A Xunta fai obras no Igape sen licenza e con "risco de seguridade"

Obras no Igape e decreto municipal de paralización por riscos de seguridade CC-BY-SA Praza Pública

O Concello de Santiago emitiu tres decretos sucesivos de paralización e unha multa de 2.500 euros por eivas como tapar saídas de emerxencia con andamios, empregar un soto como oficina ou ampliar o volume sen permiso

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) iniciou na súa sede en Santiago, no barrio de San Lázaro, diversas obras sen contar coa obrigatoria licenza e que supuxeron un "risco de seguridade". Tras varias inspeccións dos técnicos municipais, o Concello emitiu cando menos tres sucesivos decretos de paralización e mesmo unha multa coercitiva de 2.500 euros por non atender o órgano da Xunta a súa orde para desbloquear dúas saídas de emerxencia dun soto que estaba a ser empregado indebidamente como oficinas.

O primeiro decreto municipal de paralización das obras do Igape ten data do 8 de setembro e nel se constata que o órgano de promoción económica da Xunta estaba a facer na súa sede diversas obras "sen título habilitante". Ese decreto ditou a suspensión das obras "de xeito inmediato nas 24 horas seguintes" e a incoación dun procedemento de reposición da legalidade urbanística. 

Acceso principal á sede do Igape, ampliado sen licenza municipal CC-BY-SA Praza Pública

Entre as eivas detectadas destaca "tapar con andamios as dúas saídas de emerxencia da planta soto", pero tamén a ampliación do volume dunha cuberta de acceso na entrada principal da planta baixa. Tamén se constataron outros problemas como aseos que non cumprían coas condicións de accesibilidade. 

Inspectores municipais constataron o "incumprimento das medidas cautelares urxentes en materia de evacuación", o que supuxo unha multa coercitiva e reiteración da orde de paralización

O 18 de setembro unha nova inspección municipal constatou "a paralización das obras pero o incumprimento das medidas cautelares urxentes en materia de evacuación". Isto é, non se desbloquearan as saídas de emerxencia do soto.

Así que nun novo decreto municipal con data do 23 de setembro o Concello volve ordenar a retirada inmediata dos andamios ante unha "situación de perigo que pode ser máis grave diante dos indicios que apuntan a un uso de oficina prolongado ou permanente na dita planta" do soto. Ademais desa reiteración da orde de retirada, imponse unha multa coercitiva de 2.500 euros polo incumprimento da orde anterior.

Un dos decretos municipais de paralización de obras sen licenza no Igape CC-BY-SA Praza Pública

Aínda hai un terceiro decreto municipal de paralización, con data do 13 de outubro, no que se constata o uso indebido do soto como oficinas. Nesa terceira resolución, tras novas inspeccións dos técnicos municipais, compróbase tamén a incorrecta disposición dunha porta interior da súa entrada principal, con apertura cara adentro, o que supón "risco de seguridade en caso de evacuación de emerxencia". 

Na entrada principal instalouse unha porta con apertura cara a dentro que supuxo "risco de seguridade en caso de evacuación de emerxencia"

Ese novo decreto ordenou ao Igape que en 24 horas cesase no "uso da planta soto do edificio da súa sede como oficina, por constituír un uso non permitido pola normativa urbanística municipal" e retirase a porta interior do seu acceso "por representar un risco de seguridade para as persoas en caso de evacuación". Ademais, o decreto ampliou o alcance do procedemento de reposición da legalidade aberto contra o Igape a varias actuacións "executadas sen título habilitante", tanto xa terminadas como daquela aínda en curso de execución.

Imaxe incluída nun dos decretos municipais de paralización no que se ve a porta de entrada con apertura cara ao interior, o que supón un risco en caso de evacuación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.