De Liaño Flores a Jaime Hervada, un roteiro esixe na Coruña a eliminación do rueiro dos alcaldes da ditadura

Inicio da rúa Alcalde Liaño Flores, no barrio do Ventorrillo © Google Maps

Sergio Peñamaría de Llano (1959-1963), Demetrio Salorio Suárez (1966-1969), Jaime Hervada (1974-1976) e José Manuel Liaño Flores (1976-1978). Todos eles foron alcaldes da Coruña durante a ditadura franquista (no caso de Liaño Flores, despois da morte de Franco, pero antes da elección de corporacións democráticas) e contan con rúas que levan o seu nome no barrio do Ventorrillo. Dende hai tempo distintos colectivos veñen reclamando a súa eliminación do rueiro, en aplicación da Lei de Lei de Memoria Histórica de 2007.

Este sábado 2 de outubro a CRMH convoca o denominado Roteiro da Vergoña, en colaboración coa Asociación Veciñal de Agra do Orzán, baixo o lema “Fóra das nosas rúas os alcaldes da ditadura”

Este sábado 2 de outubro a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) convoca o denominado Roteiro da Vergoña, en colaboración coa Asociación Veciñal de Agra do Orzán, baixo o lema “Fóra das nosas rúas os alcaldes da ditadura”. Nos próximos meses continuará con outros roteiros para acabar cos restos do franquismo na Coruña. En cada parada está prevista unha explicación da biografía de cada alcalde e unha intervención dalgún familiar das vítimas do franquismo. E, así mesmo, debaixo de cada placa actual será colocada unha proposta de nome alternativo para esa rúa que a CRMH trasladará ao goberno municipal da Coruña e a todos os grupos municipais.

Placa da rúa Alcalde Jaime Hervada CC-BY-SA Nemigo

O roteiro polas catro rúas do barrio do Ventorrillo comezará na placa de “Alcalde Liaño Flores”, na súa confluencia con Rolda de Outeiro, continuará pola rúa “Alcalde Jaime Hervada”, haberá unha parada na escultura de Pucho Boedo na rúa Mosteiro de Caaveiro, continuará pola rúa “Alcalde Salorio Suárez” e rematará na rúa “Alcalde Peñamaría de Ljano”, na súa confluencia con Mosteiro de Caaveiro.

Sergio Peñamaría de Llano (1959-1963), Demetrio Salorio Suárez (1966-1969), Jaime Hervada (1974-1976) e José Manuel Liaño Flores (1976-1978). Todos eles foron alcaldes da Coruña durante a ditadura franquista 

A rúa Peñamaría de Llano será substituída por Mártires de Valdeorras, "como reparación ás vítimas da represión fascista nesta comarca pola bandeira da lexión, comandada polo tenente Peñamaría". A Liaño Flores, por Mártires do Portiño, lembrando ás 19 persoas asasinadas na fuga do Portiño en marzo de 1937. Jaime Hervada mudará por Arturo Meirás Martínez, sindicalista da CNT paseado en Bastiagueiro o 13 de novembro de 1936 aos seus 24 anos. E, finalmente, Salorio Suárez será substituído por José Boedo López, canteiro, militante da CNT, fundador do Ateneo Libertario El Resplandor en el Abismo da Silva e paseado na Coruña o 19 de agosto de 1936. Foi pai do cantante Pucho Boedo Núñez e de José Boedo Núñez, participante na fuga do Portiño e fusilado o 11 de setembro de 1937.

A CRMH lembra que nos últimos anos foron varias as cidades españolas que retiraron das súas rúas os nomes que facían referencia aos rexedores nomeados pola ditadura, o mesmo que outros recoñecementos honoríficos. Así sucedeu en Bilbao, Barcelona, Ponferrada, Cádiz ou Madrid. E, de igual xeito, en Ferrol a iniciativa do PSOE aprobouse a retirada do salón de plenos os retratos de todos os alcaldes da ditadura. E, así mesmo, na Deputación de Lugo impulsouse a retirada do salón de sesións do palacio provincial dos retratos de todos os presidentes do ente durante o franquismo. Tamén na Deputación da Coruña decidiuse homenaxear os alcaldes e cargos do ente provincial asasinados polos franquistas.

A entidade denuncia que na Coruña dos 108 restos do franquismo que quedan por retirar, 30 están relacionados con alcaldes e alcaldesa na ditadura, que ocuparon o cargo até abril de 1979

A entidade denuncia que, pola contra, na Coruña dos 108 restos do franquismo que quedan por retirar, 30 están relacionados con alcaldes e alcaldesa na ditadura, que ocuparon o cargo até abril de 1979: 11 rúas, retratos, distincións, placas, esculturas. A estes catro alcaldes, pódense sumar os casos de José Pérez-Ardá (rexedor entre 1939 e 1940, 1942 e 1944, e 1969 e 1974), Alfonso Molina (alcalde entre 1947 e 1958), Eduardo Sanjurjo de Carricarte (alcalde entre 1963 e 1965), tamén con rúas (algunha delas de grande importancia) na cidade da Coruña.

Tumba de Sergio Peñamaría de Llano no cemiterio de San Amaro CC-BY-SA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.