Os 396.000 euros de taxas de obras acabounos asumindo a fundación do propietario de Inditex, que "descoñecía que non foran ingresadas" e que agora logra que a xustiza anule un recargo de 62.000 euros do Concello por demora
En outubro de 2023 o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibía da Fundación Amancio Ortega a primeira das sete residencias que o propietario de Inditex está a construír nas sete cidades galegas para despois doalas á Consellería de Política Social, que está a privatizar o seu funcionamento. Os sete centro foran prometidos por Feijóo en 2017, pero acabounos facendo Amancio Ortega e o primeiro, en Santiago, non estivo a pleno rendemento ata un ano despois de que o edificio lle fose entregado á Xunta.
Agora, a través dunha sentenza feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sábese que a Xunta pediu as licenzas urbanísticas de obra necesarias ao Concello de Santiago sen efectuar o pagamento das taxas correspondentes, uns 396.000 euros. O pagamento desas taxas acabouno asumindo a Fundación Amancio Ortega, que "descoñecía que non foran ingresadas", segundo reflicte a sentenza, e logra así que o tribunal a exima de pagar outros 62.000 euros de recargo por demora que lle impuxo o Concello en 2021, co anterior goberno municipal.

Os cartos non foron un problema para que a Fundación Amancio Ortega (FAO) asumise a construción e doazón á Consellería de Política Social das sete residencias de maiores. O convenio marco que asinaron en 2019 para impulsar os sete centros falaba dun "orzamento estimado de 90.000.000 euros, os cales serán aportados de xeito íntegro pola FAO, sen que a subscrición do presente convenio supoña obrigas de carácter económico para a Consellería". Pero finalmente a fundación decidiu mellorar notablemente todos os centros e calcúlase que acabarán custando o dobre, 180 millóns de euros.
Aquel primeiro convenio xa reflectía que a consellería facilitaría á fundación os terreos nos que executar as obras "libres de gravames e/ou cargas administrativos ou de calquera outro tipo".
Tras aquel convenio inicial de 2019, o 8 de outubro de 2021 consellería e fundación asinaron un novo convenio concreto para o centro de Santiago. Ese segundo convenio indicaba que "a Consellería de Política Social solicitará os permisos e licenzas administrativas que resulten preceptivos para a posta en funcionamento do devandito centro de maiores".
A Xunta debía pedir as licenzas, pero o convenio nada di de pagalas. De feito, cando se asinou o convenio Política Social xa pedira os permisos uns meses antes, pero non os pagara. Foron dous os necesarios, un solicitado o 23 de setembro de 2020 para licenza de obra nova de construción da residencia e outro o 23 de agosto de 2021 para demolición de vivenda e nave preexistentes nesa parcela.

Nas súas alegacións aceptadas no proceso xudicial a Fundación Amancio Ortega defendeu que non foi ela "a que incorreu en tales incumprimentos, senón a Consellería de Política Social"
O Concello de Santiago, durante o anterior goberno municipal do PSOE, outorgou as dúas licenzas pero a consellería non pagou as taxas e impostos sobre construcións, instalacións e obras (ICIO). Foi en setembro de 2021, cando a Fundación Amancio Ortega presentou no Concello unha comunicación de cambio de titularidade das licenzas, ao recibilas da Xunta, cando o Concello fixo ver que aínda non estaban pagadas e requiriu o ingreso.
A fundación pagou aos poucos días tanto o importe orixinal das licenzas, uns 396.000 euros, como o recargo por demora duns 62.000 euros imposto polo Concello, pero recorreu esa segunda contía de recargo. Tanto o Concello primeiro como un xulgado de Santiago rexeitaron o recurso, pero agora o TSXG corríxeos e considera que non se pode impoñer un recargo por demora a quen non foi responsable nin coñecedor desa demora.
A sentenza sinala que a Fundación Amancio Ortega pagou as licenzas e o recargo no mesmo momento en que recibiu o requirimento do Concello, momento no que empezaba a súa responsabilidade. Mesmo di que "de non mediar o antedito requirimento" a fundación "nunca" pagaría as taxas "posto que descoñecía que estas non foran ingresadas". Nas súas alegacións, a propia fundación argumentou, segundo reflicte a sentenza, que "non foi a FAO a que incorreu en tales incumprimentos, senón a Consellería de Política Social".

O argumento xurídico do tribunal é que "non cabe entender que polo feito de cambiar a titularidade da licenza deba facerse responsable do feito de que a anterior titular non presentase a autoliquidación, porque estaría asumindo un recargo por omisión que non lle é imputable, por referirse a unha obriga de presentación de autoliquidación que só a Consellería de Política Social podía cumprir e non a actora, que naquel momento non era a solicitante da licenza nin dona da obra, e por tanto non era o suxeito pasivo deses tributos, condición que asume desde o momento en que presenta a comunicación previa de cambio de titularidade". Así que a sentenza establece que o Concello debe devolver á Fundación Amancio Ortega os recargos e xuros de demora que esta xa pagara.