Era a alborada do 27 de agosto de 1936, e tamén da guerra. Amencía o 27 igual que o fixera o 17 ou o 19 entre moitos outros días daquel fatídico agosto, daqueles fatídicos anos. Xunto aos valados do cemiterio de Pereiró eran asasinados varias persoas, algúns dos máis destacados dirixentes da esquerda viguesa, entre eles o alcalde da cidade, Emilio Martínez Garrido. Tamén Enrique Heraclio Botana, dirixente socialista galego, fundador de UGT en Vigo e director do diario Solidaridad; Waldo Gil Santostegui, médico e político, membro do Partido Socialista Obrero Español e da Unión General de Traballadores; Ramón González Brunet, político e sindicalista galego, membro da Unión General de Traballadores, da que foi dirixente en Vigo, e do PSOE; Apolinar Torres, mestre, pedagogo e activo sindicalista da Federación Española de Traballadores do Ensino; Ignacio Seoane, sindicalista, político e dirixente socialista galego, militou en UGT e no PSOE e foi elixido deputado pola Fronte Popular nas eleccións xerais de 1936; Antonio Bilbatúa Zubeldía, político e dirixente socialista galego elixido deputado da Fronte Popular en febreiro do 1936; e José Antela Conde, político socialista galego, alcalde de Lavadores durante a Segunda República. As cifras detallan que tras esta matanza até 740 persoas foron asasinadas tamén en Pereiró durante e despois da Guerra Civil.
As cifras detallan que tras esta matanza até 740 persoas foron asasinadas tamén en Pereiró, durante e despois da Guerra Civil.
Hoxe, 77 anos despois, diversas organizacións convocan a todos os vigueses e viguesas a participar nun acto de homenaxe fronte ao monumento erixido sobre a fosa común que recorda as vítimas daquela matanza no cemiterio de Pereiró. O pobo de Vigo rende homenaxe "a todas e cada unha das vítimas da represión fascista de 1936 e da posterior dictadura franquista".
O acto será celebrado ás 17 horas. Nel pediranlles tamén ás actuais autoridades o cumprimento da Lei de Memoria Histórica no Concello de Vigo, a demolición da Cruz de Castro por ser un monumento franquista "que ofende ao conxunto da cidadanía", a colocación dun panel municipal de advertencia, próximo aos restos do capitán Carreró, "que indique que este foi un criminal fascista responsábel do asasinato de miles de cidadáns vigueses", a realización dunha revisión exhaustiva dos nomes das rúas da cidade de Vigo para renomear as prazas, edificios, rúas, paseos, ruelas e calexóns públicos e atribuírlles "os nomes de loitadores e mártires republicanos de Vigo" así como a eliminación do rueiro da cidade dos nomes de personaxes que directamente foron representantes e colaboradores da ditadura franquista. Tamén pedirán a adhesión e apoio ao xuízo que se desenvolve na Arxentina contra os delitos de xenocidio cometidos pola ditadura franquista.
O concello de Vigo renderalles homenaxe a Emilio Martínez Garrido e José Antela Conde, alcaldes de Vigo e Lavadores respectivamente, pola súa conta nun acto ás 12 horas que presidirá o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero no Xardín Memoria Histórica do cemiterio de Pereiró. A este respecto, o edil Xabier Alonso (BNG) salientou que consideran "incoherente que o alcalde convoque un acto institucional en homenaxe aos represaliados polo franquismo e que pola contra non acceda á demolición dun dos símbolos franquistas que quedan na cidade, que daría cumprimento á Lei da Memoria Histórica”.