"Non me importan os recoñecementos. Loitar era a nosa obriga, se querías vivir tiñas que facelo"

Celsa Díaz Cabanela © Véndese Cidade

Era 1972 e en Ferrol a Policía acababa de matar a Amador Rey e Daniel Niebla. Nas protestas contra a ditadura que se estenderon por toda Galicia é detida na Coruña Celsa Díaz Cabanela, militante das Xuventudes Comunistas. Tiña 15 anos. Esa foi a súa primeira detención, pero nos dous anos seguintes foi detida seis veces máis polos "traballos de concienciación" que realizaba xunto coas súas compañeiras e compañeiros nas fábricas, agrupacións culturais ou cos veciños e veciñas. 

"Dáme un pouco de vergoña que me agradezan polo que fixen. Era a miña obriga"

En 1974, con 17 anos, ingresou por primeira vez no cárcere (na vella prisión provincial da Coruña). E despois seguiu loitando, loitou toda a súa vida, en todas as partes, destacando anos máis tarde na loita contra a SIDA, presidindo na actualidade a Asociación Antisida da cidade. Celsa Díaz Cabanela vén de ser nomeada Republicana de Honra 2019 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), un recoñecemento que chegará en abril, na semana de celebracións do 14 de abril. 

"É un orgullo o nomeamento", di Celsa en conversa con Praza.gal. "Non sei se o merezo. Non sei se é porque son moi tímida, pero dáme un pouco de vergoña que me agradezan polo que fixen. Era a miña obriga. Non me importan os recoñecementos. Era algo que tiñamos que facer, nada máis, se querías vivir tiñas que facelo", asegura.

"Neses anos, lembro que as que máis loitaban e as que máis traballaban eramos as mulleres: Juana, Chuky, Concha, eu...  Eramos as máis ousadas"

En 1972 Celsa Díaz estudaba 5º de Bacharelato no Instituto de Monelos. Alí, xunto con outras e outros militantes, organizaba actividades culturais: teatro ou concertos, e tamén organizaban algunhas protestas contra a ditadura, como a que lle custou a súa primeira detención. "Como só tiña 15 anos a Garda Civil levoume coa miña nai ao Cuartel. Xa me deixaron libre ese día, pero foi unha detención. A partir dese momento a miña vida foi un acoso continuo: non podía ir cos meus amigos, viñan a pedirme documentación continuamente. Por iso sempre digo que non tiven adolescencia. Tiña ese compromiso", di. "Neses anos, lembro que as que máis loitaban e as que máis traballaban eramos as mulleres: Juana, Chuky, Concha, eu...  Eramos as máis ousadas", engade.

A detención supuxo tamén a súa expulsión do instituto, tendo que matricularse no de Zalaeta, onde non tivo a colaboración do profesorado que tivera en Monelos. Nos meses seguintes foi detida en seis ocasións, pasando nos calabozos da comisaría sempre as 72 horas regulamentarias, sendo procesada varias veces, aínda que as acusacións foron sobresidas. Neses días Celsa, apenas unha nena, permanecía incomunicada, lembra que a manta que lle daban estaba húmida e que facía moito frío, tamén que lle daban unha especie de caldo que viña nun balde e que nunca foi quen de comer. Alí era tamén interrogada, recibindo todo tipo de insultos vexatorios e machistas, buscando que delatase aos seus compañeiros e compañeiras.

Celebrou o seu 18 aniversario no cárcere. Era a única presa política, polo que foi integrada coas presas comúns

En 1974 Celsa Díaz foi enviada directamente á prisión, tres meses. A causa foi o suposto impago dunha multa de 200.000 pesetas, expedida pola Dirección Xeral de Seguridade, que ela nunca recibira. Era a única presa política, polo que foi integrada coas presas comúns: prostitutas, algunha que roubara, unha que matara ao marido, mulleres que abortaran e outras que realizaran abortos. Máis adiante coincidiu con outra presa política, da UPG. 

Alí celebrou o seu 18 aniversario. Os domingos recibía a visita dos seus pais, que lle levaban coida que ela despois compartía co resto das presas. Celia lembra que neses momentos sempre recibiu o apoio do seu pai e da súa nai. O seu pai era de esquerdas, fora represaliado, ao igual que a súa irmá, e os irmáns militaban tamén no Partido Comunista. “Miña nai sempre foi unha loitadora, nunca se queixou, sempre estivo ao noso lado. Tamén os veciños axudaron aos meus pais; daquela había moita solidariedade”, destaca Celsa.

Celsa Díaz Cabanela, nos anos 70 © Memorias do Cárcere

Hai dous anos Celsa Díaz Cabanela regresou á prisión na que pasou parte da súa adolescencia. O dia que o Cárcere Provincial da Coruña reabriu as súas portas, ela foi a encargada de abrir a porta. Emocionada, destacaba o "orgullo e a dignidade" dos centos de persoas que foron recluídas aquí "por loitar pola liberdade, por loitar por un mundo mellor". 

Na década dos 80 centrou a súa militancia na loita contra a SIDA. Foron moitos os amigos afectados, moitos morreron. Hoxe preside a Asociación Antisida da cidade

"Non tiven conciencia de ter estado na cadea ata que volvín hai dous anos. Cando estivera dentro non era moi consciente do perigo nin de nada, seguramente porque era moi nova", destaca. "Nese momento estaba convencida de que o que facía era o que tiña que facer. Non había máis remedio, se queríamos vivir tiñamos que loitar. Se queríamos ter unha vida xusta, poder falar, ler ou ir ao cine, tiñamos que loitar", di.

Foi encarcerada de novo en 1975. E, ademais, a condena impediulle seguir estudando. Só en 1977, cando se promulgou a Lei de Amnistía, puido completar os seus estudos de Bacharelato, no nocturno, rematando anos máis tarde Graduado Social.

Chegou a Transición e ela seguiu loitando. A ditadura rematou, pero Celsa Díaz recoñece que "as expectativas eran outras e por iso chegou o desencanto". "Pensabamos que os policías ian ser distintos, que non ía gobernar a dereita, daba moita rabia ver que os mesmos policías, políticos, xuíces, empresarios que mandaban na ditadura, seguían aí", di. De feito, lembra que durante anos tiña que cruzarse na piscina cun dos policías que a detiveron e a interrogaron. " Pero eu faríao outra vez" engade.

"A conclusión é que hai que seguir loitando sempre, non queda outra. Mira agora, que hai moita xente de esquerdas que pasa. Os de dereitas non pasan, sempre votan"

Na década dos 80 centrou a súa militancia na loita contra a SIDA. Foron moitos os amigos afectados, moitos morreron. "A min morreume o meu compañeiro, que tamén fora comunista. Eu tiña 30 e poucos anos e el 35", di. "Esa tamén foi unha loita moi dura, había que concienciar á xente e había que dar a cara", subliña. Hoxe preside a Asociación Antisida da cidade e continúa comprometida. 

"A conclusión é que hai que seguir loitando sempre, non queda outra. Mira agora, que hai moita xente de esquerdas que pasa. Os de dereitas non pasan, sempre votan", destaca. Celsa Díaz é unha desas persoas que loitaron un día, un ano, moitos anos, toda a vida. Unha das imprescindibles.

Momento no que Celsa Díaz abre a porta do cárcere CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.