O Concello da Coruña dá outro paso máis para a creación da primeira empresa pública municipal de enerxía en Galicia. Este pasado martes quedou constituída a comisión político-técnica que dará forma legal a un proxecto innovador no país, que pretende impulsar un operador enerxético como alternativa ás grandes empresas e empregando fontes de enerxía 100% renovables.
A comisión político-técnica dará forma legal a un proxecto innovador en Galicia, que impulsará un operador enerxético como alternativa ás grandes empresas
Froito do pacto para a investidura entre a Marea Atlántica e o goberno local do PSOE e logo do acordo plenario de finais do ano pasado ao que só se opuxo o PP, iníciase así o proceso para a creación desta empresa municipal coa que o Concello pretende tamén loitar contra a pobreza enerxética e o cambio climático.
A comisión estará formada por persoal técnico municipal, e terá representación de Emalcsa (a empresa que asumirá a xestión do operador) e de todos os grupos políticos da Corporación, contando co apoio de persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela.
O primeiro obxectivo do operador é que o Concello poida autoabastecerse de electricidade desde fontes renovables e non contaminantes
O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, representante do goberno local na comisión, destacou que coa posta en marcha deste organismo o Concello "dá un paso máis na aposta pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático". Pola súa banda, a voceira da Marea Atlántica, María García, tamén membro deste organismo, cre que "paga a pena percorrer o camiño" que, di, levará a cidade a "ter unha empresa eléctrica municipal, para dotar á Coruña dunha ferramenta que lle permita non estar ao capricho das grandes multinacionais".
"O Concello poderá autoabastecerse de electricidade, desde fontes renovables e non contaminantes, e darlle servizo tamén aos fogares vulnerables, loitando contra a pobreza enerxética", di García, que engade que asegura que a adquisición de enerxía a bo prezo deben destinarse nun principio ao "subministro de todos os equipamentos e instalacións do Concello" para logo ampliarse a terceiros como "vivendas municipais" e, "se cadra, a outros concellos da área" para aspirar a "chegar á poboación xeral cando as condicións o permitan".
Desde o goberno local, Lage asegura que "o fin último" da operadora municipal é que "poida dalgún xeito contribuír a minorar as cargas eléctricas" que se poidan ter como consumidores, unha tarefa "algo máis complexa", polo que aposta, de inicio, "empezar polso propios edificios municipais e intentar rendibilizar o espazo público".
A Coruña únese así a outras experiencias semellantes como as de Cádiz, Barcelona ou Pamplona, con cadansúas empresas municipais de enerxía, onde avanzan non sen dificultades pola mudanza que supón nun modelo enerxético tan asentado no Estado.
Esta proposta innovadora, xa que non hai ningunha compañía pública ou axencia local en Galicia que permita facer política enerxética a nivel municipal, supón tamén "retomar a iniciativa pública na actividade económica da que fala o artigo 128 da Constitución", tal e como lembra Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Local da Universidade da Coruña e un dos membros da comisión político-técnica.
"É un asunto complexo, pois supón construir unha iniciativa pública nun sector moi liberalizado a nivel español e comunitario, e nun contexto moi incerto, destaca quen aclara que a empresa enerxética deberá ser viable técnica, xurídica e financeiramente.
Orzamentos actualizados
Por outra banda, a vindeira semana entrarán en vigor xa os orzamentos municipais da Coruña patados entre o PSOE e a Marea Atlántica, polo que A Coruña terá unhas contas actualizados logo de dous anos. Cos votos a favor destes dous grupos, a abstención de BNG e Podemos e o voto en contra do PP, os presupostos recibiron o visto e prace, con 310 millóns -50 máis que os últimos en vigor, os de 2020. Son as cifras máis altas da historia no Concello.