A Xunta di que soubo agora "pola prensa" dos bidóns nucleares de hai décadas e despois recúa

Carta náutica empregada polo Xurelo en 1981 para chegar á área dos vertidos, tripulantes daquela expedición, membros da misión francesa en 2025 e a conselleira de Medio Ambiente CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos Xurelo: Xosé Castro | Foto Nodssum: © Javier Escartín | Foto conselleira: Xunta

Oito países guindaron unhas 140.000 toneladas de residuos radioactivos á Foxa Atlántica ata 1982, cando conseguiu paralos a presión internacional na que foi clave a histórica expedición galega do Xurelo da man de Greenpeace 

Cando, o 15 de setembro de 1981, un palangreiro con base en Ribeira chamado Xurelo iniciou a súa singradura para contribuír a frear as verteduras de bidóns con refugallos nucleares na Foxa Atlántica, había apenas medio ano que fora promulgado o Estatuto de Autonomía. Faltaban tres meses para a constitución do primeiro Parlamento que daría lugar ao primeiro Goberno da Xunta elixido democraticamente. 

Aquel grupo de mariñeiros, xornalistas, e membros de Esquerda Galega coordinados con Greenpeace tiñan o propósito de paralizar de vez a práctica pola que, dende finais da década de 1940, oito Estados (Gran Bretaña, Bélxica, Holanda, Francia e, en menor medida, Suíza, Suecia, Alemaña e Italia) utilizaban as profundidades oceánicas fronte ás costas galegas como gran cemiterio de restos radioactivos metidos en bidóns de aceiro e formigón. A batalla acabou en éxito en 1982, cando a presión internacional aguilloada dende Galicia propiciou unha moratoria que acabou en prohibición permanente mentres quedaban baixo as augas uns bidóns dos que a Xunta asegurou este venres que vén de saber agora, en 2025 e "pola prensa", para horas despois recuar ante o balbordo xerado.

Tripulantes do Xurelo estudan durante a súa travesía de 1981 a ruta que deben seguir para achar os barcos holandeses que ían guindar bidóns radioactivos ao Atlántico © Xosé Castro

Dende aquela, como constatou Praza.gal en 2017 tras unha ampla investigación, ningún organismo estatal nin internacional vixía periodicamente o estado desas arredor de 140.000 toneladas de refugallos nucleares reflectidas tamén no inventario de material radioactivo nos océanos do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA). A raíz das pescudas deste xornal a cuestión chegou ao Parlamento galego, ao Congreso e á Eurocámara mediante iniciativas de diversas forzas políticas ante as que quedou certificado que tanto as autoridades españolas como as da UE se desentenderan desa supervisión regular.

"Non é de recibo que teñamos que enterarnos pola prensa dun asunto tan sensible como a presenza de material potencialmente perigoso ante a nosa costa", dixo a conselleira de Medio Ambiente. Horas despois agregou que en realidade "a existencia dos bidóns fronte a Galicia é de sobra coñecida desde hai anos, tamén por min"

Con todos estes antecedentes, neste 2025 vén de comezar a misión científica Nodssum. Como avanzou Faro de Vigo, o proxecto está dirixido por Javier Escartín e Patrick Chardon e impulsado polo Centro Nacional da Investigación Científica de Francia Emprega un submarino robotizado chamado UlyX para localizar os bidóns, tirarlles fotos e tomar mostras de animais e sedimentos na súa contorna para comprobar a radioactividade. Aínda que actúa só nun pequeno sector da gran área afectada polos vertidos, o inicio desta primeira fase xa logrou identificar un milleiro de bidóns.

As noticias vinculadas a esta expedición motivaron a reacción da Xunta ante unha cuestión máis antiga que a institución mesma e na que a intervención galega directa ten tantos anos como os que leva de existencia o Goberno galego. Primeiro, remitindo unha carta ao Consello de Seguridade Nuclear pedindo información sobre os traballos da expedición francesa. E a continuacións, con declaracións públicas nas que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegurou non ter "ningún tipo de dato" ao respecto por non saber "absolutamente nada" a través do Goberno de España.

Tras estas declaracións, Vázquez foi alén a través das redes sociais asegurando que "non é de recibo que teñamos que enterarnos pola prensa dun asunto tan sensible como a presenza de material potencialmente perigoso ante a nosa costa". Isto é, a titular de Medio Ambiente mantivo que o descoñecemento non se limita aos actuais labores de control, senón que se estende á existencia mesma dos refugallos. "O Goberno central só prometeu información a raíz de que a Xunta pedise información", agregaba.

Rosa Quintana, conselleira do Mar durante 14 anos e actual deputada do PP, tamén expresa "sorpresa" polo que denomina como "posible vertido histórico" e como a Xunta pide tamén contas ao Goberno de España

Horas despois, ante un aluvión de críticas e reaccións de estupor nas propias redes e mentres as súas palabras saltaban tamén xa a algúns medios, a conselleira matizou que "como apuntades algúns, a existencia dos bidóns fronte a Galicia é de sobra coñecida desde hai anos, tamén por min". "Quería evidenciar que, unha vez máis, o Goberno central non informa á Xunta de accións como a campaña francesa en marcha, da que ten que ter coñecemento oficial", especificou.

As consideracións iniciais de Vázquez van, non obstante, nun sentido semellante do expresado pouco antes por Rosa Quintana, conselleira do Mar entre 2009 e 2023 e actualmente deputada do PP no Congreso. A veterana dirixente expresou a súa "sorpresa" por "coñecer estes feitos a través dos medios de comunicación" e pediu "explicacións ao Goberno central", ao que pregunta se "activou algún protocolo de seguimento, verificación ou prevención" ante o que denomina como un "posible vertido histórico" malia estar a súa existencia amplamente constatada.

Mentres, esta mesma semana, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixía unha nova iniciativa ao respecto á Comisión Europea para lembrarlle que  "non fixo o seu traballo respecto á investigación dos residuos radioactivos da Foxa Atlántica" e reclamarlle unha investigación ao respecto. Dende o Goberno de España o seu delegado en Galicia, Pedro Blanco, asegura que o Executivo central está "pendente" dos traballos franceses e prevé compartir toda a información que obteña ao respecto con todas as autonomías atinxidas "con absoluta transparencia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.