O Goberno galego aposta por incorporar o país "ás crecentes oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no marco do actual contexto sociopolítico"
As guerras e conflitos violentos que se espallan polo planeta foron cualificadas este luns pola Xunta como "contexto sociopolítico", un eufemismo para adozar que o Goberno galego aposta por aproveitar esas violencias como "crecentes oportunidades" para a industria galega. Así o aprobou o Consello da Xunta ao dar o seu visto bo á denominada Estratexia galega do aeroespazo, seguridade e defensa, coa que investirá 183 millóns de euros en facilitar a militarización da economía galega.
A aposta aberta da Xunta pola industria da seguridade e a defensa supón un xiro da estratexia comunicativa que viña mantendo. Cando hai unha década o daquela presidente Feijóo apostou por crear un centro de investigacións sobre drons no aeródromo de Rozas, en Lugo, insistiu en que sería só para usos civís, argumento que o Goberno galego veu defendendo durante todo este tempo malia que si houbo alí probas de aeronaves militares.

Porén, agora a Xunta pasa a declarar abertamente o seu apoio á industria militar. Faino apostando por "incorporar Galicia ás crecentes oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no marco do actual contexto sociopolítico". Unha aposta similar á que está a facer no eido turístico ao presentar igualmente o cambio climático como unha oportunidade para Galicia, que ofrece como "refuxio climático".
A Xunta atribúe á inseguridade "unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade"
Segundo Rueda, nos vindeiros anos "vanse incrementar as necesidades en materia de seguridade e defensa" polo que "o sector aeroespacial pode ser unha vía para que industrias xa consolidadas en Galicia, naval, automoción, loxística e metal, poidan diversificar a súa actividade e diversificala" [sic].
Rueda liga directamente a súa nova estratexia de seguridade e defensa co centro de investigación de drons que xa viña impulsando e asegura que o novo plan "permitirá a transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde 2015 tras a posta en marcha da Civil UAV", como se denomina o proxecto desenvolvido en Lugo. Será, asegura a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, "unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade".

Segundo a Xunta, en Galicia, ademais das empresas que xa traballan no sector, hai "unhas 150 empresas" con potencial para incorporarse a el. Para axudar tanto con novos proxectos ás que xa traballan no sector como para facilitar a incorporación das novas a estratexia da Xunta pasa por inxectar uns 183 millóns.
84 millóns serán para impulsar "acordos con empresas e centros tecnolóxicos de innovación". 65 millóns para " un fondo de investimento que apoie novos proxectos en Galicia e outros investimentos" relacionados con tecnoloxías duais. E 34 millóns irán destinados a "dez liñas de axudas coas que fomentar a reorientación de empresas xa existentes ou crear novas", con actuacións como financiar a innovación ou a obtención de certificacións que permitan a empresas de fóra do sector incorporarse á industria militar.
Tras aprobar a estratexia de militarización da industria galega o luns, o mércores Lorenzana participou en Madrid na Feira Internacional de Defensa e Seguridade, onde asinou un acordo de entendemento coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE). A Xunta creará "unha unidade especializada na Oficina Económica de Galicia que traballará con TEDAE".