O Goberno galego fala das oportunidades da “industria do envellecemento” nunhas xornadas sobre a “silver economy” ou economía xerada polas necesidades das persoas maiores
“Galicia amosa unha tendencia ao envellecemento da poboación maior que outras rexións españolas e europeas. Isto fai do envellecemento activo un nicho de actividade con gran potencial de crecemento, relacionándose coas actividades económicas dedicadas á calidade de vida e ao benestar das persoas”. Con estas palabras salientadas por ela mesma nunha nota de prensa participou a Xunta este luns en Vigo nunhas xornadas empresariais sobre a “silver economy” ou economía xerada polas necesidades das persoas maiores.
As xornadas “Silver economy, la oportunidad del futuro”, organizadas polo Círculo de Empresarios de Galicia, foron presentadas este luns polo director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís. O máximo responsable da entidade da Xunta encargada do fomento empresarial salientou, segundo o propio Goberno galego, “a importancia da industria do envellecemento activo como sector de actividade con gran potencial de crecemento”.
Guldrís, segundo a Xunta, apuntou que a propia configuración da sociedade galega outorga ás empresas locais múltiples posibilidades para transformar as súas liñas de negocio “mellorando produtos e tecnoloxías antes de exportalos a outros mercados”. Tamén salientou que “a saúde en xeral, e especificamente o envellecemento activo e a vida saudable, móstranse como unha das máis interesantes actividades en todas as súas vertentes, a través de servizos e-Health ou nutrición, onde Galicia ten potencial de diferenciación a nivel europeo”.
A Xunta pon o foco nas oportunidades de negocio ligadas ao avellentamento da poboación un día despois de que Praza.gal contase como a fenda dixital das persoas maiores está a impactar na súa atención sanitaria e mesmo as obriga a recorrer a xestorías para pedir citas.