A finais de marzo chegou ao Boletín Oficial do Estado a coñecida como lei da nova normalidade, resultado de meses de tramitación nas Cortes como proxecto de lei do Real Decreto co que o Goberno de España regulara diversas restricións xerais pola COVID-19 tras a fin do primeiro Estado de Alarma. Entre as mudanzas no texto durante o trámite parlamentario figurou unha emenda introducida polo PSOE no Senado que foi aprobada por ampla maioría e que só foi obxecto de controversia política cando xa chegara ao BOE: o uso da máscara pasaba a ser obrigatoria tamén ao aire libre en practicamente calquera circunstancia, con independencia de que houbese ou non distancia de seguridade.
A normativa estatal pasa a contemplar como excepción á obriga xeral de levar máscara a permanencia nun lugar fixo en praias e piscinas e mais no momento do baño, ao xeito do que xa sucedía en Galicia, onde a Xunta esixe máscara ao aire libre aínda que haxa distancia dende xullo de 2020
No caso galego, a entrada en vigor desta norma trouxo consigo escasas variacións na vida diaria, toda vez que a Xunta converteu en obrigatorio o uso da máscara ao aire libre e con independencia da distancia en xullo de 2020. A principal diferenza estaba nunha das excepcións contempladas polo Goberno galego: as praias e piscinas, sempre e cando a persoa estea parada e con distancia de seguridade, xa sexa bañándose, na area ou na zona de descanso correspondente.
Ante o balbordo xerado, especialmente en comunidades autónomas de marcado perfil turístico, o Consello Interterritorial de Saúde -formado polo Ministerio de Sanidade e as autonomías- acordou o pasado mércores interpretar que nunha das excepcións si contempladas na lei (actividades cuxa "natureza" sexa "incompatible" con levar máscara, se as autoridades sanitarias o permiten) pode caber o permiso de non portala na praia, na piscina ou á beira dun río ou lagoa mentres se estea sen andar ou na auga e con distancia.
O Goberno galego prevé seguir esixindo a máscara na actividade deportiva ao aire libre tal e como o viña facendo ata agora aínda que a norma estatal non o estipule
Na liña do estipulado pola Xunta dende xuño do ano pasado, o acordo do Consello Interterritorial non establece distincións entre zonas rurais ou urbanas e non contempla explicitamente outras excepcións para, por exemplo, o paseo ou o traballo en áreas de monte onde se garde distancia ou non haxa máis persoas. A nova regulamentación estatal xa contemplaba, na redacción que chegou ao BOE, o "deporte individual" ao aire libre como outra das excepcións e agora o Consello "equipara" con esta situación as demais actividades que "ao realizarse supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo" se son "ao aire libre, de forma individual" e cun mínimo de distancia de 1,5 metros a respecto doutras persoas non conviventes.
Nos últimos días, a Xunta xa adiantou que concorda con que a normativa estatal vaia na liña da galega no que atinxe ás praias, pero que discrepa no referido ao deporte individual. Así, o Goberno galego prevé seguir esixindo a máscara na actividade deportiva ao aire libre tal e como o viña facendo ata agora.
Segue a estabilidade na incidencia, á espera do reflexo da Semana Santa
O Sergas suma 132 casos novos e as incidencias a 7 e 14 días seguen estables, arredor dos 33 e os 67 casos novos por cada cen mil habitantes, respectivamente
Como amosan os gráficos que acompañan a estas liñas, isto sucede mentres os principais indicadores epidemiolóxicos continúan estables en Galicia. Este xoves, o Sergas engade 132 novos casos no seu cómputo, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Tras un lixeiro axuste nos datos dos días previos (fundamentalmente, unha corrección de 16 casos menos dos computados en xornadas previas na área sanitaria de Vigo), a incidencia acumulada para o conxunto de Galicia a 14 días rolda os 67 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días sitúase en algo menos da metade, uns 33 casos, o que é mostra de estabilidade e mesmo de lixeirísimo descenso
Tras a devandita corrección de pouco máis dunha quincena de casos na área sanitaria de Vigo, esta área recupera unha certa estabilidade malia ser a de maior incidencia a 14 días (uns 93 casos por cada cen mil habitantes) e as liñas á alza máis claras son as das áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza. Nelas sitúanse os dous concellos que dende este xoves están no nivel máximo de restricións, A Pobra do Caramiñal e O Grove. Como amosa o mapa, nestes municipios e as súas comarcas concéntranse boa parte das incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas.
Alén destes puntos, o número de municipios que non rexistraron casos nos últimos 14 días mesmo aumenta un chisco e queda en 146 (+7). Os que non tiveron casos novos na última semana chegan a 190 (+2). Todo isto acontece, en todo caso, en días que aínda non reflicten os contaxios que se puidesen producir durante a Semana Santa, que comezarán a agromar a vindeira semana. A Xunta confirma que será nese punto cando valore a posibilidade de relaxar ou non algunhas restricións, caso de atrasar o toque de recollida ás once da noite, en función de se a estabilidade xeral se mantén ou non.
Menor cifra de hospitalizacións dende setembro
Alén de posibles contaxios por desprazamentos e contactos sociais, outros dos efectos da Semana Santa foi a habitual diminución no número de altas hospitalarias en días festivos. Unha semana despois do comezo da ponte, os datos de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 retoman o ritmo previo aos festivos e sitúanse en 173 (-15), a cifra máis baixa dende principios de setembro. Esta diminución débese integramente ao número de pacientes ingresados en unidades ordinarias de hospitalización, xa que na UCI hai un paciente máis coa COVID, ata un total de 28.
Citas de vacinacións suspendidas á espera dos novos pasos con AstraZeneca
Todo isto sucede nun panorama tamén marcado pola suspensión da vacinación contra a COVID-19 coa vacina de AstraZeneca para a poboación menor de 60 anos. Esta suspensión foi decidida polo Consello Interterritorial e asumida pola Xunta despois do ditame no que a Axencia Europea do Medicamento conclúe que esta vacina ten máis beneficios ca riscos e os trombos son un "efecto secundario moi raro" máis observado, segundo os estudos feitos, por baixo dese limiar de idade.
O Sergas puxo o mércores 40.000 doses de vacinas, un novo máximo; o 18% da poboación galega xa recibiu cando menos unha dose
Segundo o Goberno galego, esta alteración nos plans de vacinacións implicou, de entrada, a suspensión de 1.403 citas programadas para este mesmo xoves, no que persoas de colectivos profesionais considerados esenciais estaban convocados para recibir a primeira dose deste medicamento. O Sergas indica que se dispón a "reprogramar" a vacinación destas persoas e, ao tempo, a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial avalía os pasos a dar coa vacina de AstraZeneca en dous sentidos: que sucederá coa segunda dose das persoas que xa recibiron a primeira e mais a posibilidade de administrala a persoas maiores de 65 anos, xa que ata agora este era o límite fixado para este fármaco. Segundo transcendeu este xoves, o seu criterio pasa por estender o límite ata os 69 anos.
Mentres as autoridades sanitarias aclaran os seguintes pasos para a administración das vacinas de AstraZeneca, os datos de vacinación publicados este xoves polo Ministerio de Sanidade, correspondentes ao día 7 de abril, reflicten ás claras o efecto da nova fase da vacinación masiva. O Sergas administrou nun só día case 40.000 doses e o 18% da poboación galega xa recibiu, cando menos, unha dose de vacina.
Atendendo a estes datos, o Sergas levaba administradas o mércores 624.745 doses. Isto implica que xa puxera o 79,4% das recibidas, 2,4 puntos por baixo da media estatal. Por tramos de idade, o 90,5% da poboación maior de 80 anos xa recibira cando menos unha dose, tres puntos por riba da media do Estado.