A unanimidade dos tres grupos do Parlamento acompañou o pasado setembro a decisión de crear unha comisión que estude as medidas para a reconstrución socioeconómica do país que axuden a paliar os efectos da pandemia, medida que -con matices- incorporaban os programas electorais de todas as principais formacións. Esa mesma unanimidade avala tamén dende este luns as normas que rexerán este órgano.
A unanimidade que presidiu a decisión de crear a comisión mantense na aprobación das súas normas de funcionamento malia ás discrepancias puntuais sobre a duración, que será duns tres meses
Tras os contactos entre partidos nas últimas semanas e cesións por parte dos grupos, este 19 de outubro a comisión aprobou as súas regras de funcionamento co voto a prol de populares, nacionalistas e socialistas. As tres formacións pasan agora ás conversas sobre o plan de traballo -comparecencias e documentación que manexarán-, isto é, que incluirá un "calendario xeral" que xa ten unha duración orientativa: tres meses.
Finais de xaneiro de 2021 é o horizonte finalmente pactado para chegar á fin da primeira fase da comisión e comezar a redacción das conclusións. Cando menos un dos grupos, o PSdeG, era partidario de que a duración fose maior, de seis meses, para "dar respostas a medio prazo", indicou Gonzalo Caballero, quen así e todo xustificou o voto a prol en aras da "vontade de construír", defende.
Puy di "anhelar" que o consenso se manteña na listaxe de comparecentes
No plan de traballo e nas propias conclusións, en calquera caso, primará en caso de desacordo a maioría absoluta do PP, cuxo voceiro, Pedro Puy, aplaude o "consenso" co que nace a comisión e di agardar que se repita na elaboración da listaxe de comparecencias. "Anhelamos conseguilo", mantén o popular, quen chama a que o plan de traballo sexa "equilibrado" en canto a "propostas dos grupos e contido das comparecencias", sen que "cando haxa que elixir entre dous ou tres comparecentes", a exclusión dalgún nome se "entenda como un veto".
Pontón: "As galegas e galegas que non saben se van poder seguir co seu negocio, están en ERTE ou sen emprego non queren esperar un ano, queren respostas de inmediato"
Para Puy, acoutar no tempo os traballos da comisión é preciso para non alargala "indefinidamente". Que o traballo sexa "rápido", pero tamén "intenso e eficaz" é tamén a petición da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "Así o reclaman os galegos e galegas que non saben se van poder seguir co seu negocio, que non saben canto tempo estarán de ERTE ou perderon o seu emprego; non queren esperar un ano, queren respostas de inmediato e por iso temos claro que hai que traballar para dar solucións con rapidez, rigorosidade e eficacia", subliña a líder da oposición.
Neste sentido, Pontón agarda tamén que os traballos da comisión sirvan para "avaliar os proxectos anunciados pola Xunta con cargo ao fondo COVID europeo de reactivación", di en referencia ás propostas lanzadas polo Goberno, en compaña de representantes empresariais, para optar a diñeiro do fondo Nex Generation UE. "Preocúpanos que este fondo acabe beneficiando ás multinacionais, ás empresas do IBEX e ignorando a pequena e mediana empresa do país", subliña.
Caballero: "Máis alá de discrepancias, imos estar á altura do reto que supón esta crise"
Pola banda do PSdeG, alén da discrepancia na duración da comisión, Caballero ve un "erro" que o PP poida "vetar" comparecencias promovidas pola oposición na comisión. En calquera caso, subliña, "máis alá de discrepancias, imos estar á altura do reto que supón a crise da COVID" e iso comeza por "escoitar as achegas de representantes da economía, a sociedade e a cultura galegas, así como a cidadanía que o está pasando mal", para propoñer solucións que poidan paliar os efectos da pandemia.