O vindeiro 12 de marzo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) desenvolverá unha nova edición da súa "marcha cívica", que titula como Roteiro da vergoña. Como en anteriores convocatorias, o colectivo memorialista quere sinalar os vestixios das homenaxes da ditadura que permanecen nas rúas da cidade e "colaborar co Concello no cumprimento do acordo plenario" a prol da divulgación do traballo ao respecto que realizou o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
Este xoves, 3 de febreiro, o pleno municipal coruñés aborda unha moción de apoio a este roteiro, asinada conxuntamente pola Marea Atlántica, o BNG e a edil non adscrita Isabel Faraldo (Podemos). O texto a debate no pleno reclama a difusión do devandito informe do Instituto José Cornide sobre as materias pendentes na cidade para a aplicación da Lei da Memoria Histórica. O documento, entre outros aspectos, insta o goberno local a retirar do rueiro e das honras municipais a Pedro Barrié de la Maza, Sergio Peñamaría de Llano ou Alfonso Molina.
Antes do debate da moción, o texto recibiu unha emenda do PP que foi feita pública polo propio partido, que conta con 9 dos 27 edís da corporación. Na súa achega, os conservadores promoven substituír o apoio á marcha cívica pola memoria histórica por outra iniciativa, un roteiro que "realice paradas diante dos edificios ocupados -okupados, no texto orixinal- e locais que sufriron roubos".
Apenas dous meses despois de atribuíren un "insoportable" clima de "violencia" nun barrio da cidade por mor das "alianzas de Pedro Sánchez", os populares reclaman non apoiar un roteiro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, por estar relacionado "co pasado" e organizar outro sobre "inseguridade cidadá"
Segundo o PP, a marcha "relacionada co pasado" que apoian os grupos propoñentes -non mencionan a relación co franquismo-, están "moi afastadas do que realmente interesa aos coruñeses, coma inseguridade, o desemprego ou a inmobilidade". Manteñen os conservadores que "hai roubos, ocupacións e agresións por toda a cidade" e por iso os grupos do espectro da esquerda na oposición municipal -que veñen tecendo diversos pactos co goberno local do PSdeG- queren "seguir ancorados no pasado".
Concretamente, a emenda de substitución pretende instar o gabinete da socialista Inés Rey a "convocar a primeira marcha cívica - primeiro roteiro da vergoña de información, sensibilización e apoio aos veciños que sofren problemas de inseguridade cidadá". Segundo os conservadores, o seu roteiro tería que ter unhas corenta paradas en diferentes barrios.
A Iniciativa chega menos de dous meses despois de que, acompañados por un membro da dirección estatal do PP, o deputado por Lugo Jaime de Olano, membros do PP da Coruña realizasen un percorrido polo barrio dos Mallos para asegurar que nel a convivencia é "insoportable", cun "clima de violencia" debido, defendeu, ás "alianzas do señor [Pedro] Sánchez". Na liña do anunciado, os populares votaron en contra da moción, mentres que o PSdeG se abstivo, polo que non foi aprobada.