Noutro temporal en novembro, pero 17 anos despois, Galicia volveu ollar o mar coa lembranza da pantasma do Prestige moi presente. O quimiqueiro Blue Star encallou na noite deste venres na costa de Ares, logo de impactar na zona das Mirandas e preto das praias da Barrosa e da Canteira, tras ser arrastrado polo forte vento ao sufrir unha avaría cando saía do fondeadoiro onde se estivera resgardando.
O buque, de 128 metros de eslora, navegaba sen carga. A tripulación mantense a bordo a espera de que o barco poida ser remolcado tras ser imposible na noite
A tripulación do buque, de 128 metros de eslora, atópase a salvo, a bordo e en bo estado e tampouco hai danos medioambientais, segundo informou Salvamento Marítimo, que enviou un helicóptero, o Helimer 401, que avaliou a zona xunto a varios remolcadores para intentar sacar a embarcación da zona, un cometido aínda imposible polas difíciles condicións meteorolóxicas da noite. Xa o sábado, ao volvelo intentar sobre as 13.30 horas coa pleamar, a operación volveu fracasar ao rachar catro dos cabos, polo que o intento repetirase xa de madrugada.
Segundo fontes que participan na operación de rescate, a situación do barco non é polo de agora perigosa, pero a dificultade para desencallalo podería complicala este domingo. De non lograrse o remolque na madrugada, o mal tempo previsto para o domingo complicaría moito máis o operativo e tamén o risco co combustible de autoconsumo que a embarcación leva a bordo.
O barco quimiqueiro non levaba carga, senón que precisamente navegaba desde Bilbao cara á Coruña para cargar algún produto químico. O Blue Star ten bandeira de Malta e foi construído en 2011. Ningún dos seus tanques foi afectado e, polo momento, non hai contaminación ningunha na zona. Os seus 16 tripulantes atópanse en perfectas condicións.
Foi pasada a media noite cando empezaron a saltar as primeiras alarmas. As embarcacións de rescate María Pita, Hocho e Salvamar Betelgeuse foron as primeiras en acudir á zona, a onde chegaron logo os remolcadores Ría de Vigo e Don India.
O buque sufriu unha avaría que o deixou a mercé do forte temporal no mar cando saída do fondeadoiro de Ares cara á Coruña
O barco tivo un problema --todo fai indicar que un incendio na zona da cheminea-- cando intentaba saír do fondeadoiro de Ares para tomar práctico e entrar na Coruña. A avaría na sala de máquinas provocou que quedase a mercé do mar e fose arrastrado polo vento e as ondas cara á costa, onde quedou enganchado entre as rochas, coa hélice ben atascada.
Nun primeiro momento, a posibilidade era a de evacuar a tripulación en helicóptero, pero non foi posible polas fortes ondas e os importantes refachos de vento. As condicións do mar obrigaron mesmo a afastarse aos remolcadores que acudiran a axudar o buque. Con todo, e coa chegada dunha maior calma, os 16 tripulantes quedaron no barco e a maioría deles atopábanse en cuberta xa ao mencer.
O primeiro intento de remolque, no que participaron catro remolcadores, e traslado do buque a porto foi aproveitando a pleamar das 13.40 horas e as mellores condicións do mar. Arredor das 13 horas comezaron os traballos para intentar desembarrancar o buque. A operación é complexa e racharon catro cabos dos remolcadores, que lograran unirse ao buque grazas ao helicóptero Helimer.
Haberá un novo intento sobre as 2 da madrugada, na nova pleamar, aínda que as condicións e complicacións que se prevén son semellantes nesa altura.
Aínda que os tanques do Blue Star están baleiros, a Xunta despregou xa en fase de alerta o Plan de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) para responder en caso dalgunha vertedura polo combustible ou restos que puidese haber no barco.
O suceso creou grande expectación entre a veciñanza da zona e desde primeira hora da mañá hai ringleiras de xente que acode á costa para seguir as operacións de rescate, que levan a cabo tres remolcadores e un helicóptero.
O primeiro intento de remolque fracasou ao rachar catro cabos, polo que a operación atrásase ata a madrugada do sábado ao domingo
As primeiras reaccións políticas non tardaron en chegar, desde o BNG, o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, aclarou que "o importante é que a operación de rescate, especialmente da tripulación, se complete con éxito", mais advertiu de que "non pode ser que o control da costa galega e do salvamento dependa de Madrid". "Precisamos capacidade de decidir sobre o noso mar", dixo.
Néstor Rego denunciou que "dezasete anos despois do Prestige continúe habendo novos accidentes na nosa costa sen medios adecuados para prevelos e evitalos". Anunciou así que o BNG reclamará tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego, "información sobre todo o que aconteceu desde que se recibiu a primeira chamada de alerta e cales foron os medios que se puxeron para evitar que o barco acabase encallando".