Amoeiro lanza unha campaña de achegas para pagar as placas explicativas da Memoria Histórica

Fonte en Amoeiro © Concello de Amoeiro

En novembro o Concello de Amoeiro anunciaba un proxecto para, seguindo a Lei de Memoria Histórica, instalar placas explicativas de Memoria Histórica en lugares públicos rotulados con simboloxía fascista. “Para que imos amputar unha parte da historia cando o que temos que facer é contala?", destacaba daquela o alcalde, Rafael Rodríguez (PSdeG-PSOE), en conversa con Praza.

Trátase de 13 fontes públicas e da antiga escola pública de Parada de Amoeiro, espazos todos eles nos que se poden ver os escudos co xugo e as frechas, e outros elementos de exaltación do fascismo. Nas placas poderase ler que "estas imaxes pertencen á propaganda dunha ditadura que ocupou cos seus símbolos os espazos públicos máis emblemáticos. Permanecen aquí como denuncia histórica daquel réxime opresor". A proposta xerou unha gran repercusión, mesmo fóra de Galicia, o que sorprendeu o rexedor, que lamentaba que "esteamos tan acostumados a non tocar as cousas, a deixar que todo siga igual. Estamos afeitos a ser pasivos ou inactivos ante cousas coas que deberiamos ser moito máis activos”.

Tamén chegou algunha crítica, con argumentos como que esta medida non axuda "a resolver a crise económica" e que "é un despilfarro”. “Non é ningún despilfarro", subliña o alcalde, "as placas que encargamos, un total de 14, teñen un custe sumado de 459,80 euros". Porén, “para que non se poidan acoller a ese argumento", o Concello vai poñer en marcha unha campaña de crowdfunding, de xeito que todas as persoas que así o queiran poidan facer unha doazón única, de dous euros, para apoiar que esta iniciativa se leve a cabo. As doazóns pódense realizar a través desta páxina.

"Queremos que sirva para animar a que noutros lugares se faga o mesmo e se impulsen as medidas para dar a coñecer a nosa memoria"

“É unha cantidade da que nos poderíamos facer cargo, pero entendemos que é unha cuestión ética. Non imos gastar un can das arcas municipais. Ímoslle pedir á xente axuda para rehabilitar a memoria nuns tempos nos que hai unha cousa chamada lei, que é para todos, a Lei de Memoria Histórica, e hai un goberno que non a provee de fondos para que se poida aplicar", denuncia o alcalde, que engade que "ademais, queremos que sirva para animar a que noutros lugares se faga o mesmo e se impulsen as medidas para dar a coñecer a nosa memoria".

Dende o concello engádese que "consideramos que esta causa require dun impulso adicional que demostre o respaldo popular que acompaña a implementación de accións dirixidas a materializar a Lei de Memoria Histórica" e salienta que España "ten moitas débedas pendentes coas vítimas dunha ditadura que represaliou multitude de familias e sumiu no esquecemento as barbaries cometidas sen aliviar -nin sequera simbolicamente- esas atrocidades".

Se a campaña supera a cantidade prevista, os cartos sobrantes se empregarán para a organización en Amoeiro doutras actividades ligadas coa memoria histórica. "Xa estamos preparando, para o ano que vén, un acto de homenaxe ás corporacións municipais que houbo durante a Segunda República. No ano 1936 había 12 concelleiros, eran os 12 socialistas. O alcalde matárono e o resto tivo que fuxir, ou estiveron agachados durante anos. O seu legado foi moi importante, e queremos traer esa memoria á actualidade, honrar esa xente e concederlles os eloxios que merecen", di Rafael Rodríguez, que destaca que "Amoeiro foi un dos concellos que padeceu máis cruelmente os efectos da represión".

 

"O esquecemento é algo que nos divide"

"Conservar a memoria forma parte do patrimonio dun pobo. O esquecemento é algo que nos divide. Hoxe hai moita xente que non sabe que é iso. É necesario que a xente saiba que é iso que está aí"

Rafael Rodríguez defende que coa colocación destas placas infórmase mellor do que foi a ditadura e réndese unha mellor homenaxe ás vítimas e á súa dignidade que coa retirada da simboloxía fascista. “A mellor proba témola noutros países. Non é o mesmo que che conten o que foi o nazismo, que ir a un campo de concentración, estar alí, ver o que foi. Esa é a forma que contar a historia, ver como foi a realidade”. E engade que a visión dos xugos e frechas nas fontes do concello, coa explicación do que isto significou durante corenta ano permite amosarlle á xente "como foi a apropiación simbólica dos lugares públicos, como con esas imaxes se conseguía unha sensación de dominio e imposición, como se infundía temor na xente”. "Conservar a memoria forma parte do patrimonio dun pobo. O esquecemento é algo que nos divide. Hoxe hai moita xente que non sabe que é iso. É necesario que a xente saiba que é iso que está aí", conclúe.

 

O reloxo de Cástor Sánchez Martínez

O vindeiro ano, como adiantou o alcalde Rafael Rodríguez, o Concello de Amoeiro organizará un acto de homenaxe á corporación municipal que xestionou a localidade durante a Segunda República e que tivo a Castor Sánchez Martínez como alcalde. Loitador pola abolición dos foros, foi por tres veces presidente das sociedades agrarias en Parada e fundador da UGT de Amoeiro e da primeira agrupación socialista no concello.

O 19 de abril de 1.931 elíxese democraticamente nova corporación, resultando elixidos 8 concelleiros socialistas e 4 republicanos, sendo nomeado alcalde-presidente por unanimidade. O mandato durou ata 1934, momento no que é deportado tras unha criticada actuación xudicial. Regresou a súa casa o 7 de xaneiro de 1935, e o 20 de febreiro de 1936 asumiu, de novo, a alcaldía de Amoeiro por orden ditada polo presidente da República.

O reloxo de Cástor Sánchez Martínez, un modelo de marca Titán e único na bisbarra, pasou ao pulso dun dos seus asasinos quen, a pesares da súa infamia, vangloriábase publicamente diso

Tras o golpe militar, o 25 de agosto de 1936, os falanxistas asasinan a Castor Sánchez Martínez na estrada de Leiro a Ribadavia, no cruce de Beade. O reloxo de Cástor Sánchez Martínez, un modelo de marca Titán e único na bisbarra, pasou ao pulso dun dos seus asasinos quen, a pesares da súa infamia, vangloriábase publicamente diso. O seu fillo –José Benito Sánchez- foi coñecedor desta historia, e sufriu como poucos a longa e dura represión fascista, o cal non lle impediu converterse en cronista de Amoeiro ao longo de toda a súa vida.

Placas instaladas en Amoeiro © Concello de Amoeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.