Un recoñecemento “aos campesiños, obreiros, estafetas e enlaces e outros que apoiaron a guerrilla"

Camilo de Dios e Bernardo Máiz © CRMH

“Camiñando todos xuntos seremos quen de traer a III República”, Camilo de Dios (Sandiás, Ourense, 1932), mantén o pensamento, os valores e a loita que marcaron toda a súa vida. Enlace da guerrilla desde ben neno, combatente no monte desde o 47, prisioneiro durante dez anos, nunca abandonou a pelexa e mesmo foi organizador dos sindicatos campesiños da Limia nos sesenta e concelleiro en Xinzo e Sandiás polo PCE unha vez morto o ditador. Este venres recibiu na Coruña a distinción como Republicano de Honra 2016 coa que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) quixo render homenaxe ao conxunto do Movemento Guerrilleiro Galego, nun acto celebrado na sede da Real Academia Galega.

“A guerrilla non derrotou a Franco, pero foi a única oposición organizada e democrática durante tres lustros”, destacou Máiz

“Algo creo que fixemos”, dixo Camilo de Dios agradecendo a distinción e os eloxios do historiador Bernardo Máiz, que remarcou o compromiso do guerrilleiro na primeira liña política ata os anos oitenta. “A guerrilla non derrotou a Franco, pero foi a única oposición organizada e democrática durante tres lustros”, explicou Máiz, que se confesou “doente de optimismo” respecto da posibilidade de que a III República estea próxima. Tamén se referiu a isto o homenaxeado, que dixo que “camiñando todos xuntos seremos quen de traer a III República” e mesmo bromeou con que “hai moita xente apoiándonos, tamén a Familia Real”.

Tamén tivo palabras de agarimo e admiración para Camilo de Dios o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que falou como anfitrión do acto, pero sobre todo "como amigo e compañeiro", nun evento ao que asistiron medio cento de persoas, entre elas, Laura, unha das netas do homenaxeado, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. Alonso Montero salientou a humildade do homenaxeado e dixo que “no caso de Camilo demóstrase como o individuo é portador de matices que enriquecen o conxunto do partido”. Alonso Montero tamén sinalou que a familia de Camilo –a súa nai, Carmen, que estivo presa, e o seu irmán, asasinado cando fuxía cara a Francia- “é clave para entender a resistencia galega” e mesmo pediu que se faga unha biografía sobre Carmen Fernández que honre tamén as mulleres “do chao e do monte” que estiveron na guerrilla ou a axudaron.

Alonso Montero pediu que se faga unha biografía sobre Carmen Fernández -nai de Camilo de Dios- que honre tamén as mulleres “do chao e do monte” que estiveron na guerrilla ou a axudaron

Camilo de Dios fixo partícipes da distinción “aos campesiños, obreiros, estafetas e enlaces e outros que apoiaron a guerrilla”. De igual xeito, antes do acto, realizouse unha ofrenda ás vítimas do franquismo no Memorial Xermolo, en Monte Alto, moi preto da cárcere que o propio Camilo de Dios coñeceu a finais dos anos corenta e no que estivo condenado a morte. Sobreviviu, non así José María Saavedra, o compañeiro co que foi detido en Ourense e que foi executado a garrote vil na cidade herculina. Este venres Camilo de Dios amosou en varias ocasións o reloxo que Saavedra lle regalou antes de morrer.

Foto da homenaxe realizada este venres na Coruña © CRMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.