Co seu nomeamento como Republicana de Honra, a CRMH quere poñer en valor o "papel fundamental" que na historia da Coruña desenvolveron "tantas mulleres dos barrios da cidade que souberon enfrontar as durísimas condicións de vida nunha sociedade amordazada polo terror golpista de 1936"
María do Carme Seijas Díaz, Maruxa Seijas, naceu o 12 de abril de 1925 no barrio coruñés da Silva. Este sábado fai, polo tanto, cen anos. E coincidindo co seu aniversario recibirá a distinción de Republicana de Honra 2025, a distinción anual que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) vén outorgando dende o ano 2008 a distintas figuras destacadas na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos civis.
Con este recoñecemento a CRMH quere poñer en valor o "papel fundamental" que na historia da Coruña desenvolveron "tantas e tantas mulleres dos barrios da cidade que, como Carmen Seijas, souberon enfrontar con valor e determinación as durísimas condicións de vida nunha sociedade economicamente devastada e amordazada polo terror golpista de 1936".
María do Carme Seijas fai 100 anos este sábado, unha celebración que coincide coa homenaxe, como Republicana de Honra, que lle rende a CRMH na Cea da República e que foi precedida por un acto institucional no Concello da Coruña
Este mércores Maruxa Seijas foi xa recibida no Concello da Coruña pola alcaldesa Inés Rey, que presidiu o acto institucional de recoñecemento á homenaxeada, que estivo acompañada do presidente da CRMH da Coruña, Carlos Babío, da a subdelegada do Goberno, María Rivas, e representantes da corporación municipal, entidades veciñais e familiares da homenaxeada.
Durante a súa intervención, a rexedora definiu a Maruxa como “moito máis ca unha veciña centenaria; unha testemuña viva dun século cheo de loita, dor, esperanza e resistencia”, subliñando que a súa vida é tamén “a historia dun barrio que soubo manter a cabeza erguida mesmo nos momentos máis escuros”.
Maruxa Seijas é do barrio da Silva, un dos mais afectados pola represión. Os seus irmáns eran asiduos do Ateneo O Resplandor do Abismo, impulsado por José Boedo, pai de Pucho Boedo, onde os nenos e nenas das familias traballadoras aprendían a ler e escribir
E é que Maruxa Seijas é do barrio da Silva, un dos mais afectados pola represión franquista. Os seus irmáns eran asiduos do Ateneo O Resplandor do Abismo, impulsado entre outros por José Boedo, o pai de Pucho Boedo, onde os nenos e nenas das familias traballadoras aprendían a ler e escribir. A súa historia e a da súa familia é "memoria viva do século XX da Coruña, das folgas obreiras dos anos 30, da época da Segunda República ou da represión que se cebou nesta familia e no conxunto do barrio", destaca a CRMH. Un barrio de maioria anarquista onde familias enteiras, como a dos Seijas, foron represaliadas.
A súa vida é tamén “a historia dun barrio que soubo manter a cabeza erguida mesmo nos momentos máis escuros”, destacou Inés Rey
Así mesmo, Inés Rey lembrou a orixe humilde e a historia da familia Seijas: “Maruxa foi unha das irmás pequenas dunha familia de oito e como tal, aprendeu non só a compartir, senón a entender a vida non como algo individual, senón como un camiño colectivo”. E incidiu tamén nesa conexión entre a vida da homenaxeada e a historia e a identidade do seu barrio e doutros barrios populares da cidade, núcleos de clase obreira: "a súa non só é a historia dunha familia, senón a historia dun pobo”.
Seijas tamén é memoria viva do entroido coruñés, onde coñeceu ao seu marido O Queleré. Por iso no seu barrio a xente coñece a Carmen Seijas como Maruxa a do Queleré. Un Entroido no que os mozos choqueiros da Silva aparecian disfrazados de guapas mulleres confrontando por uns dias a moral do nacional-catolicismo.
Unha ofrenda floral este venres e a Cea da República, o sábado, completarán os actos de homenaxe
No acto celebrado este mércores en María Pita, Inés Rey puxo finalmente en valor a memoria como ferramenta de construción de futuro e compromiso democrático: “se queremos unha Coruña orgullosa de si mesma, xusta, democrática e libre, temos que coidar a nosa memoria histórica, transmitila e poñela en valor porque defendela é tamén defender a cidade”.
Os actos de homenaxe á Republicana de Honra completaranse este venres cunha ofrenda floral ás vítimas do franquismo, que se realizará ás 19 horas no Memorial da Avenida de Navarra. E, sobre todo, o sábado 12 coa tradicional Cea da República e a entrega do Premio Republicana de Honra á familia de Carmen Seijas. Será ás 21 horas no Hotel Meliá María Pita coa participación de Isabel Risco e a actuación de Xosé Luis Rivas Mini.