Os restos do derradeiro alcalde republicano de Amoeiro serán exhumados este mércores

Castor Sánchez Martínez, alcalde de Amoeiro en 1936 Dominio Público

O 25 de agosto de 1936 un grupo de falanxistas asasinou a Castor Sánchez Martínez, alcalde socialista de Amoeiro, xunto co seu amigo Antonio Pérez Gutiérrez, alcumado “Pinante”. Os seus corpos foron deixados nunha gabia da estrada que une Berán (Leiro) e Beade. Nada máis se soubo nunca do lugar onde podían estar soterrados os seus restos. Ata hai uns meses. 

O 25 de agosto de 1936 un grupo de falanxistas asasinou a Castor Sánchez Martínez, alcalde socialista de Amoeiro

O actual alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, levou a cabo nos últimos anos varias pescudas, na procura de Castor Sánchez, que foi homenaxeado en 2014 xunto coas restantes vítimas da represión franquista na localidade. Había constancia de que os seus restos estaban en Beade e algúns indicios dirixían ao seu cemiterio parroquial. Alí foran, anos atrás, o fillo e o neto do alcalde asasinado, coa intención de atopalos, pero o párroco indicáralles que os ósos estaban agora debaixo dun panteón, imposibilitando a procura. Fillo e neto chegaran a pensar mesmo en mercar eses nichos para derrubalos e escavar debaixo.

O pasado mes de xullo Rafael Rodríguez Villarino visitou o cemiterio e alí falou cun veciño, un ancián nacido en 1930 que fora sancristán en Beade, Antonio Estévez Rodríguez. Non sabía quen eran Castor Sánchez e Antonio Pérez, pero si lembraba onde foran soterrados "os Amoeiros". Contoulle que en agosto de 1936, cando tiña seis anos, trouxeran dous cadáveres sen máis identificación que a de seren veciños de Amoeiro (de aí que foran denominados "os Amoeiros"). Soterráronos espidos e boca abaixo nunha foxa cavada no chan arredor da igrexa, que daquela non tiña cemiterio, nun lugar que lle indicou a Rafael Rodríguez.

Soterráronos espidos e boca abaixo nunha foxa cavada no chan arredor da igrexa, que daquela non tiña cemiterio

"A emoción acompañoume en cada paso daquel paseo de pouco máis de 125 metros, e ao pasar baixo o arco de entrada ao actual camposanto Antonio sinalou dous chitos de pedra no chan e dixo: aí están soterrados os Amoeiros”, relata o actual alcalde.

O vindeiro mércores 3 de abril comezarán, por iniciativa dos seus descendentes, os traballos de exhumación dos restos de Castor Sánchez Martínez e Antonio Pérez Gutiérrez, que serán realizados pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), nunha actuación na que colabora o Bispado de Ourense. "Mortos os culpables sen castigo, é obriga do Concello promover os traballos que posibiliten o retorno dos restos das vítimas ao lar e abrigo das súas familias nos Chaos de Amoeiro. Pode ser posible que a dignidade de Amoeiro retorne á luz", di Rafael Rodríguez Villarino.

O vindeiro mércores 3 de abril comezarán, por iniciativa dos seus descendentes, os traballos de exhumación dos restos de Castor Sánchez Martínez e Antonio Pérez Gutiérrez

Se as informacións son correctas e os corpos son localizados, serán enviadas mostras para o seu estudo nun laboratorio especialzado e, posteriormente, os restos serán entregados ás súas familias. A ARMH ten programadas outras dúas exhumacións na provincia de Ourense nos vindeiros meses, unha en Xinzo de Limia para atopar os corpos de Salud Torres e María del Valle e outra en Chandrexa de Quiexa para recuperar o do guerrilleiro antifranquista Benigno Fraga Pita O Alejandro.

Igrexa de Santa María de Beade CC-BY-SA Bené Riobó

Un líder agrarista e fundador da UGT na súa vila

O 19 de abril de 1931 elixiuse democraticamente unha nova corporación municipal en Amoeiro, resultando escollidos 8 concelleiros socialistas e 4 republicanos, e sendo nomeado alcalde-presidente por unanimidade Cástor Sánchez Martínez. Era canteiro, foi representante dos traballadores nas obras do ferrocarril e loitou pola abolición dos foros, chegando a ser presidente das sociedades agrarias en Parada de Amoeiro. En 1919 marchou a Francia para evitar as represalias pola súa loita como agrarista, retornando en 1921. Fundou en Parada de Amoeiro a UGT e a Agrupación Socialista de Amoeiro, da que foi o seu primeiro secretario. Colaborou en La Zarpa, La República e La Lucha, utilizando ás veces o pseudónimo José del Arroyo.

Trala vitoria electoral das dereitas, en 1934 foi cesado e deportado, regresando ao cargo de alcalde en febreiro de 1936, despois do triunfo da Fronte Popular. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo refuxiouse en varias casas e tentou fuxir a Portugal. Porén, foi capturado e asasinado na beira da estrada.

"Antes da súa xestión en Amoeiro non había case escolas, e despois o nivel educativo de Amoeiro chegou a ser superior mesmo ao que os rapaces podían recibir en Ourense"

A corporación municipal que encabezou, homenaxeada nos últimos anos en Amoeiro, destacou pola importancia que lle concedeu ao ensino e nela había varios representantes da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Ourense (ATEO), "os mellores mestres, os máis innovadores, os que estaban en liña coa Institución Libre de Enseñanza", destaca o actual rexedor. "Antes da súa xestión en Amoeiro non había case escolas, e despois o nivel educativo de Amoeiro chegou a ser superior mesmo ao que os rapaces podían recibir en Ourense, grazas a mestres coma Rafael Alonso, que tamén foi asasinado", comenta, engadindo outros logros como que esa corporación "fixo en cinco anos absolutamente toda a rede de estradas que temos hoxe en Amoeiro". 

Nos últimos anos, ademais, o Concello de Amoeiro levou a cabo outras iniciativas de recuperación da memoria histórica, como por exemplo a colocación dunha serie de carteis indicadores en lugares públicos que mantiñan simboloxía fascista. Nas placas pódese ler: "estas imaxes pertencen á propaganda dunha ditadura que ocupou cos seus símbolos os espazos públicos máis emblemáticos. Permanecen aquí como denuncia histórica daquel réxime opresor". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.