Nicanor Acosta: "O 15M supuxo atoparme de novo a min mesmo"

Nicanor Acosta, ante os xulgados © Antía García Sendón

Nicanor Acosta, de 76 anos, é un dos vellos coñecidos activistas na cidade da Coruña. Dende hai uns anos lidera co seu megáfono as manifestacións e as concentracións de todo tipo de movementos sociais, dende os preferentistas ata os desafiuzados, para defender uns dereitos que considera esenciais. Tal é a loita que está a levar durante estes anos que foi multado en numerosas ocasións. Sancións que esperan aínda unha resolución xudicial tras os recursos presentados polos seus avogados. Este luns volverá acudir ao xulgado, desta vez por unha acción de hai tres anos para reclamar a tramitación da ILP pola dación en pago. A súa entrega ao activismo político non comezou hai tan pouco tempo. Xa durante os últimos anos da ditadura española abandeirou o Xunta Democrática en Galicia e, tal é como el conta, sufriu a represión do franquismo. Falamos con el sobre o pasado, o presente e o que está aínda por acontecer.

Que tal se atopa tras o último xuízo e ante outro vindeiro?

Non estou nada preocupado polo que poida a acontecer con el ou cos outros. As respostas xudiciais non van alterar a miña liña de conduta. A miña actuación é unha resposta da miña conciencia cívica, que levo e levei a cabo durante toda a miña vida.

"As respostas xudiciais non van alterar a miña liña de conduta" 

Séntese como un dos referentes do activismo político?

Eu non quixera ser un referente. Prefiro ser un máis. Ademais, ao mesmo tempo que eu estaba na rúa, tamén se estaban a mobilizar outros máis. Creo que a xente vai ser máis consciente, pois non penso que sexa unha excepción. O meu traballo sitúase ao lado dos movementos sociais, no corazón dos mesmos, polo que cando me multaron, estaban a multar os movementos sociais. E eles sabíano. Ao mesmo tempo, cando intentan ameazarme, estanllo a facer tamén á xente máis consciente, aquela que se mobiliza.

"O particular non é o importante. O relevante son os problemas que afectan a esta sociedade, como o machismo ou a represión"

Falar de si mesmo non é un dos seus puntos fortes...

Non. É que o particular non é o importante. O relevante son os problemas que afectan a esta sociedade, como o machismo ou a represión. Isto é o que estamos a vivir todos. Eu, individualmente, non teño ningún problema. Quen o ten é o establishment co pobo, coa xente do común, e eu atópome ao carón desa xente. Estas persoas teñen moitas dificultades na súa vida, moitas máis das que teño eu. Ademais, moita xente do común non ten quen os defenda. Eu teño uns avogados que me cobren. E dende logo, a miña conciencia tamén está moi cuberta.

Sorprende que logo de tantos anos de activismo un non estea canso?

Non. Levo ligado ao activismo moitos anos e este tempo non é diferente. Isto só é a continuación a unha liña de conduta que non ma van cambiar. O que estou a facer non é unha conduta excepcional e seguir unha liña de defender os dereitos da xente e os meus, como a liberdade de reunión e ou a de expresión.

Vostede viviu o activismo tanto no franquismo como na democracia. Cal é a comparación que fai deles?

Penso que mirar cara atrás serve de bastante pouco. Cada tempo ten as súas características. É certo que vivín tempos de moita mobilización durante a ditadura. Por exemplo, unha das maiores mobilizacións e que para min cambiou por completo a historia deste Estado foi o enterro dos cinco avogados de Atocha en 1977. A xente alí presente que nos estabamos a manifestar faciámolo no máis absoluto silencio. Aquel atentado, que se levou a cabo por grupos da ultradereita española en confabulación con parte do goberno e do establishment daquel tempo, tiña como cometido acabar coa democratización que se estaba a dar no Estado español. O resultado foi en contra deles. Non querían dar a democracia mais, ao meu parecer, ese feito deuna. Foi o apoxeo do movemento popular que facilitou a chegada da democracia. Ese enterro tereino gravado toda a miña vida.

"O 15-M é un dos puntos cruciais da historia política actual. O movemento das prazas significou atoparme de novo a min mesmo"

E algunha outra mobilización que lembre especialmente?

Outro dos momentos máis significativos durante a miña vida aconteceu en 1972. O 10 de marzo dese ano a policía mataba dous obreiros que loitaban polos seus dereitos en Ferrol (Amador Rey e Daniel Niebla). Eu estaba de camiño a Catalunya para reunirme coa Xunta Democrática do país catalán. Unha vez cheguei, pedinlle solidariedade co pobo galego. A resposta que deron foi sorprendente. Á mañá seguinte, todas as bocas do metro da Cidade Condal estaban cheas de panfletos en solidariedade con Galicia. A organización do pobo catalán era incrible e, actualmente, segue a ser moito máis superior que a do resto do Estado español. Todo ese movemento democrático é moi difícil de esquecer. Non obstante, na actualidade, o activismo político está a rexurdir. O movemento do 15-M é un dos puntos cruciais da historia política actual. Para min, o movemento das prazas significou atoparme de novo a min mesmo. Eu creo que a organización, como a que alí se deu, é imprescindible para facer fronte a tanta desfeita.

E vostede implicouse de cheo...

Nese tempo, na praza da Coruña, propuxen por formar unhas redes que crearan un contrapoder na sociedade ante tanta barbarie e crueldade. Aquilo foi bastante aceptado mais non foi demasiado debatido. Durante estes últimos anos, creo que a xente estase a decatar de que isto é moi necesario. Eu simpatizo moito coa visión de que se precisa unha rebelión organizada e democrática. Necesitamos dun movemento popular, tanto me ten como lle queiran chamar, pero o concepto debe manterse intacto.

"Necesitamos dun movemento popular, tanto me ten como lle queiran chamar, pero o concepto debe manterse intacto"

A democratización de todas as institucións ten que ser inminente, ata chegar ás europeas. E todo isto debe comezar nos países periféricos, os que máis sufriron e sofren a crise. Para logralo, debemos de poñer os cinco sentidos todos, os que se consideran activistas e os que non. Todos os que se sexan conscientes do momento político actual debemos de dar un pasiño cara adiante.

Chegamos a un momento de precampaña electoral en Galicia mentres que en Madrid seguen sen poñerse de acordo para formar goberno. Cal é a súa opinión cara este panorama político?

De cara ao futuro eu sempre digo que é necesario formar un movemento popular de ampla base social que lle faga fronte a esta situación catastrófica que estamos a vivir. Que debata unicamente os puntos esenciais. Aqueles que precisa a xente no seu día a día, e que así se acade o mínimo de que todo cidadán teña o básico para vivir. De cara ás eleccións galegas, débese dar a coincidencia elemental básica de todos os grupos sociais e de todos os partidos que se din de esquerdas. É esencial. Tanto me ten que uns teñan o interese especifico en Galicia, coma outros que tamén o teñan en todo o Estado español. Ambas as dúas posturas son complementarias, non se exclúen. E é alí onde todos temos que coincidir.

"As posturas de BNG e En Marea son complementarias e non excluíntes. É alí onde todos temos que coincidir"

Estamos a falar dunha coalición do BNG con En Marea?

Claro. Isto é elemental. Ademais, no meu parecer está claro dende hai moito tempo. Os programas políticos destas dúas formacións son moi similares, con moitísimos puntos en común. Repito de novo, estes programas son complementarios, non excluíntes.

Nicanor Acosta © Antía García Sendón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.