Boimorto e Ames reivindican manter viva a memoria dos edís asasinados no verán de 1936

Acto do BNG en Ortoño (Ames) en lembranza dos 'Homiños' de Boimorto © BNG Ames

O 20 de agosto de 1936 foron asasinados nove dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Só puido fuxir da morte o alcalde e dous edís. O resto dos representantes elixidos democraticamente, ademais de dous veciños, foron levados en camións ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames) onde foron executados

O 20 de agosto de 1936 foron asasinados nove dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Só puido fuxir da morte o alcalde e dous edís. O resto dos representantes elixidos democraticamente, ademais de dous veciños, foron levados en camións ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames). Berráronlles "Correde" e disparáronlles polas costas. Once corpos caeron ao chan e alí mesmo foron soterrados, con roupa de domingo.

O pasado martes 27 o BNG de Ames celebrou un acto no campo da festa de Ortoño na memoria dos "Homiños de Boimorto", unha homenaxe aos represaliados e ás súas familias que contou coas intervencións de Escarlata Pampín (voceira e concelleira en Ames), Sol Agra (deputada de dereitos civís na Deputación da Coruña) e Alejandra Tojo (bisneta de José Tojo un dos asasinados o 20 de agosto de 1936 polas forzas fascistas). 

Acto do BNG en Ortoño (Ames) en lembranza dos 'Homiños' de Boimorto © BNG Ames

O pasado martes 27 o BNG de Ames celebrou un acto no campo da festa de Ortoño na memoria dos "Homiños de Boimorto"

En palabras de Alejandra Tojo “os descendentes dos Homiños somos coma unha familia, unha familia que mudou indestrutíbel grazas á memoria”. Na súa intervención, Escarlata Pampín evocou o acontecido en Boimorto naquel agosto de 1936: “partidas de fascistas, principalmente falanxistas, deciden xuntar ás xentes significadas da esquerda para dar un escarmento e aproveitar para saldar vellas contas persoais que, en moitos casos, nada teñen que ver coa política. Na parroquia de Ortoño, na curva dos Batáns, á beira da estrada, aparecen os corpos de seis destes represaliados. Os outros cinco son fusilados no Amenal e enterrados nunha carballeira”. 

Foi un suceso que Sol Agra describiu como “estremecedor” porque “os grandes homes dos que hoxe falamos, recoñecidos cun diminutivo que recolle o cariño e a súa inxusta morte, non foron vítimas dunha guerra. Un mes despois do golpe de estado fascista, en Boimorto, non había unha fronte de batalla, non eran estes homes 
soldados armados".

“Ata o último momento meu avó pedía cumprir o desexo daquel neniño que con 10 anos se tivera que facer home á forza. O desexo de atopar a un pai do que non se despedira, o desexo de ter un lugar no que chorarlle", explicou Alejandra Tojo. Unha idea que reafirmaron Sol Agra, que afirmou que “o coñecemento do que pasou é a única maneira que temos de manter viva a memoria para que a mocidade non se deixe levar por discursos de odio baseados en mentira e branqueamento” e Escarlata Pampín, que dixo que "o pasado non o podemos mudar, máis o que si podemos e loitar por un presente e un futuro no que nada nin ninguén se teña que agochar”. 

88 anos despois, só os corpos de tres destes represaliados puideron ser exhumados e trasladados dende un lugar esquecido ata unha sepultura digna

88 anos despois, só os corpos de tres destes represaliados puideron ser exhumados e trasladados dende un lugar esquecido ata unha sepultura digna e deste xeito contribuír, dalgunha maneira, á reparación desas outras vítimas do réxime franquista, como son son as familias. Foron Isidro Filloy López, de 46 anos, Andrés Filloy de 18 e os de Caitán García Vázquez, de 42, que foron exhumados en setembro de 2007, atendendo a un acordo do Concello de Boimorto, iniciativa do BNG e aprobada por unanimidade, para que se localizasen os restos e fosen entregados aos seus descendentes.

Traballos de exhumación no Amenal no ano 2007 © ARMH

20 de agosto de 1936

"Esta xente o que intentaba dende o Concello era facer escolas, mellorar a vida da xente"

Foi Don Emilio, crego local, quen animou os fascistas a que acabasen con aqueles roxos que levaran a educación pública a Boimorto e que se enfrontaran con el, ao crear cemiterios públicos. Dos doce só conseguiu fuxir José Cabanas, que cunha bala na perna (que lle sacaron uns labregos cun fouciño) percorreu corenta quilómetros até regresar á súa casa. Alí viviu emparedado durante quince anos, nos que se intentou suicidar tres veces. A súa dona mandaba os seus fillos xogar á pita cega para que o seu pai puidese tocalos sen que eles o visen.

"A dignidade nunca a perderon. A súa dignidade é a indignidade dos seus asasinos. Isto non é o final dun proceso, senón que é o comezo. Hai que rematar con ese gran silencio que nos mancou e nos manca"

En lugares como Boimorto a corporación municipal impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria, enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación importantísima e unha grande actividade. A guerra matou todo iso, porque para iso se fixo o golpe militar que acabou coa democracia. "Esta xente o que intentaba dende o Concello era facer escolas, mellorar a vida da xente. Chegaron a decidir que todos os meses o Concello dedicaría unha partida mensual de cartos para mercar libros e facer unha biblioteca ambulante por Boimorto. Iso é algo imposible de pensar mesmo hoxe", sinalaba hai uns anos en Praza.gal Xosé Luis Rivas Cruz Mini.

"Os mortos e os que quedaron o único que fixeron foi soñar cunha ilusión, cun futuro distinto e esa ilusión foi afogada, matada e dunha maneira moi dura, moi violenta", diciía Xosé Luís Rivas, e engadía: "Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país". "A dignidade nunca a perderon. A súa dignidade é a indignidade dos seus asasinos. Isto non é o final dun proceso, senón que é o comezo. Hai que rematar con ese gran silencio que nos mancou e nos manca", concluía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.