O Goberno galego contou como criterio para dar subvencións ter a sede nun Concello Emprendedor, feito que ou non depende do solicitante ou incentiva a deslocalización en beneficio do seu programa Doing Business agora censurado polo TSXG
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular tres convocatorias de subvencións da Xunta en materia de emprego dirixidas a concellos porque o Goberno galego deu máis puntuación a municipios integrados no seu programa Concellos Emprendedores – Doing Business Galicia, no que as administracións locais se comprometen a baixar impostos ás empresas e axilizar as súas licenzas. O tribunal considerou que non se poden vincular as medidas de promoción da implantación empresarial coas de formación dos traballadores xa que hai unha “total discordancia” entre os seus fins.
Malia que o TSXG anulou só tres convocatorias, porque foron as tres que recorreu o Concello de Vigo, desde que a Xunta creou a figura Concellos Emprendedores en 2017 -de acordo coa Fegamp pero sen amparo en ningunha lei senón como simple “declaración de intencións”- o DOG recolle a convocatoria dunha trintena de subvencións nas que se preveu máis puntuación para ese municipios que rebaixan impostos ás empresas. Parte delas ían dirixidas a actuacións municipais directamente relacionadas coa implantación empresarial, como a mellora de polígonos industriais. Pero cando menos media ducia non ían dirixidas a subvencionar aos propios concellos senón a comerciantes, que viron como os instalados en concellos emprendedores recibían máis puntos que os instalados noutros municipios, feito que ou non depende do solicitante ou incentiva a deslocalización en beneficio dos concellos adheridos ao programa político da Xunta.
Na súa sentenza o TSXG non só critica que a Xunta empregase como criterio para axudas en materia de emprego o feito de que un concello axude á implantación de empresas. Tamén que o peso dado a ese criterio, de ata o 20% da puntuación total, fose “desproporcionado” e mesmo que algunha das tres liñas de subvención agora anuladas non fose dirixida só a concellos senón que tamén contemplase como posibles destinatarias finais entidades sen ánimo de lucro non ligadas aos concellos.
Ao non ser concellos pero contarse como criterio para valorar as súas peticións de subvencións un recoñecemento que só reciben os concellos esas entidades, critica o tribunal, “en ningún caso poderían chegar” ao máximo da puntuación prevista “ao non poder recibir os 20 puntos fixos que tan só se outorgaban aos municipios que tiveran a condición de Concello Emprendedor-Concello Doing Business.
Algo similar ocorre en cando menos seis convocatorias de subvencións da Xunta dirixidas a comerciantes e artesáns para dixitalización e modernización do sector, para axudarlles con investimentos de “ecoinnovación” e sostibilidade ou para impulsar unha rede de comercios e mercados nos camiños de Santiago. Entre os diversos criterios empregados para valorar as solicitudes, como que os titulares dos negocios sexan mulleres, persoas mozas, ou estean en concellos de menor tamaño, a Xunta tamén incluíu puntuación a maiores destinada ás solicitudes que tivesen a súa sede en concellos emprendedores, chegando a valorar ese elemento con dous dos 16 puntos máximos que se podían outorgar nalgunha das liñas de subvencións. Isto é, nalgún caso o 12% da puntuación total dependía dunha cuestión que non estaba en mans dos aspirantes poder cumprir, a non ser que trasladasen a súa sede de concello ou instasen aos seus gobernos locais a rebaixar impostos para adherirse ao programa da Xunta.
O Goberno galego primou en subvencións para formación de desempregados a concellos que facilitan a implantación de empresas, cuestións que o TSXG desvinculou por falta de amparo legal, tras o que a Xunta impulsa agora unha lei que o regularice
Tras tombar o TSXG as tres convocatorias de subvencións recorridas polo Concello de Vigo, a Xunta vén de iniciar a tramitación dunha lei que ampare a súa estratexia de primar aos concellos que baixan impostos ás empresas e que, de xeito explícito, permita darlles “unha discriminación positiva” nas subvencións destinadas non só ao eido do emprendemento senón tamén aos do emprego e o industrial. Fronte a ese anteproxecto de lei xa se pronunciou o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, que quere que o Goberno de Pedro Sánchez a recorra ante o Tribunal Constitucional.
“É a decisión libre e democrática” de cada concello, di Caballero, non adherirse ao programa Doing Business da Xunta, o que non debera supoñer discriminación na obtención de subvencións non dirixidas directamente ao fomento empresarial por parte dos concellos. É, di o rexedor vigués, unha mostra do “abuso da Xunta que quere que lle fagamos seguidismo das súas políticas.