O alcalde de Vigo e presidente da FEMP anuncia que pedirá ao Goberno central que recorra no Constitucional a lei que Feijóo tramita en apoio do seu programa de Concellos Emprendedores tras tombalo o TSXG
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, anunciou este martes que pedirá ao Goberno de España que recorra ante o Tribunal Constitucional a lei que a Xunta está a tramitar para dar amparo legal ao seu programa de Concellos Emprendedores, iniciativa coa que quere primar nas convocatorias de subvencións aos municipios que baixen impostos ás empresas e axilicen as súas licenzas.
O anuncio de Caballero chega despois de que este martes Praza.gal revelase que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a instancias do Concello de Vigo tres convocatorias de subvencións de emprego nas que a Xunta primou a municipios cualificados como Concellos Emprendedores, actuación que o tribunal considerou discriminatoria. A sentenza tamén evidencia que esa figura de concello emprendedor acordada en 2017 entre Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) carecía de amparo legal, tras o que o Goberno galego vén de iniciar agora a tramitación dunha lei que xa si a contemple, actuación que Caballero cualifica como “matonismo político”.
A orixe do conflito remóntase a 2017, cando Xunta e Fegamp anunciaron un acordo para crear a figura do Concello Emprendedor como aquel que rebaixa taxas e impostos e axiliza a concesión de licenzas ás empresas. A iniciativa foi presentada ao tempo que o Goberno galego aprobaba unha das varias normas que na última década pretenderon reactivar a economía galega, a Lei 5/2017 de implantación de iniciativas empresariais, na que a única referencia que se facía a esa cuestión era que os orzamentos da Xunta establecerían “mecanismos de mellora do financiamento dos concellos galegos que incorporen nas súas figuras tributarias medidas para facilitar a implantación de iniciativas empresariais”.
O que acabou facendo a Xunta foi primar cun 20% máis de puntuación nas súas convocatorias de subvencións aos concellos previamente cualificados como emprendedores por rebaixar impostos ás empresas e axilizar as licenzas. Pero o Concello de Vigo, segundo lembrou este martes o alcalde, non quixo estar “nese programa da Xunta” apoiado pola Fegamp no que actualmente están arredor da metade dos concellos galegos. “É a decisión libre e democrática” de Vigo, salienta Caballero, que critica “o abuso da Xunta que quere que lle fagamos seguidismo” das súas políticas.
O Goberno galego primou en subvencións para formación de desempregados a concellos que facilitan a implantación de empresas, cuestións que o TSXG desvinculou por falta de amparo legal, tras o que a Xunta impulsa agora unha lei que o regularice
O Concello de Vigo recorreu ante o TSXG as convocatorias de tres subvencións de emprego porque nelas se incluía a prima do 20% da puntuación para os concellos emprendedores e o tribunal deulle a razón nunha sentenza do pasado 23 de xullo non coñecida ata que a revelou este martes Praza.gal. Nesa sentenza o tribunal anula esas tres convocatorias concretas de subvencións por consideralas discriminatorias e non ver relación entre a formación de persoas desempregadas e o fomento da implantación de empresas. Pero o tribunal tamén di que a propia figura do concello emprendedor está amparada nun simple acordo entre Xunta e Fegamp que “nin se pode considerar como unha norma, senón como un compromiso ou declaración de intencións que, aínda que se levase a unhas convocatorias de axudas, non ten por que ser axustado a dereito”.
Tras esa sentenza, o pasado xoves o Consello da Xunta iniciou a tramitación do anteproxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia, un texto de cen artigos centrados na xestión urbanística dos polígonos empresariais pero no que se inclúen seis artigos, agrupados no seu Título VI, cos que se crea agora con rango legal a figura de concello emprendedor. Na nova norma a Xunta eleva a nivel de lei o protocolo previo que o TSXG consideraba insuficiente para amparar a discriminación positiva ou negativa de concellos que decidan “beneficios fiscais” para as empresas.
“Fai unha lei porque sabe que nós non temos capacidade de ir ao Constitucional”, di Abel Caballero
Ante esta situación este martes o alcalde de Vigo, que non divulgara previamente a sentenza agora revelada por Praza.gal, cargou contra Feijóo tanto polo ocorrido ata agora como pola lei en tramitación. “Fai unha lei porque sabe que nós non temos capacidade de ir ao Constitucional”, di Caballero, polo que avanza que pedirá ao Goberno de Pedro Sánchez que sexa el quen recorra a norma.
As leis autonómicas poden ser recorridas ao Constitucional polo Goberno central ou por 50 deputados ou senadores, mentres que os concellos poden formular ante o Constitucional os denominados conflitos en defensa da autonomía local de xeito individual só se unha lei se dirixe expresamente a un único municipio, mentres que terían que sumar un mínimo de apoios doutros concellos se a norma, como a que tramita a Xunta, se dirixe á totalidade de municipios. Por outra banda, a lei que impulsa a Xunta está aínda na fase de exposición ao público do anteproxecto, polo que pode variar ata que sexa finalmente aprobada pola maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia.