Comunicar que eólicos ou encoros xeran "beneficios sociais" terá rango legal de "beneficio social" en Galicia

Rueda, o ex-conselleiro Conde e outros cargos, nunha visita ao parque eólico experimental de Sotavento en marzo de 2023, onde anunciou o seu xiro político sobre a participación pública nos proxectos enerxéticos CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A 'lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais' reinicia trámite parlamentario tras once mudanzas da normativa eólica dende que Feijóo prometeu "seguridade xurídica" ao sector

Na primavera de 2023 o Goberno galego do PP comezou a escenificar o seu xiro político a respecto da participación pública en novos proxectos de xeración de enerxía renovable. Trece anos despois de renegar dela, Alfonso Rueda anunciaba a creación dunha nova empresa público-privada e mais o lanzamento dunha nova lei ao respecto porque, argumentaba, "hai unha enorme diferenza entre estar ou non estar no sector" co obxectivo de que "non existan vencedores nin vencidos" na transición enerxética.

Once mudanzas despois da reforma eólica de 2009 coa que Alberto Núñez Feijóo prometera "seguridade xurídica", hai agora un ano principiaba o seu percorrido a nova lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, con impacto non só nas renovables, senón tamén na minaría ou concesións de augas para diversos usos. A norma decaeu polo adianto electoral do pasado febreiro e a Xunta volveuna enviar no inicio da nova lexislatura ao Parlamento, onde este 25 de xuño pasará o primeiro filtro coa votación das emendas á totalidade do texto formuladas por BNG e PSdeG.

Aeroxeradores na provincia de Lugo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como na anterior lexislatura, a Xunta consagra nesta lei a súa renuncia a ser socia maioritaria en empresas enerxéticas, pero tamén incorpora recomendacións da ONU e a UE para avaliar ambientalmente proxectos enerxéticos, atendendo aos denominados "servizos ecosistémicos". Isto é "os beneficios económicos, sociais e ambientais, directos e indirectos, que as persoas obteñen do bo funcionamento dos ecosistemas". Neste ámbito encádrase outro dos seus preceptos: comunicar que, por exemplo, proxectos eólicos ou concesións de augas xeran "beneficios sociais" terá rango legal de "beneficio social" en si mesmo.

Xunto á mellora ambiental ou á creación de emprego, a norma considera "beneficio social" o "desenvolvemento dunha estratexia de comunicación co fin de garantir que a cidadanía está informada sobre o proxecto, o seu impacto e os beneficios sociais"

A lei (artigo 3) considera como "beneficios sociais e económicos" os "efectos" dos proxectos enerxéticos ou mineiros e os "compromisos adicionais adquiridos polos seus promotores co territorio" que "supoñan un impacto positivo desta índole" en Galicia, especialmente nas contornas onde se desenvolven. Entre eles, a norma cita a "promoción da mellora das condicións de vida", o "mantemento e mellora ambiental" ou o "reinvestimento de beneficios" e a "creación de emprego".

Actividades de investigación, compras no ámbito local ou redución de custos da enerxía para poboación e empresas figuran tamén no apartado da lei (artigo 4) que menciona a comunicación. Así, o Goberno galego considerará "beneficio social" o "desenvolvemento dunha estratexia de comunicación co fin de garantir que a cidadanía está informada sobre o proxecto, o seu impacto e os beneficios sociais, económicos e ambientais que xerará".

Artigo da lei de recursos que considera como beneficio social o desenvolvemento de estratexias de comunicación ao respecto CC-BY-NC-SA Praza.gal

Para medir os beneficios, a norma tamén prevé (artigo 5) que a Xunta desenvolva "indicadores cuantitativos" que "poidan permitir a valoración do impacto social e económico dos proxectos". No relativo á comunicación contempla medir o "número e alcance das actuacións de comunicación desenvolvidas para dar a coñecer o proxecto e promover a formulación de observacións ou melloras", así como "das ofertas públicas eventualmente realizadas para a participación nel de investidores locais e/ou da Comunidade Autónoma de Galicia".

A maioría absoluta do PP garante que a norma salve este martes o seu primeiro trámite co rexeitamento das emendas á totalidade formuladas por BNG e PSdeG

A maioría absoluta do PP garante que a lei vaia salvar este primeiro trámite co rexeitamento das emendas á totalidade dos dous grupos da oposición. O BNG coida que, "cun envoltorio que pode ser atractivo, porque fala de distribuír os beneficios dos recursos naturais", o PP pretende "construír unha técnica xurídica para tentar das lexitimidade e apoio a determinados plans industriais". Pero en realidade, sinala o seu deputado Luís Bará, esta "norma Frankenstein" favorece "os lobbys empresariais en contra do interese xeral e do coidado do territorio".

O PSdeG, pola súa banda, defende na súa emenda que ningunha "das cuestións esenciais que deben rexer a xestión dos recursos naturais de Galicia está correctamente contemplado neste proxecto de lei, que resulta vago, impreciso e voluntariamente confuso". "Convértese nunha lexislación "ómnibus" que apenas pretende resolver problemas ao lexislador e non afrontar a necesaria e imprescindible regulación dos recursos", sinalan antes de pedir reformulala para evitar que vire noutra "oportunidade perdida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.