A pandemia de coronavirus está a supor un importante golpe económico para moitas persoas no noso país. Aínda que os ERTE e outras medidas están axudando a soster o emprego, grupos coma as xeracións máis novas e aquelas persoas con contratos temporais si foron empurradas ao paro e sectores coma a hostalaría, a cultura e o ocio están a sufrir un prexuízo importante na actual situación.
A porcentaxe de familias que din chegar 'con dificultade' ou 'con moita dificultade' a final de mes (51,84%) aumenta oito puntos con respecto á que se rexistraba hai doce meses
O IGE publicou este venres a súa Enquisa conxuntural aos fogares galegos, que cada trimestre ofrece unha foto fixa da súa situación económica e das súas perspectivas para os vindeiros meses. O estudo amosa un lixeiro incremento nas 'dificultades para chegar a fin de mes de galegos e galegas', e sobre todo unha drástica redución dos seus gastos, en especial daqueles considerados "extraordinarios". Tamén revela un gran pesimismo pola situación económica presente e pola que pode chegar de aquí en adiante.
En efecto, a porcentaxe de familias que din chegar 'con dificultade' ou 'con moita dificultade' a final de mes, o 51,84%, redúcese con respecto ao trimestre anterior (54,04%). O dato si aumenta con respecta ao que se rexistraba no remate do pasado ano (47,3%) ou hai exactamente doce meses (42,37%).
As familias cuxa situación empeorou máis nos últimos 12 meses son as unipersoais, as monoparentais e as parellas con fillos
As familias cuxa situación empeorou máis nos últimos 12 meses son as unipersoais (o 66,18% din chegar a fin de mes con dificultade, trece puntos máis que hai un ano), as monoparentais (65,27% con dificultades, tres puntos máis) e as parellas con fillos (49,04%, dez puntos máis). As parellas sen fillos (36,53% con dificultades, apenas catro puntos máis) son as que menos empeoraron dende o terceiro trimestre do pasado ano.
Hai, segundo a Enquisa do IGE, un gran pesimismo sobre a situación económica e a súa evolución futura. Cada trimestre o instituto estatístico elabora un índice de confianza do consumidor, elaborado a través de varias compoñentes e de preguntas sobre a situación financeira persoal, a situación económica xeral de Galicia e a perspectiva sobre a 'capacidade futura de aforro'.
Os datos de 'confianza' na economía neste ano 2020, marcado pola pandemia de coronavirus e o confinamento, foron os peores de toda a década
Estes indicadores foron moi negativos entre 2010 e 2014, nos peores momentos da anterior crise económica, e melloraran bastante entre o 2015 e finais do ano 2019, cando xa comezaba a presentar unha tendencia negativa. Os datos do segundo trimestre deste ano 2020, marcado pola pandemia de coronavirus e o confinamento foron os peores de toda a década (sobre todo no que atinxía á valoración xeral da economía), por debaixo mesmo dos acadados en 2012.
Na enquisa correspondente ao terceiro trimestre, despois dun verán cunha menor incidencia da enfermidade (cando menos ata o mes de agosto) e cunha recuperación parcial da actividade, as perspectivas económicas da cidadanía galega melloraron, pero seguen aínda moi por debaixo dos valores que se rexistraban antes de marzo.
Reduciuse igualmente do 23% ao 17% a porcentaxe de que puido facer fronte a gastos imprevistos
A enquisa do IGE pregunta tamén polos gastos extraordinarios realizados polos galegos e galegas nos últimos tres meses e polas súas expectativas de poder realizalos de aquí en adiante. A porcentaxe de persoas que realizaron viaxes ou gastaron en vacacións reduciuse ao mínimo (en boa medida polas precaucións sanitarias) e tamén o fixo a porcentaxe de persoas que saíron cear fóra da casa, foron ao cinema ou ao teatro (de novo, entran aquí as precaucións e medidas sanitarias).
Con todo, tamén no resto de indicadores a porcentaxe de persoas que gastaron en roupa ou calzado pasou do 14% ao 10% no último ano, o mesmo que a proporción de galegos e galegas que fixeron algún gasto extra en alimentación (do 43% ao 30%). Reduciuse igualmente do 23% ao 17% a porcentaxe de quen puido facer fronte a gastos imprevistos.
A porcentaxe de persoas que esperan poder "permitirse" algún desembolso extraordinario redúcese notablemente
De igual xeito, cando se preguntou polas perspectivas futuras de gasto, a porcentaxe de persoas que esperan poder "permitirse" algún desembolso extraordinario redúcese notablemente. Especialmente cae a proporción de quen ten pensado "saír a cear, a cafetarías, ao cine ou ao teatro" e tamén a porcentaxe de persoas que cre que fará gastos extra en alimentación. Redúcese tamén o número de familias que espera poder aforrar.
No segundo trimestre, marcado pola crise do coronavirus, os aforros de galegos e galegas medraron un 5,5% e situáronse no máximo da última década
Estes datos coinciden con outros indicadores recentes que amosan un incremento do aforro dos galegos e galegas, que en boa medida pode estar motivado pola incerteza ante o futuro inmediato da economía. Os depósitos totais en Galicia situáronse no remate do segundo trimestre deste ano 2020 nos 70.990 millóns de euros, segundo os datos do Banco de España.
Trátase da maior cifra de toda a década, nunha tendencia de ascenso iniciada no ano 2012. Con todo, o incremento rexistrado no segundo trimestre deste ano, marcado pola pandemia, foi o maior nos últimos anos, medrando dende os 67.279 millóns do primeiro trimestre, un aumento do 5,5%.