende o grupo Nomes e Voces: "A disposición dos corpos sen vida á vista pública en estradas, camiños e encrucilladas e a exhibición das vítimas antes de ser asasinadas proban que había un interese por parte dos asasinos en aterrorizar exemplarmente a poboación, que de súpeto se atopaba con tan macabros sinistros e que a miúdo se encargaba de trasladar e enterrar os cadáveres".
A veciñanza do lugar, ao atopalas, decidiu trasladalas ao cemiterio parroquial, levándoas ata alí nun carro de vacas, unha escena lembrada por Rodríguez Fer nun poema
A veciñanza do lugar, ao atopalas, decidiu trasladalas ao cemiterio parroquial, levándoas ata alí nun carro de vacas. Esta escena foi recuperada por Claudio Rodríguez Fer no seu poema “O terror en carro de vacas”, publicado no ano 2010: "Ninguén puido comprendelo/ na Lomba de Lamas/ fusilaran o leite branco/ fusilaran a mazá vermella/ e o terror viña en carro de vacas/ aforcando a dignidade co xugo".
María del Valle Lozano tiña 51 anos e estaba afiliada ao Partido Comunista. O seu fillo, o poeta Manuel Gómez del Valle, foi detido nos primeiros días tralo Golpe de Estado e fusilado o 11 de agosto no Campo de San Francisco, en Ourense. María del Valle Lozano foi detida posteriormente. Outro dos seus fillos foi obrigado a loitar na guerra no bando franquista, sendo asasinado por un soldado nacional en 1939, acusado de comunista. Salud Torres Díaz tiña 25 anos e era delegada da UGT en Ourense e por este motivo foi detida e posteriormente asasinada.
Nomes e Voces lembran tamén, ao fío do traslado en carro dos cadáveres de María de Valle Lozano e Salud Torres o caso de Anunciación Casado Atanes (alcumada A Pasionaria galega), que antes da súa execución foi exhibida nun carro de bois polo contorno da Gudiña.