Pontón rexeita calquera proxecto de eólica mariña, Rueda di que o plan estatal para o sector é malo pero que os aeroxeradores poden coexistir coa pesca e Luis Álvarez aplaude que o PPdeG asuma agora a participación pública no sector eólico
O esforzo no que os distancia máis que nas coincidencias. Esa foi a liña discursiva mantida este mércores no Parlamento de Galicia polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Luis Álvarez, a conta do sector eólico en Galicia. Na xornada despois de que o presidente galego anunciase unha viraxe das súas políticas para agora apostar pola participación pública no sector da que leva 14 anos renegando, as tres formacións optaron pola confrontación evitando as coincidencias.
Hai anos que BNG e PSdeG veñen reclamando a participación pública no sector eólico, durante o seu goberno de coalición no período 2005-2009 a través do ingreso á Xunta de parte dos beneficios dos parques ou dunha maior puntuación aos proxectos que facilitasen maior participación pública, e despois a través doutras figuras. E tras anos considerando esas posibilidades como un atentado contra a liberdade de empresa, este martes o propio Rueda anuncio unha lei para facilitar que os beneficios eólicos revertan na poboación e unha empresa público-privada para intervir directamente no sector.
Ante ese anuncio, a única valoración realizada este mércores no Parlamento pola oposición foi por conta do socialista Luis Álvarez. “Acerta vostede, porque é unha proposta que lle fixemos hai meses, na creación desa entidade pública de enerxía”, dixo o voceiro do PSdeG, para quen “os primeiros compases da música parecen soar ben, imos ver como acaba a letra”.
Porén, malia que Pontón podería dicir algo semellante, que o BNG vén pedindo hai anos unha rectificación nesa liña das políticas da Xunta, como lemboru este martes a vicevoceira Olalla Rodil, nada dixo ao respecto a portavoz nacionalista. E nada dixo malia que a súa pregunta do día referíase precisamente ao sector eólico, a diferenza da do socialista que preguntaba pola situación económica das familias e tivo que forzar a súa valoración ao respecto. O que se sabe da postura de Pontón é un chío emitido en Twitter este martes no que cualificou o anuncio de Rueda como “brinde ao vento” tras primar os intereses das empresas eléctricas.
Pero Pontón preguntaba pola eólica mariña, e non se afastou dese subsector, que impugnou na súa totalidade. Porque para a nacionalista “en Galicia é incompatible o sector eólico mariño co pesqueiro”. Nesa liña, Pontón criticou a ordenación do sector que vén de aprobar o Goberno de España, a través dun ministerio controlado polo PSOE, pero fíxoo criticando que a Xunta non sexa máis belixerante na súa oposición a eses plans. E iso foi aproveitado por Rueda para dicirlle que reclame aos seus “socios” socialistas.
Porque a postura de Rueda e o PPdeG sobre a eólica mariña é a de manterse nun punto intermedio no que ao tempo que di que os plans estatais son un ataque ao sector pesqueiro galego, como mantén o BNG, defende a necesidade de compatibilizar ambas actividades, como di o PSdeG que xa se garante na ordenación aprobada.
Pero tras as críticas aos outros partidos, o titular que levaba Rueda preparado para a sesión de control deste mércores xiraba arredor de seguir asentando o suposto cambio de postura iniciado o martes sobre a participación pública nos proxectos eólicos en xeral. No Parlamento o que seguiu detallando ao respecto é que a nova lei que impulsará fará que “todas as avaliacións ambientais [dos proxectos eólicos] terán que avaliar a participación nos investimentos locais, a xeración de emprego na zona ou a redución do prezo da electricidade”. Porén, hai anos que as avaliacións ambientais xa analizan cuestións relativas ao impacto económico e social de todo tipo de proxectos nas contornas nas que se instalan.