O buque oceanográfico francés L' Atalante vén de identificar xa os primeiros mil barrís con restos radioactivos fronte ás costas galegas. Tras chegar a unha das zonas sinaladas hai unha semana e logo de diferentes probas técnicas —fundamentalmente o funcionamento do robot submarino Uly X, capaz de descender a 6.000 metros—, esta misión científica bautizada como Nodssum extraeu tamén fauna e sedimentos da área onde entre 1949 e 1982 se lanzaron unhas 140.000 toneladas destes residuos nestes recipientes de aceiro e formigón. O último vertido, por parte de Holanda hai case 43 anos.
A misión Nodssum extraeu xa fauna e sedimentos dun dos puntos onde se ciscaron 140.000 toneladas de residuos nucleares entre 1949 e 1982 que ninguén supervisou
A subdelegada do Goberno de España en Galicia, María Rivas, aplaudiu este mércores a misión, da que destacou o seu carácter internacional e o seu obxectivo de analizar as consecuencias de "comportamentos de hai moitos anos". Segundo dixo, o Executivo central estará moi atenta aos resultados para "poder previr e actuar" sobre calquera incidencia e "tomar medidas".
Tamén este mércores, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse outra vez á Comisión Europea para lembrarlle "que non fixo o seu traballo respecto á investigación dos residuos radioactivos da Foxa Atlántica". Así, destacou que é a cuarta pregunta que lle dirixe, pedindo "unha investigación europea". "Non pode ser que Galiza recibise o lixo europeo e que a día de hoxe a UE non tomase ningunha medida", explicou.
Praza.gal desvelou en 2017 que ninguén estaba a supervisar o estado de toneladas de bidóns radioactivos, un baleiro ao que agora Francia pretende achegar datos
Foi en 2017, no 35 aniversario dos últimos vertidos nucleares fronte a Galicia, na coñecida como Foxa Atlántica, Praza.gal levou a cabo unha longa investigación con consultas a unha ducia de organismos internacionais e españois nas que non foron quen de responder se alguén vixía con algún tipo de programa estable de supervisión eses bidóns de aceiro e formigón con 140.000 toneladas de residuos radioactivos deitados no océano entre 1949 e 1982. PSOE, PP e BNG fixéronse eco daquela investigación e durante varios anos formularon iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso e o Parlamento Europeo que constataron que nin España nin a UE vixiaban nin pensaban vixiar o estado deses bidóns, algúns con sete décadas baixo o mar.
Tras esas evasivas e negativas, recollidas por medios de toda España, acabou sendo Francia quen anunciou que realizaría a primeira misión para vixiar o estado dos residuos da Foxa Atlántica, unha expedición científica que comezou o pasado domingo 15 de xuño e que vén de identificar eses primeiros mil barrís nesta primeira campaña de localización e aproximación e na que tamén se tomaron mostras, finalmente, un labor que se completará nunha segunda fase que se prevé en 2026 pero que aínda non ten data.
A misión francesa céntrase nun só da ducia de puntos de vertedura en toda a costa atlántica europea, a uns 500 quilómetros de Fisterra
O proxecto NODSSUM (Nuclear Ocean Dump Site Survey Monitoring), baixo a dirección de Javier Escartín e Patrick Chardon e impulsado polo Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) francés —o equivalente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) español— prevé realizar a súa primeira campaña ata o 11 xullo. Nela o submarino robotizado autónomo, o UlyX, da flota oceanográfica francesa, localiza os bidóns e failles fotos. Ademais, xa tomou mostras de animais e sedimentos para comprobar a radioactividade dos mesmos.
En función dos resultados da primeira campaña, nunha segunda aínda sen data empregarase tamén un submarino para tomar mostras moito máis preto dos bidóns. Os obxectivos son localizar exactamente os bidóns e avaliar a súa condición física, medir a presenza de radioactividade na auga, sedimentos e organismos vivos e estudar a súa interacción, e caracterizar os procesos de transporte da radioactividade no océano profundo.
A misión que agora realizará Francia centrarase nun só da ducia de puntos de vertedura en toda a costa atlántica europea identificados polo Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA). Segundo o inventario oficial deste organismo [aquí o PDF], co que está elaborado o mapa interactivo que acompaña esta información, no lugar que investigará Francia, a uns 500 quilómetros ao noroeste de Fisterra, depositaron residuos nucleares entre 1977 e 1982 catro países distintos: Bélxica 17.605,5 toneladas, Reino Unido 14.141 toneladas, Holanda 13.696 toneladas e Suíza 3.151 toneladas. Pero ademais dese punto de vertedura, hai outros varios máis próximos ás costas galegas nos que eses ou outros países lanzaron cantidades similares de residuos radioactivos.
Por outra banda, os residuos que agora se analizarán son dos máis recentes no tempo, xusto antes da prohibición dese tipo de prácticas, mentres que noutros emprazamentos os primeiros bidóns foron deitados hai máis de 70 anos, polo que a súa deterioración pode ser maior.
Reaccións á investigación de Praza.gal
A investigación realizada por Praza.gal en 2017 sobre a falta de supervisión dos bidóns provocou a reacción de varias formacións políticas e de Greenpeace, cuxas campañas xunto con mariñeiros galegos a bordo do barco Xurelo lograron poñer fin aos vertidos en 1982. No Parlamento Europeo a Comisión Europea respondeu, como xa fixera a preguntas deste diario, que os vertidos están en augas internacionais e que os estados membros só teñen a obriga de analizar a radioactividade nas súas costas, procedementos que a UE supervisa periodicamente.
A Comisión mesmo respondeu, ante unha pregunta do daquela eurodeputado socialista José Blanco, que o Goberno de Mariano Rajoy non vía necesario controlar os residuos malia discreparen entre si varios ministerios sobre as competencias na materia.

Ante esas respostas a eurodeputada do BNG Ana Miranda seguiu formulando preguntas sucesivas —a última esta mesma semana— para coñecer o resultado da seguinte supervisión europea sobre como España, a través do Consello de Seguridade Nuclear (CSN), detecta a radioactividade nas súas costas, control que se fixo en outubro de 2021 e cuxo resultados foron comunicados en marzo de 2023. Naquel momento a Comisión Europea asegurou que os controis de España da radioactividade no litoral galego e cantábrico eran adecuados, pero insistiu en que “a verificación de todo tipo de control dos vertedoiros na foxa atlántica queda fóra do ámbito de aplicación” das normas europeas.
"A Comisión recoñeceu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003", lembrou este mércores Ana Miranda.
En ausencia doutras iniciativas da ducia de organismos internacionais e estatais consultados por Praza.gal, agora é Francia quen estuda o estado deses residuos.