A Xunta lanzou a empresa mixta Recursos de Galicia, á que achegará 30 millóns de euros, antes de dispoñer da norma marco anunciada hai 9 meses e que non chegou nin a iniciar a súa tramitación na Cámara
O pasado marzo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha viraxe na política do Goberno galego durante a última década contraria á participación pública na explotación dos recursos naturais de Galicia. Despois foi matizando esa viraxe, pero en todo caso comprometeu unha nova lei para regular o "beneficio social" desa explotación de recursos públicos a través dunha empresa con participación pública e privada. Esa empresa, Recursos de Galicia (RDG), xa está creada, e a Xunta vai destinar a ela 30 millóns de euros.
Pero a lei que regulará o seu funcionamento segue sen existir. De feito, o proxecto de lei foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado xoves, na mesma reunión na que Rueda decidiu adiantar eleccións, pero nin sequera chegou a iniciar a súa tramitación no Parlamento para o seu debate e votación antes da disolución da Cámara este martes pola convocatoria electoral, polo que a norma xa non pode ser aprobada cando menos ata a próxima lexislatura. O mesmo pasa con outras normas que agora decaen pola disolución do Parlamento, como a prometida lei de cultura inclusiva.
Tras o anuncio de Rueda de hai oito meses de que a Xunta agora si quere participar na explotación dos recursos naturais de Galicia, o Goberno galego someteu a exposición pública en maio o texto da lei que regularía esa iniciativa. Aquel texto xa matizaba notablemente o xiro político anunciado por Rueda e establecía que a participación maioritaria na nova empresa mixta non sería da Xunta senón do capital privado, e á súa vez sería esa sociedade matriz ou utility a que participase cunha ou outra porcentaxe en empresas inferiores que se crearán para impulsar cada proxecto puntual de enerxías renovables ou explotación de recursos naturais. Unha estrutura na que tamén se daría cabida a outras administracións como os concellos se estes tamén queren participar.
O texto legal exposto ao público en maio condicionaba a participación da Xunta a que os proxectos procuren "o beneficio social e económico" nas zonas onde se desenvolvan, pero non detallaba ningún sistema de control por parte da Xunta dos órganos de goberno desas sociedades, en contra do anunciado uns días antes polo daquela vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde. O vicepresidente fixera referencia a posibles votos de calidade ou vetos da Xunta, pero estes non se reflectiron no texto legal coñecido hai seis meses.
Sen esa lei nin sequera remitida ao Parlamento o Goberno galego presentou en sociedade o pasado 13 de novembro a nova empresa mixta Recursos de Galicia, na que participa cun 30% fronte ao 70% restante de capital privado. Nela comprometeu un desembolso de 30 millóns de euros ata 2027 e, ao contrario da folla de ruta anunciada previamente, presentou a nova sociedade, que xa conta con web propia, como previa á lei que a regularía. En palabras de Rueda, agora a empresa mixta será "punta de lanza da futura lei de recursos naturais".
Esa norma que en principio estaba chamada a regular o beneficio social da nova empresa foi aprobada polo Consello da Xunta como proxecto de lei para a súa remisión ao Parlamento o pasado xoves 21 de decembro. Pero dela o Goberno galego non desvelou máis que unha nota de prensa, co que non se coñecen os posibles cambios que puido sufrir o texto desde a exposición ao público do seu borrador o pasado maio. Un texto que xa non chegou nin a iniciar a súa tramitación no Parlamento antes da disolución da Cámara este martes.
A pasada semana o PSdeG amosou no Parlamento as súas dúbidas sobre o proceso de creación de Recursos de Galicia, que ve escurantista, pero previamente Rueda xa restara importancia ás críticas salientando que conta co "apoio das empresas"
O pasado mércores, no derradeiro Pleno da lexislatura, o PSdeG amosou as súas dúbidas precisamente sobre o xeito en que a Xunta está a avanzar coa empresa Recursos de Galicia antes de ter a lei marco chamada a regulala. A súa viceportavoz, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou a sociedade como "de dubidosa legalidade porque non existe ningunha lei que a ampare" e criticou como escurantista o proceso seguido para a elección do máximo dirixente da nova empresa, Emilio Bruquetas, ata agora director xeral de Reganosa, empresa participante en Impulsa Galicia, outra sociedade mixta previa a través da que a Xunta recabou o interese das firmas finalmente participantes en Recursos de Galicia. "Todo isto cheira mal", sentenciou a socialista.
Previamente, noutro pleno a comezos deste mes, o propio Rueda restaba importancia ás críticas da oposición contra o seu modelo de explotación de recursos naturais. "Temos o apoio das empresas", dicía o presidente.