Política Social privatizará a xestión da residencia que Amancio Ortega doou en Santiago

Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Marcote, coa conselleira García e a alcaldesa, Goretti Sanmartín, na residencia de Santiago CC-BY-SA Xunta

A residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega doou á Xunta en Santiago será de xestión privada. Así o anunciou este pasado sábado a conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha visita ao centro de menores que a asociación Arela ten na cidade. 

A Xunta encomendará a xestión a unha entidade social sen ánimo de lucro, segundo adiantou a conselleira de Política Social

Así, a Xunta encomendará a xestión a unha entidade social sen ánimo de lucro a través dun concurso que axiña abrirá a Administración autonómica, en liña co que xa se realizou noutras residencias galegas públicas e que son xestionadas por colectivos como a Fundación Valdegodos, en Viana do Bolo, ou Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) en Arteixo. 

Aclarouno a conselleira poucos días despois de que CCOO amosase as súas dúbidas sobre esa futura xestión e reclamase que se levase a cabo de maneira directa por parte da Administraicón. O sindicato esixira nun comunicado unha xestión "100% pública" e denunciara a falta de claridade da Xunta, o que lles facía pensar que "pretenden continuar pola senda da privatización, baixo a eufemística fórmula de xestión indirecta, de servizos públicos". 

Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Fabiola García falou desta vez da "xestión social por entidades sen ánimo de lucro" dunha residencia no Castiñeiriño (Santiago) que ofertará "120 prazas públicas". Ademais, xustificou esa fórmula no intento da Xunta de "blindar esta xestión ás entidades sociais ás que tanto lle debemos". 

A conselleira dixo que a apertura do centro está prevista para o primeiro trimestre de 2024. A residencia foi recibida por parte da Xunta o pasado 24 de outubro de mans da Fundación Amancio Ortega, que as doa para que agora sexan públicas, aínda que o Goberno galego xa decidiu encargar a súa xestión a unha empresa privada, como xa fai con outros centros da súa titularidade co argumento de que non ten persoal pero si cartos para subcontratalas.

A promesa de Feijóo dunha nova residencia de maiores en cada cidade tarda sete anos en cumprirse e só en dúas urbes

Foi en febreiro de 2017, hai case sete anos, cando o daquela presidente Alberto Núñez Feijóo anunciaba nunha rolda de prensa tras unha reunión do seu Goberno que a Xunta construiría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas que sumarían máis de 900 novas prazas. Galicia estaba á cola de todas as comunidades autónomas en número de prazas públicas por habitantes maiores de 65 anos. 

E así segue sete anos despois, cando aínda agora comezará a mudar lixeiramente a situación coa recepción por parte da Xunta das dúas primeiras residencias construídas -a de Santiago a  finais de outubro e en Lugo en breve- executadas finalmente pola Fundación Amancio Ortega. 

Porén, aínda haberá que agardar polas residencias de Pontevedra, A Coruña e Ferrol, áinda en obras, e moito máis polas de Ourense e Vigo, pendentes dos permisos urbanísticos. Cando estean en servizo, as súas 900 prazas sumaranse ás algo menos de 5.000 xa existentes en residencias de titularidade pública, pero aínda quedarán moi lonxe das máis de 17.000 prazas de titularidade privada existentes en Galicia, parte das cales son á súa vez concertadas pola Xunta aínda que lle saian máis caras.

A promesa de Feijóo de febreiro de 2017 consistía en dúas residencias de 150 prazas e 90 empregados cada unha para Vigo e A Coruña e outras cinco residencias de 120 prazas e 75 empregados para as outras cinco cidades. Feijóo tamén cifrara o plan en 47,7 millóns de euros e mesmo detallara os emprazamentos concretos dos centros en cada unha das cidades. Porén, boa parte deles acabaron mudando cando se constatou que as ideas iniciais do Goberno galego non eran as adecuadas. O que non impediu que o presidente reciclase a súa promesa en sucesivos anuncios, como cando en outubro de 2018, nun debate de política xeral, aseguraba que ía cumprir o compromiso naquela mesma lexislatura.

Galicia está á cola do Estado en prazas de residencias e a gran maioría son privadas, aínda que boa parte concertadas coa Xunta, que tamén subcontrata a xestión de varios dos centros públicos

Pero non foi así. Dous anos e medio despois daquela promesa a Xunta asinaba un acordo coa Fundación Amancio Ortega, que asumía a construción e dotación interior das sete residencias, xa cun orzamento duplicado, de 90 millóns de euros, para despois doalas á administración. 

E este martes a presidenta desa fundación, Flora Pérez Marcote, fixo entrega á Xunta do primeiro dos centros, o de Santiago, na zona do Castiñeiriño, ao sur da cidade, moi lonxe do barrio de Fontiñas no que a prevía Feijóo inicialmente. Tamén está a piques de ser entregado o centro de Lugo, no complexo da antiga Residencia sanitaria da cidade e o barrio que leva ese nome.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.