O PSdeG fixo xirar as súas preguntas na sesión de control á Xunta desta semana no Parlamento de Galicia arredor das políticas enerxéticas e do modelo de explotación dos recursos naturais do país que está a desenvolver o Goberno galego. Un modelo que o presidente Alfonso Rueda defendeu co argumento de que "temos o apoio das empresas".
Os socialistas critican que a Xunta lance a empresa Recursos de Galicia co 30% de participación pública antes de comezar sequera a tramitar a lei que a amparará, "que non se vai aprobar nesta lexislatura"
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, comezou a súa intervención salientando que o Goberno galego vén de lanzar a empresa público-privada Recursos de Galicia, co 30% de participación da Xunta, sen ter iniciado sequera a tramitación parlamentaria da futura lei de explotación de recursos naturais que amparará e regulará os beneficios públicos desa nova sociedade. "Vostede sabe que non se vai aprobar nesta lexislatura", dixo Álvarez a respecto desa lei e da inminente convocatoria das eleccións galegas.
O socialista tamén criticou que o conselleiro delegado da nova empresa fose elixido tras un proceso de selección realizado por unha consultora externa e non cunha convocatoria pública.
Na súa primeira resposta Rueda nada respondeu sobre a nova empresa público-privada e limitouse a criticar o que considera obstáculos do Goberno de España e do BNG ao desenvolvemento enerxético de Galicia. "Hai tantas cousas de políticas enerxéticas que queremos facer e que vostedes nos están impedindo", dixo.
Na súa segunda intervención Luis Álvarez insistiu nos bandazos das políticas enerxéticas e de explotación de recursos da Xunta lembrando as sucesivas modificacións e correccións das mesmas a través das leis de acompañamento e de todo tipo de normas. "Aínda non ve vostede inseguridade xurídica?", preguntou a Rueda, ao que pediu que "en lugar de tomar cañas por Galicia adiante" vaia "tomar algunha a Bruxelas e defenda a nosa comunidade".
Na súa resposta final Rueda asegurou que todas as actuacións da Xunta están "dentro da legalidade, faltaría máis", malia que diversas sentenzas xa firmes do Tribunal Supremo constataron que non sempre o Goberno galego está a tramitar legalmente os parques eólicos.
Pola contra, Rueda insistiu en presentar como un éxito propio o feito de que a xeración de enerxía xa supoña en Galicia o 5% to Produto Interior Bruto (PIB) total ou que o 70% da enerxía xerada xa sexa renovable. Uns obxectivos que segundo dixo se están a lograr grazas as políticas da Xunta que considera avaladas polo sector. Ante as críticas da oposición, di Rueda, "temos o apoio das empresas".