A boa parte dos mitins do PP nesta campaña só se pode acceder con convite. Protestas como as das persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas dan lugar a que os conservadores extremen os controis, especialmente se asisten dirixentes estatais como Mariano Rajoy. Nese caso, o despregamento policial é tal que mesmo se poden dar eventualidades como a do pasado sábado na praza de touros de Pontevedra, onde un estreito colaborador de Alfonso Rueda tivo serias dificultades para superar o veto policial que lle impedía acceder ao recinto. Este xoves en Foz quen recibiu aos populares foron os traballadores de Alcoa, que aproveitaban a presenza na Mariña de Alberto Núñez Feijóo para reiterar a reclamación que veñen mantendo dende hai meses: unha tarifa eléctrica para grandes consumidores que garanta a continuidade das factorías da multinacional metalúrxica en Galicia. E despois de tanto tempo tiveron resposta. Nun acto electoral.
Mentres na porta da sala onde se celebraba o mitin uns setenta traballadores de Alcoa reclamaban solucións no interior Feijóo debullaba un dos piares da súa campaña, a "herdanza do PSOE". "O Goberno do PSOE deixou a deber 24.000 millóns de euros en enerxía", asegurou, en referencia ao coñecido como déficit tarifario, e agora "se permiten o luxo de meter medo aos traballadores de Alcoa dicindo que a empresa vai pechar". "Non só non vai pechar, senón que vamos a facer que o problema de Alcoa sexa vender aluminio pero en ningún caso producilo", asegurou, xusto antes do golpe de efecto. Ese peche, proclamou ante os seus partidarios, non se producirá porque a electricidade vai seguir tendo "o mesmo prezo" para a factoría -non subirá" e "está asinado polo ministro de Industria, e vóullelo dicir a continuación [aos traballadores] para que se preocupen só de vender aluminio".
Setenta traballadores de Alcoa protestaban ante o mitin do PP, no que Feijóo asegurou que a orde para a tarifa eléctica xa está "asinada"
Unha vez culminado o debate, no que o líder conservador chamou a "encher as urnas para formar a gran coalición con Galicia" e non con "nacionalistas, socialistas nin comunistas", producíase esa xuntanza co persoal de Alcoa. Despois de que o titular de Industria, José Manuel Soria, visitase as fábricas apenas dous días antes do inicio da campaña, Feijóo ratificáballes aos traballadores que a orde para manter o prezo da enerxía está garantida e as incertezas, polo tanto, solucionadas. Tras o encontro con Feijóo o presidente do comité de empresa, José Luis Combarro, arrefriaba a euforia xa que, advirte, aínda lles resta outra xuntanza que non é en absoluto menor: coa dirección da empresa, para que esta explique se considera "competitiva" a solución que lle ofrece o Estado. Cómprelles saber ademais se Alcoa manterá non só a súa actividade, senón tamén os postos de traballo -Alcoa xa aplicou un ERE durante o cal recibiu unha subvención de 850.000 euros da Xunta-.
O anuncio de Feijóo era respostado case simultaneamente dende Monforte, onde o candidato do PSdeG, Pachi Vázquez, participaba tamén nun acto electoral. Incrédulo coas promesas de Feijóo a causa de anteriores "enganos", o socialista explica que a única vía "para resolver o de Alcoa é o Boletín Oficial do Estado", que é "onde hai que escribir a tarifa para rebaixarlle o custo da enerxía para esta empresa, que lle dá vida ao 35% da riqueza da provincia" de Lugo. "Este Goberno está xogando con Alcoa; contra as mentiras, votos", reclamou.