O Goberno de España anula a sentenza simulada polos golpistas para asasinar a Alexandre Bóveda

Amalia Bóveda recibe de Pedro Sánchez o documento que acredita a reparación da memoria do seu pai, Alexandre Bóveda, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, este 10 de decembro © Pool Moncloa /Borja Puig de la Bellacasa

Amalia Bóveda, filla do líder galeguista, recolle de mans de Pedro Sánchez o documento que acredita a súa reparación oficial ao abeiro da Lei de Memoria Democrática

"Ilegal e nula". É a consideración que de agora en diante ten a sentenza simulada polos golpistas que, o 13 de agosto de 1936, autoerixidos en novas autoridades someteron a Alexandre Bóveda no actual salón de plenos da Deputación de Pontevedra a un xuízo sumarísimo para simular cobertura legal ao seu asasinato, que executarían só catro días despois na Caeira.

O crime que acabou coa vida dun dos máis destacados dirixentes galeguistas, clave no impulso ao primeiro Estatuto galego, é lembrado cada 17 de agosto no Día da Galiza Mártir. O de 2025 será o primeiro tras a oficialización da anulación daquel ditame, que o Goberno de España ratificou este 10 de decembro nun novo Día de Recordo e Homenaxe ás Vítimas do Golpe Militar, a Guerra e a Ditadura, conmemoración instaurada pola Lei de Memoria Democrática para cada 31 de outubro, pero adiada este ano por mor das riadas de València.

Pedro Sánchez entrega a Amalia Bóveda o certificado da reparación da memoria do seu pai, Alexandre Bóveda CC BY-NC-SA Praza.gal | Vídeo: Pool Moncloa/Jorge Villar e Javier Amescua

Amalia Bóveda, filla do mártir do galeguismo, foi a encargada de recoller de mans de Pedro Sánchez o documento que acredita a súa reparación política e a devandita anulación, que o Executivo xa avanzara nunha resposta parlamentaria ao BNG hai catro anos e que fora incluída tamén no pacto de investidura asinado polo Bloque co PSOE en 2023. Foi nun acto conducido polo veterano xornalista Iñaki Gabilondo, que lembrou a Bóveda como líder "republicano e galeguista", así como "home de confianza de Castelao, secretario de organización do Partido Galeguista e membro da comisión redactora" do Estatuto en 1932.

O acto resalta o labor de Bóveda no Partido Galeguista e a prol do primeiro Estatuto galego

Bóveda, resaltou, foi "encarcerado polos rebeldes" e sometido ao proceso que finalizou co seu asasinato. Antes de que o matasen, evocou, expresou a súa "derradeira vontade". "A miña patria natural é Galicia; ámoa fervorosamente, xamais a traizoaría. Adóroa máis alá da miña morte. Se entende este tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galicia e faría máis se puidese", resumiu Gabilondo entre os aplausos de Sánchez, o ministro Ángel Víctor Torres e o resto de asistentes, entre os que non se atopaba o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, nin ningún representante do Goberno galego.

Todo o ditado por aquel tribunal queda declarado ilegal e ilexítimo pola lei vixente e así fica reflectido no documento entregado este martes, que evidencia a "nulidade das sentenzas e resolucións" ditadas por "ser contrarias ao Dereito e vulnerar as máis elementais esixencias a un xuízo xusto. O certificado de reparación explicita, asemade, que Bóveda padeceu "persecución e violencia" por "razóns políticas, ideolóxicas e de conciencia", concretamente "pola súa condición de galeguista" que deu lugar a que os golpistas o "executasen por xuízo sumarísimo".

Documento expedido polo Goberno de España que acredita a nulidade do xuízo sumarísimo a Alexandre Bóveda e a súa reparación CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedido pola familia de Alexandre Bóveda

Francisco Javier Elola e Xosé Fortes

A constatación da nulidade da condena a Bóveda foi o máis significativo para Galicia dun acto que tamén serviu para reparar a memoria e homenaxear outros dous nomes galegos represaliados en diferente grao polos golpistas. Trátase de Francisco Javier Elola e Xosé Fortes.

O monfortino Francisco Javier Elola, primeiro fiscal xeral do Estado na II República, foi despois maxistrado do Tribunal Supremo republicano e tamén deputado nas Cortes da época, primeiro polo Partido Radical e posteriorimente como independente. Seguiu exercendo o seu labor xurisdiccional con lealdade á República tras o golpe e os franquistas matárono en 1939 en virtude doutra sentenza tamén agora "declarada ilegal e nula".

A outra homenaxe galega da xornada foi para Xosé Fortes, presente no acto ao carón de Amalia Bóveda. Como capitán de infantaría do Exército foi un dos fundadores da Unión Militar Democrática (UMD), feito polo que a ditadura o condenou a catro anos de cárcere por "conspiración para a rebelión". Cumpriría un ata ser amnistiado. Nos anos seguintes implicouse politicamente e, sobre todo, desenvolvería un amplo labor histórico e cultural no que aínda continúa a traballar.

Xosé Fortes, recibindo o documento de reparación como represaliado polo franquismo, flanqueado por Pedro Sánchez e o ministro Ángel Víctor Torres © Pool Moncloa / Fernando Calvo

"Devolver a dignidade"

Sánchez avanza un amplo programa de actos para conmemorar os 50 anos da fin da ditadura durante 2025

Actos de reparación coma esta, sinala Pedro Sánchez, serven "non para cavar trincheiras, senón para tender pontes" e "unirnos nunha memoria democrática obxectiva" cuxo adiamento acabou tendo para a conmemoración "o mellor pano de fondo posible, o Día dos Dereitos Humanos". As máis de 600 declaracións de recoñecemento e reparación ditadas ao abeiro da lei de memoria democrática, subliña o presidente do Goberno de España, serven para "devolver a dignidade a quen foron privados dela mesmo" despois de matárenos.

No espírito desa lei, avanza Sánchez, encadrarase tamén "a conmemoración dos 50 anos da España en liberdade" que o Executivo vai impulsar durante 2025, cadrando co quincuaxésimo aniversario "da morte do ditador Fracisco Franco e o inicio a Transición". Esa conmemoración, resalta, incluirá "un extenso programa de actividades" con máis dun cento de eventos "que inundarán as nosas rúas, escolas, universidades e museos". "Se hoxe estamos aquí -agrega- é porque ao final triunfaron a liberdade e a democracia, pero esa vitoria nunca é definitiva" e por iso "é o noso deber recordar e preservar un tesouro único, a nosa democracia", enfatiza.

Foto de familia no acto de homenaxe ás vítimas da ditadura, con Xosé Fortes e Amalia Bóveda ao carón de Pedro Sánchez, este 10 de decembro en Madrid © Pool Moncloa /Borja Puig de la Bellacasa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.