O 20 de agosto de 1936 foron asasinados once dos concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Fuxiu o alcalde e dous edís. O resto dos representantes elixidos democraticamente foron levados en camións ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames), seis a cada lugar. Berráronlles "Correde" e disparáronlles polas costas. Once corpos caeron ao chan e alí mesmo foron soterrados, con roupa de domingo.
Este domingo 24 de xuño a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) entregará ás súas familias os restos de Isidro Filloy López, de 46 anos, Andrés Filloy de 18 e os de Caitán García Vázquez, de 42, que foron exhumados en setembro de 2007, atendendo a un acordo do Concello de Boimorto, iniciativa do BNG e aprobada por unanimidade, para que se localizasen os restos e fosen entregados aos seus descendentes. Unha vez exhumados, os restos foron trasladados a Euskadi, onde foron estudados polo forense Francisco Etxeberría, o experto que máis foxas da represión franquista leva exhumado no Estado Español. O pasado mes de abril as probas xenéticas que levaron a cabo deron resultados positivos: as identidades dos tres esqueletes recuperados corresponden coas dos veciños reclamados polos seus familiares.
Xosé Luis Rivas Cruz salienta que "neste concello fíxose algo que debía ser feito en toda Galicia: que todos os partidos votasen a favor de abrir as foxas. E non pasou nada"
Xosé Luis Rivas Cruz Mini, impulsor do proceso de recuperación, di que será "un acto moi simple, pois é o acto máis íntimo, a entrega dos restos ás familias, a pena é que non sexan todos". Mini salienta que "neste concello fíxose algo que debía ser feito en toda Galicia: que todos os partidos votasen a favor de abrir as foxas. E non pasou nada, a xente comezou a falar do que pasou, con tranquilidade, e non pasou nada". Non é a memoria o que separa ás dúas Españas, é o esquecemento; o medo non renace coas exhumacións, desaparece con elas.
A Agrupación de Familiares das Vítimas do 36 de Boimorto e a ARMH pensan retomar os traballos no Amenal en canto sexan conseguidos os permisos de acceso á finca, na que presumiblemente se encontra a segunda foxa, onde poderían atopárense os restos de Ramón Sánchez Rapela de 34 anos e Ramón Vázquez Garea de 50 anos. "A paisaxe cambiou, cambiaron as referencias, demos moitos paus de cego", di Mini, "pero estamos seguros de que a segunda foxa está moi cerca da primeira, agora só falta que o dono da leira dea o permiso". E conclúe: "Levan máis de setenta anos aí, e non pasa nada porque esperen un pouco máis. O importante non é que vaiamos rápidos ou lentos, pero temos que recuperar os restos desas persoas, porque eran veciños de Boimorto".
20 de agosto de 1936
Mini repite sempre que "aquela Galiza era republicana"
Foi Don Emilio, crego local, quen animou os fascistas a que acabasen con aqueles roxos que levaran a educación pública a Boimorto e que se enfrontaran con el, ao crear cemiterios públicos. Dos doce só conseguiu fuxir José Cabanas, que cunha bala na perna (que lle sacaron uns labregos cun fouciño) percorreu corenta quilómetros até regresar á súa casa. Alí viviu emparedado durante quince anos, nos que se intentou suicidar tres veces. A súa dona mandaba os seus fillos xogar á pita cega para que o seu pai puidese tocalos sen que eles o visen.
Mini repite sempre que "aquela Galiza era republicana". En lugares como Boimorto a corporación municipal impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria, enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación importantísima e unha grande actividade. A guerra matou todo iso, porque para iso se fixo o golpe militar que acabou coa democracia. "Esta xente o que intentaba dende o Concello era facer escolas, mellorar a vida da xente. Chegaron a decidir que todos os meses o Concello dedicaría unha partida mensual de cartos para mercar libros e facer unha biblioteca ambulante por Boimorto. Iso é algo imposible de pensar mesmo hoxe", conta Mini.
"Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país"
"Os mortos e os que quedaron o único que fixeron foi soñar cunha ilusión, cun futuro distinto e esa ilusión foi afogada, matada e dunha maneira moi dura, moi violenta", di Xosé Luís Rivas, e engade: "Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país". Porén, engade, "para as familias este acto significa outras cousas. Hai que poñerse na situación das familias, en todo o que pasaron dende agosto de 1936: as ignominias, as marcas, as imposibilidades de acceder a determinados postos de traballo, e sobre todo a gran dúbida. Os asasinos quedaron coa dignidade social e sementaron a dúbida de que os mortos algo farían". E conclúe: "A dignidade nunca a perderon. A súa dignidade é a indignidade dos seus asasinos. Isto non é o final dun proceso, senón que é o comezo. Hai que rematar con ese gran silencio que nos mancou e nos manca".
Os cambios de goberno en Santiago e Madrid frearon o proceso de recuperación da memoria soterrada nas foxas, pero Mini lembra que "estamos no noso dereito de buscar pedras, patacas ou restos humanos. Abonda con ir a un xuíz e dicir que aí hai restos humanos, e que cómpre saber de quen son. O país está inzado de foxas, e non che digo nada dos que están no fondo do mar, cunha pedra ao pescozo".