Política Social atribúese a posesión en toda Galicia de 15.000 prazas publicas pero en realidade máis de 10.000 delas son privadas concertadas ou subvencionadas
O 24 de outubro do ano pasado, hai agora un ano, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Marcote, escenificaban en Santiago a entrega á Xunta da primeira das sete residencias que o millonario está a construír para doalas nas sete cidades galegas. Un ano máis tarde, este sábado a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou a mesma residencia para publicitar que "xa traballa nestes momentos a pleno rendemento".
Política Social tamén salientou que as case mil novas prazas públicas que terán os sete centros doados por Amancio Ortega sumaránse "ás máis de 15.000 que posúe nestes momentos a Administración autonómica". Unha afirmación que non é certa, xa que a Xunta só é propietaria dunhas 4.000 prazas mentres que as outras máis de 10.000 que contabiliza como propias son concertadas en centros privados.
Foi en febreiro de 2017 cando o daquela presidente Alberto Núñez Feijóo anunciou que a Xunta construiría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas. Uns centros que finalmente acabou asumindo a Fundación Amancio Ortega para despois doalas á Xunta.
A de Santiago foi a primeira residencia en quedar rematada, seguida da de Lugo, mentres que o resto están en distintas fases previas de construción ou mesmo planificación.
A Xunta subcontratou a xestión da primeira residencia doada por Ortega, en Santiago, á Fundación Fesan, que se fixo co contrato grazas a rebaixar un 12% o custo das prazas
Malia que unha vez doadas por Amancio Ortega a titularidade dos novos centros pasa a ser da Xunta, esta está a subcontratar a súa xestión en lugar de asumila con persoal propio, como fai con outras residencias. Así, tanto a de Santiago como a de Lugo acabaron adxudicadas á Fundación Fesan, que logrou os contratos fundamentalmente grazas a rebaixar un 12% o custo das prazas. No apartado técnico, a súa oferta para as dúas residencias foi de 37 traballadoras por cada 100 persoas residentes, só dúas máis que o mínimo esixido pola normativa galega, que data de 1996.
A Xunta non lanzou os concursos para xestionar as dúas primeiras residencias ata que estas estiveron rematadas, así que a adxudicación non se concretou ata comezos deste ano, medio ano despois de rematarse os edificios, o que sumado a trámites posteriores e a contratación e formación do persoal foi demorando a súa posta en marcha. Despois, as persoas residentes foron incorporándose ás súas prazas progresivamente, de xeito que non é ata agora que Política Social confirma que a primeira residencia está á fin "a pleno rendemento", sete anos e medio despois da promesa de Feijóo.
A Xunta destacou tamén este sábado que as sete residencias doadas por Amancio Ortega "suman case 1.000 novas prazas públicas que se suman ás máis de 15.000 que posúe nestes momentos a Administración autonómica, o triplo que no 2009". Pero a Xunta non posúe esas prazas senón que a gran maioría son privadas.
En Galicia hai unhas 22.000 prazas en residencias de maiores das que unhas 5.000 son públicas e 17.000 privadas. Das primeiras, a Xunta posúe directamente ou a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que comparte con algúns concellos, unhas 4.000, parte delas coa xestión subcontratada. Outras mil prazas públicas pertencen a outras administracións. Pero o Goberno galego eleva a súa contabilidade incluíndo como propias outras 10.000 prazas privadas concertadas ou cuxos usuarios contan con axudas públicas.
600 das 15.000 prazas que se atribúe a Xunta están ocupadas por menores de 65 anos e a Valedora xa advertiu de que as mil novas que achegará Amancio Ortega "serán insuficientes"
Ademais, hai que ter en conta que desas 15.000 prazas que a Xunta se atribúe unhas 600 veñen sendo ocupadas por persoas menores de 65 anos pola falta de centros específicos para os seu problemas.
Hai un mes a Valedora do Pobo advertiu ademais á Xunta de que sete residencias e mil prazas doadas por Amancio Ortega "serán insuficientes". Porque Galicia está á cola do Estado en prazas de residencias en relación coa súa poboación maior de 65 anos.