Se a Xunta acepta que o Goberno de España asuma 4.010 millóns da súa débeda, o montante total ficará en niveis do ano 2012
O plan do Goberno de España para asumir 83.252 millóns de euros da débeda das comunidades autónomas de réxime común -todas agás Euskadi e Navarra- vén de axitar o taboleiro político do Estado. A operación xorde dos pactos do PSOE para a investidura de Pedro Sánchez en 2023, con ERC para a débeda catalá e con outras forzas coma o BNG para o resto do Estado. Así, por exemplo, o acordo co Bloque implicaba que Galicia recibise "unha compensación análoga" a calquera condonación de débeda que beneficiase outros territorios nun contexto cinguido daquela, non obstante, á débeda co Fondo de Liquidez Autonómica (co Estado).
Esa axitación vén dada, en boa medida, pola situación políticaen que a medida sitúa as comunidades autónomas gobernadas polo PP, que son a maioría. Co ex-presidente Alberto Núñez Feijóo afirmando como líder estatal do partido que a condonación da débeda é "unha trampa", os líderes autonómicos da ormación con responsabilidades de goberno veñen adoptando diferentes versións para interpretala de maneira crítica. No caso galego, Alfonso Rueda céntrase en que Galicia "non necesita" que o Estado asuma 1 de cada 3 euros da súa débeda.
Porque esa, un terzo, sería a proporción que asumiría o Goberno de España se a Xunta acepta o plan formulado este pasado luns pola ministra de Facenda, María Jesús Montero. A condonación toma como referencia o endebedamento de cada autonomía a 31 de decembro de 2023, momento no que en Galicia ascendía a 12.169 millóns de euros, segundo datos do Banco de España. Aplicando o criterio de "poboación axustada" -o total de habitantes e criterios demográficos poboación en idade escolar ou maior de 65 e, en menor medida, outros coma o espallamento da poboación- á Xunta correspóndelle que o Estado pague 4.010 millóns, o que deixaría o montante total da débeda galega en niveis do ano 2012.
O presidente mantén que este "é un negocio que a Galicia non lle convén" e contrapono coa necesidade de reformar o financiamento autonómico caducado dende 2014. O conselleiro de Facenda evita ratificar se a resposta final da Xunta vai ser "non"
Pero o presidente asegura que non o ve con bos ollos porque "Galicia nunca gastou máis do que lle correspondía" e por iso "non necesitamos que se reparta a débeda doutros entre todos, senón un novo modelo de financiamento". O actual sistema de financiamento das comunidades autónomas data do ano 2009 e caducou, como marca a lei, cinco anos despois. Naquel 2014 o Goberno de Mariano Rajoy evitou abordar un novo por cadrar en plena crise económica e dende aquela continúa vixente o caducado, sistema ao que o actual Executivo central agregou recursos adicionais vinculados, sobre todo, á pandemia ou aos fondos europeos.
Rueda evita polo momento afirmar abertamente, en todo caso, se chegado o momento confirmará ao Ministerio o "non" da Xunta a librarse deses 4.000 millóns de débeda. Si agrega, así e todo, que "non ten sentido" e que é "un negocio que a Galicia non lle convén". "Quen diga que con isto gañamos algo ou non sabe facer as contas ou non está contando a verdade", conclúe o presidente.
En declaracións a Radio Coruña o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tamén evitou a negativa frontal, remitíndose a "escoitar, falar e decidir" en función do exposto este mércores no Consello de Política Fiscal e Financeira, que xunta ás autonomías co Ministerio. Horas despois, non obstante, agregou no Parlamento que a postura galega nesta xuntanza será o rexeitamento, o que non implica necesariamente un "non" a asinar o convenio de condonación cando o Ministerio o ofreza.
BNG e PSdeG instan a aceptar
Pontón e Besteiro relacionan a posible negativa do presidente coa "submisión" a Feijóo e ínstano a rectificar e aproveitar os 4.000 millóns liberados en financiar competencias como sanidade, dependencia ou vivenda
Esta postura do xefe do Executivo é interpretada nos grupos da actual oposición, BNG e PSdeG, en clave de submisión ás ordes de Feijóo. "Pídolle ao señor Rueda que, por unha vez, deixe de poñer o PP por diante dos galegos e galegas, ninguén neste país vai entender semellante traizón", reclama a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen pon ademais o foco en que esta condonación foi parte das negociacións da súa formación cos socialistas.
"De verdade que o servilismo e a submisión do señor Rueda poden levar a que Galiza perda 4.000 millóns para mellorar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia?", pregúntase a líder nacionalista, quen compara a eventual negativa do Goberno galego coa dunha "persoa que estea pagando unha hipoteca" e "renuncie a que lla reduzan un 33%". "É o que pretende facer o señor Rueda única e exclusivamente por ser servil a Madrid", lamenta aínda que supoña "este 2025 non dispoñer de 580 millóns de euros máis" para "por exemplo, acabar coas listas de espera na sanidade, poñer vivenda pública á disposición da mocidade ou reducir listas de agarda na dependencia".

Dende o PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, ironiza cun "curso básico de economía" para o presidente da Xunta. "Se che condonan a débeda e che perdoan un 33% do que debes, quen en pleno uso da razón diría que non? O único galego que di non é Rueda", ironiza.
Besteiro pon o foco en que, se a Xunta acaba aceptando, "eses 4.000 millóns poderían liberarse para facer moitísimas cousas boas por Galicia". Por exemplo, afirma, poderíase "investir 200 veces máis en investigación sanitaria", "liberar peaxes" nas autoestradas de competencia autonómica, "atender a demanda de vivenda das máis de 19.000 persoas inscritas nos rexistros de solicitantes" ou "construír ata 40.000 vivendas públicas".