Tras desentenderse España e a UE, Francia lanza a primeira misión para vixiar os vertidos nucleares fronte a Galicia

Activistas de Greenpeace entorpecendo o vertido de bidóns radioactivos en 1982 e localización e submarino da misión francesa de vixilancia dos residuos CC-BY-SA Imaxes: Pierre Gleizes-Greenpeace e Projet NODSSUM | Montaxe: Praza Pública

Praza.gal desvelou en 2017 que ninguén estaba a supervisar o estado de toneladas de bidóns radioactivos arroxados á Foxa Atlántica entre 1949 e 1982, un debate ao que o Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) francés quere achegar datos

En 2017, no 35 aniversario dos últimos vertidos nucleares fronte a Galicia, na coñecida como Foxa Atlántica, Praza.gal realizou unha longa investigación con consultas a unha ducia de organismos internacionais e españois nas que non foron quen de responder se alguén vixía con algún tipo de programa estable de supervisión eses bidóns de aceiro e formigón con 140.000 toneladas de residuos radioactivos deitados no océano entre 1949 e 1982. PSOE, PP e BNG fixéronse eco daquela investigación e durante varios anos formularon iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso e o Parlamento Europeo que constataron que nin España nin a UE vixiaban nin pensaban vixiar o estado deses bidóns, algúns con sete décadas baixo o mar.

Tras esas evasivas e negativas, recollidas por medios de toda España, agora será Francia quen realice a primeira misión para vixiar o estado dos residuos da Foxa Atlántica, unha expedición científica que prevé comezar este domingo 15 de xuño e que se desenvolverá en dúas campañas, unha primeira de localización e aproximación que comeza xa e unha seguinte, aínda sen data, de toma de mostras.

Submarino UlyX que empregará a misión francesa aos vertidos da Foxa Atlántica © Autin Timothee / Ifremer

O proxecto NODSSUM (Nuclear Ocean Dump Site Survey Monitoring) impulsado polo Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) francés -o equivalente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) español- prevé realizar a súa primeira campaña entre este 15 de xuño e o 11 xullo, como vén de comunicar aos medios o organismo francés e reflectiu hai uns días Faro de Vigo. Nela un submarino robotizado autónomo, o UlyX, da flota oceanográfica francesa e con capacidade para somerxerse ata os 6.000 metros de profundidade, localizará os bidóns e fotografaraos. Tamén tomará mostras de animais e sedimentos para comprobar a radioactividade dos mesmos.

En función dos resultados da primeira campaña, nunha segunda aínda sen data empregarase tamén un submarino para tomar mostras moito máis preto dos bidóns. Os obxectivos son localizar exactamente os bidóns e avaliar a súa condición física, medir a presenza de radioactividade na auga, sedimentos e organismos vivos e estudar a súa interacción, e caracterizar os procesos de transporte da radioactividade no océano profundo. 

A misión francesa centrarase nun só da ducia de puntos de vertedura en toda a costa atlántica europea, a uns 500 quilómetros de Fisterra, onde Bélxica, Reino Unido, Holanda e Suiza verteron preto de 50.000 toneladas de residuos radioactivos entre 1977 e 1982

A misión que agora realizará Francia centrarase nun só da ducia de puntos de vertedura en toda a costa atlántica europea identificados polo Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA). Segundo o inventario oficial deste organismo [aquí o PDF], co que está elaborado o mapa interactivo que acompaña esta información, no lugar que investigará Francia, a uns 500 quilómetros ao noroeste de Fisterra, depositaron residuos nucleares entre 1977 e 1982 catro países distintos: Bélxica 17.605,5 toneladas, Reino Unido 14.141 toneladas, Holanda 13.696 toneladas e Suiza 3.151 toneladas. Pero ademais dese punto de vertedura, hai outros varios máis próximos ás costas galegas nos que eses ou outros países lanzaron cantidades similares de residuos radioactivos.

Por outra banda, os residuos que agora se analizarán son dos máis recentes no tempo, xusto antes da prohibición dese tipo de prácticas, mentres que noutros emprazamentos os primeiros bidóns foron deitados hai máis de 70 anos, polo que o seu deterioro pode ser maior. 

A investigación realizada por Praza.gal en 2017 sobre a falta de supervisión dos bidóns provocou a reacción de varias formacións políticas e de Greenpeace, cuxas campañas xunto con mariñeiros galegos a bordo do barco Xurelo lograron poñer fin aos vertidos en 1982. No Parlamento Europeo a Comisión Europea respondeu, como xa fixera a preguntas deste diario, que os vertidos están en augas internacionais e que os estados membros só teñen a obriga de analizar a radioactividade nas súas costas, procedementos que a UE supervisa periodicamente. 

A Comisión mesmo respondeu, ante unha pregunta do daquela eurodeputado socialista José Blanco, que o Goberno de Mariano Rajoy non vía necesario controlar os residuos malia discreparen entre si varios ministerios sobre as competencias na materia.

Localización en augas internacionais dos vertidos que vai supervisar a misión francesa © Projet NODSSUM

Tras sucesivas preguntas no Parlamento Europeo derivadas da investigación de Praza.gal de 2017, en 2023 a Comisión Europea acabou admitindo que descoñecía o estado dos bidóns e que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade” nesas áreas de vertido

Ante esas respostas a eurodeputada do BNG Ana Miranda seguiu formulando preguntas sucesivas para coñecer o resultado da seguinte supervisión europea sobre como España, a través do Consello de Seguridade Nuclear (CSN), detecta a radioactividade nas súas costas, control que se fixo en outubro de 2021 e cuxo resultados foron comunicados en marzo de 2023. Naquel momento a Comisión Europea asegurou que os controis de España da radioactividade no litoral galego e cantábrico eran adecuados, pero insistiu en que “a verificación de todo tipo de control dos vertedoiros na foxa atlántica queda fóra do ámbito de aplicación” das normas europeas. 

Na súa resposta a Comisión Europea adxuntaba un informe que admitía o descoñecemento xeral sobre o "estado técnico" dos bidóns e salientaba que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” nas áreas dos vertidos históricos. En ausencia doutras iniciativas da ducia de organismos internacionais e estatais consultados por Praza.gal, agora será Francia quen estude o estado deses residuos.

Documento oficial da Comisión Europea no que admitiu en 2023, como avanzara Praza.gal en 2017, que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” onde se verteron os residuos nucleares CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.