O plan reitor agora aprobado aumenta de 53 a 56 hectáreas os espazos de uso xeral, nos que remite á normativa urbanística municipal que cualifica como urbanizable a gran maioría deses lugares
Aprobado hai case un mes por decreto no Consello da Xunta, non foi ata este luns que se fixo público e oficial no DOG o plan reitor de uso e xestión do Parque Natural de Corrubedo, que establece que se pode ou debe facer en cada parte do espazo protexido, limitando as actuacións nas propiedades privadas e planificando as intervencións da administración. O documento actualiza tres décadas despois o obsoleto plan de ordenación do parque de 1992 e chega con máis de década e media de atraso a respecto do previsto na lei galega de conservación da natureza de 2001.
Pero a Xunta non só optou por non ampliar os límites do parque, como viñan demandando expertos e entidades ecoloxistas, senón que mesmo reduciu a protección dalgunhas zonas dentro dos límites actuais a respecto do documento previo á aprobación que someteu a exposición pública a finais de marzo, como viñan reclamando propietarios e Concello de Ribeira.
O documento divulgado hai case tres meses propuña que das 996,25 hectáreas do parque fosen clasificadas 573,21 hectáreas como Zona I de Uso Limitado, a máis protexida, 369,70 hectáreas como Zona II de Uso Compatible e 53,34 hectáreas como Zona III de Uso Xeral. Porén, o decreto finalmente aprobado reduce en 7,78 hectáreas a Zona I, ata 565,43, a cambio de ampliar en 4,3 hectáreas a Zona II e en 3,48 hectáreas a Zona III. Neses últimos espazos, que aumentan así un 6,5%, o plan establece finalmente que “nas zonas coa calificación de núcleo rural e núcleo urbano, as actuacións de conservación das construcións e edificacións, as actuacións urbanísticas e a dotación de servizos estarán sometidas ás ordenanzas municipais e á normativa urbanística de aplicación”. E o propio plan reitor agora aprobado constata que a gran maioría desas zonas están consideradas pola normativa urbanística municipal do Concello de Ribeira como “solo urbanizable”.
O propio plan aprobado pola Xunta admite que "o 71% do perímetro está construído", o que "compromete a permeabilidade" do parque
A Zona III de Uso Xeral na que se poderá seguir construíndo son espazos distribuídos por todo o perímetro do parque, e malia que o propio plan agora aprobado salienta que a súa disposición “dificulta a conectividade ecolóxica do Parque coa súa contorna se non se aplican medidas de permeabilidade e mitigación”, o documento finalmente aprobado pasa a considerar Zona III de Uso Xeral espazos antes considerados como Zona II de Uso Compatible intercalados entre espazos xa construídos, o que contribúe a ‘pechar’ aínda máis o perímetro do parque malia citar estudos que xa en 2008 calculaban que “o 71% do perímetro do Parque está constituído por tramos construídos, unha porcentaxe elevada que compromete a permeabilidade de dito perímetro e dificulta ou modifica os fluxos bióticos e abióticos”.
O plan prevé un investimento no parque de só 100.000 euros ao ano durante a próxima década
Por outra banda, o documento mantén a planificación de investimentos xa prevista na versión exposta ao público hai case tres meses e cuantifícaos nun total de 100.000 euros ao ano, dos que algo máis da metade irían a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural e o resto repartiríase entre programas de investigación e avaliación, xestión do uso público e mellora das infraestruturas e equipamentos.
Vinte anos despois de que a lei galega obrigase a elaborar estes plans reitores en todos os parques naturais, só catro dos seis o teñen, e Feijóo non prevé que o das Fragas do Eume estea listo ata 2022
O plan reitor do Parque Natural de Corrubedo agora aprobado é o cuarto dos seis parques naturais que hai en Galicia que chega a facerse oficial no DOG. Súmase así aos xa aprobados para os do pequeno parque do Monte Aloia e os parques do Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra, con moita menor presión urbanística. Ao anunciar a súa aprobación, o propio presidente Feijóo admitiu que os dous restantes aínda terán que agardar. Segundo as súas previsións, o plan reitor do parque natural da Baixa Limia Serra do Xurés aprobarase este ano mentres que o das Fragas do Eume “imos intentar en 2022”. Será máis de dúas décadas despois da obriga establecida na lei de 2001.